Galicia
Galicia[a] ( pronunciación (axuda · info)) ou Galiza[b] ( pronunciación (axuda · info))[c] é unha nación[d] recoñecida internacionalmente en 1933[3][4][5][6] e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal.
Galicia (gl) Galicia (es) | |||||
Himno | Os Pinos | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | España | ||||
Capital | Santiago de Compostela | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.695.645 (2021) (91,15 hab./km²) | ||||
Xentilicio | galego, galega | ||||
Lingua oficial | lingua galega lingua castelá | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 29.574 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico e Mar Cantábrico | ||||
Punto máis alto | Pena Trevinca (2.127 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 28 de abril de 1981 | ||||
Día festivo | |||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Xunta de Galicia | ||||
• Presidencia da Xunta | Alfonso Rueda (2022–) | ||||
Órgano lexislativo | Parlamento de Galicia , (Escano: 75) | ||||
Máxima autoridade xudicial | Tribunal Superior de Xustiza de Galicia | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .gal | ||||
ISO 3166-2 | ES-GA | ||||
Código NUTS | ES11 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | Prefectura de Wakayama (1998–) | ||||
Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España. Así mesmo, como unha das seis autonomías con dereito foral, posúe o seu Dereito civil propio.
A súa superficie é de 29 576,74 km², pola que se espallan 30 377 núcleos de poboación,[7] a metade dos existentes en España.[8][9][e] Estes esténdense por 3 771 parroquias,[7] que compoñen 313 concellos,[7] agrupados en 53 comarcas e catro provincias. Santiago de Compostela é a capital, cun estatuto especial.[11] Forman parte do territorio unha serie de illas e illotes próximos á costa, entre os que destacan a Illa de Arousa e as illas Cíes e Ons.
Galicia posúe 2 695 645 habitantes dos que 1 297 301 son homes e 1 398 344 mulleres (datos a 1 de xaneiro de 2021).[12] Conta cunha distribución da poboación que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. Os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios de poboación son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol.
O concello máis poboado é o de Vigo con 292 374 habitantes (datos de 2022)[13] e o menos poboado o de Negueira de Muñiz con 228 habitantes no 2022. O concello máis extenso é o da Fonsagrada cunha superficie de 438,42 km² e o máis pequeno o de Mondariz-Balneario con 2,31 km².[8] A Coruña é o concello con maior densidade de poboación con 6 545,18 hab./km² e Vilariño de Conso é o que ten menor densidade de poboación con 2,62 hab./km² no 2020.
Galicia xurdiu como entidade política no século III, coa creación da provincia romana da Gallaecia.[14] Cuns límites que superaban os actuais, recibía o seu nome dos galaicos, o pobo celta que levaba morando en castros ao norte do río Douro polo menos o último milenio. As súas terras, habitadas dende o primeiro período da era prehistórica, o Paleolítico inferior, foran incorporadas ao Imperio Romano ao final das guerras cántabro-astúrico-galaicas no 19 a. C. Coa chegada dos suevos contra o ano 410, Galicia constituíuse como reino e foi o primeiro Estado medieval de Europa.[15] Este reino suevo-galego, alén de ser o primeiro en se separar do Imperio Romano, foi tamén o primeiro en cuñar moeda propia, en se converter ao catolicismo e en chegar a dominar case toda a Península Ibérica.[16] En 585 foi incorporado ao reino visigodo, tornándose o espazo galego nunha das tres unidades que conformaban o conxunto rexido polos monarcas;[17] con Vitiza nalgunha ocasión. Após a caída visigoda en 711, en Galicia comezouse a conformación dun novo reino cristián.[18] Consolidado o poder rexio no século IX,[19] o reino de Galicia atinxiu a hexemonía peninsular durante o período entre os séculos XI e XIII,[20] sendo un dos centros políticos máis importantes da Europa Occidental,[21] nunha etapa de máximo esplendor económico, artístico e cultural,[22] en que proxectou a lingua e literatura galegas alén das súas fronteiras. A independencia de Portugal en 1139, a separación de Castela en 1157[23] e a individualización de León no mesmo século[24] restrinxiron o territorio do antigo reino ao propiamente galego. Por diferentes vicisitudes políticas, Galicia aínda sufriría unha serie de mutilacións territoriais na súa franxa leste, primeiro coa perda do Eo-Navia nesa centuria e despois coa do Bierzo e a Seabra séculos despois.[25] Tras a unión dinástica en 1230 na persoa do rei de Castela, o reino mantivo o seu particularismo político, mais comezou unha progresiva decadencia debido ao afastamento do centro de poder.[26] Con posterioridade tentáronse desenvolver proxectos políticos propios mediante entronizacións de reis non casteláns como Xoán I (1296), Fernando I de Portugal (1369) ou Xoán de Gante (1386). O século XV supuxo o cumio do poder para os señores feudais galegos, que gobernaron coma reis nos seus dominios, ata que a fracasada gran revolta irmandiña (1467-1469) e o conflito sucesorio (1475-1479) propiciaron a chamada doma e castración do Reino de Galicia, consumada en 1486 polos Reis Católicos. Como un dos reinos da Monarquía Hispánica, Galicia seguiu a ser unha entidade xurídica independente ata 1833,[27][28] cando os antigos reinos foron abolidos para crear un estado centralizado.[29] Anteriormente, en 1808 tivera total soberanía coa súa Xunta Suprema no contexto da guerra contra o invasor francés. Durante os séculos XIX e XX houbo diferentes correntes galeguistas (provincialismo, rexionalismo, nacionalismo), medrando a demanda de autogoberno e recoñecemento da identidade cultural e lingüística galegas. Isto, alén dunha efémera República Galega en 1931 e do recoñecemento internacional como nación en 1933, resultou no Estatuto de Autonomía de 1936, frustrado polo inmediato Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e a posterior longa ditadura. Após a súa finalización coa morte do ditador, aprobouse o Estatuto de Autonomía de 1981, o cal dotou a Galicia dun relativo autogoberno.
Etimoloxía
- Véxase tamén: Historia do topónimo Galiza e Galicia.
Os nomes "Galiza" e "Galicia" derivan da palabra latina Gallaecia (ou Callaecia), que significaba literalmente «terra dos galaicos». Callaecia[30] 'a terra dos Callaeci', de *kallā- «madeira»[31] co sufixo complexo local -āik-. Posteriormente tornouse Gallicia, actual Galicia ou Galiza. Os galaicos (en latín: Gallaeci, en grego: Καλλαϊκοί) foron o pobo máis numeroso do noroeste da Península Ibérica xa antes da súa integración ao Imperio Romano no século I a. C., aínda que algúns autores consideran que en orixe o termo "galaico" era empregado para denominar unha pequena tribo ao norte do río Douro, os callaecos; sexa como for, este nome acabou por denominar todo un grupo étnico de lingua celta e culturalmente homoxéneo, situado entre o mar Cantábrico e o río Douro.[32]
A primeira referencia histórica dos galaicos, remóntase ao ano 136 a. C., cando o xeneral romano Décimo Xunio Bruto Galaico regresa a Roma —despois da súa vitoriosa campaña bélica contra dous pobos previamente descoñecidos, lusitanos e galaicos— recibindo do propio Senado romano o título de Gallaecus ou "galaico" en honor á dura expedición militar contra estes.[33] Tras estes primeiros contactos, o mundo grecolatino vai denominar o seu país como Gallaecia, tal e como fixeron Estrabón, Plinio e Apiano, entre outros. Será este nome Gallaecia a que irá evolucionando durante máis de trece séculos, e que acabará por adoptar as formas "Galiza" e "Galicia".
Máis controvertido é, non obstante, o significado orixinario do termo Gallaicus (galaico) e consecuentemente de Gallaecia. O primeiro autor que teorizou sobre isto foi Isidoro de Sevilla, quen no século VII explicaba que o nome "galaico" aludía á pel branca como o leite que tiñan os seus habitantes, de xeito similar aos habitantes da Galia[34]. Serán moitos autores posteriores os que tenten buscar o significado deste nome, tales como Afonso X o Sabio, Ramón Barros Sivelo ou Murguía, mais hoxe tende a relacionarse con étimos das linguas celtas, e indoeuropeas en xeral, de maneira que o significado exacto da palabra é, actualmente, descoñecido.
Símbolos de Galicia
- Artigo principal: Símbolos de Galicia.
Bandeira de Galicia
- Artigo principal: Bandeira de Galicia.
Aínda que durante séculos, a antiga bandeira galega foi de fondo azul con cruces douradas, e un gran copón no centro ao xeito do escudo, a actual bandeira galega foi creada a finais do século XIX polos galeguistas históricos do Rexurdimento, como insignia nacional,[35] ondeando dende polo menos o ano 1891. Ten fondo branco e presenta unha franxa azul dende o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito.
Escudo de Galicia
- Artigo principal: Escudo de Galicia.
O cáliz, figura heráldica que representa a Galicia, foi documentado por vez primeira no escudo dos reis de Galicia (roys de Galyce) do Armorial Segar de Inglaterra no ano 1282. Ten experimentado diferentes cambios ao longo do tempo, o actual escudo de Galicia é descrito no artigo número 3 da Lei de símbolos de Galicia:
O escudo de Galicia trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe. O timbre, coroa real, cerrada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de pérolas, e das súas follas saen cadansúas diademas sumadas de perlas, que converxen nun mundo de azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa, forrada de goles ou vermello[36].
Himno galego
- Artigo principal: Os Pinos.
O himno galego (Os Pinos) é o símbolo acústico máis solemne de Galicia como comunidade política. O texto son as dúas primeiras partes (catro primeiras estrofas) do poema Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal, e a música é da autoría de Pascual Veiga. Estreouse na Habana, Cuba, o 20 de decembro de 1907.[37] Ademais a Antiga Marcha do Reino de Galicia é recoñecida na Lei 5/1984, do 29 de maio, de símbolos de Galicia como distintivo tradicional.[38]
Historia
- Artigo principal: Historia de Galicia.
Prehistoria
- Artigo principal: Prehistoria de Galicia.
As primeiras probas líticas de presenza humana en Galicia remóntanse a hai uns 300.000 anos, no Paleolítico inferior, durante o Plistoceno medio. Apareceron restos destes poboadores por todo o litoral, dende Ribadeo ata A Guarda. Estes restos son instrumentos líticos, que nos amosan unha industria acheuliana a base de bifaces, fendedores, triedros... feitos sobre unha base de cuarzo ou cuarcita. Coñécense dúas culturas, o Paleolítico inferior arcaico (ou "cultura dos cantos tallados") e o Paleolítico inferior clásico ou acheuliano. A técnica é máis simple na primeira delas. As industrias son simples e o número de tipos reducido.
A primeira claramente identificada, caracterízase pola súa capacidade construtora e arquitectónica, xunto co seu sentido relixioso, fundamentado no culto ós mortos como mediadores entre o home e os deuses. Este sentido relixioso abrangue a súa importancia ata a actualidade. Estaban constituídos en clans. Desa época dan testemuña milleiros[Cómpre referencia] de mámoas e medorras espalladas por todo o territorio.
Idade de Bronce
É nestes tempos cando se acada o desenvolvemento metalúrxico, impulsado pola riqueza mineira. Parece que debido ós cambios climáticos, varios pobos da meseta trasladáronse a Galicia, incrementando a poboación e os conflitos entre pobos. É a época de produción de diversos utensilios e xoias de ouro ou de bronce, que mesmo foron levadas máis aló dos Pireneos.
Etapa castrexa
- Artigo principal: Cultura castrexa.
Floreceu na segunda metade da Idade de Ferro, resultado da fusión da cultura da Idade de Bronce e outras contribucións posteriores, coexistindo en parte coa época romana. Os celtas trouxeron novas variedades de gando, o cabalo domesticado e probablemente o centeo.
O primeiro pobo celta que invade Galicia é o dos saefes, no século XI a. C. Someterá os oestrimnios, pero este influirá no primeiro sobre todo no eido da relixión, da organización política e das relacións marítimas coa Bretaña. O seu carácter eminentemente guerreiro fixo que Estrabón dixese deles que eran os máis difíciles de vencer de toda Lusitania. Cómpre dicir que a provincia romana da Gallaecia propia dos galaicos aínda non estaba constituída política e administrativamente.
Os castros son recintos fortificados de forma circular, provistos dun ou varios muros concéntricos, precedidos xeralmente do seu correspondente foso e situados, os máis deles, no cume de outeiros e montañas. Entre os castros de tipo costeiro destacan o de Fazouro, Santa Trega, Baroña e O Neixón. No interior poden mencionarse os de Castromao e Viladonga. Común a todos eles é o feito de que o ser humano se adapta ó terreo e non ó contrario.
En canto ós templos, a única construción atopada é a de Elviña. O de Meirás conserva unha necrópole. Noutros castros existían pequenas construcións en forma de caixa onde se gardaban as cinzas (cultura sorotáptica, dos campos de enterramento de furnas ou Urnenfelder como se coñecen pola súa denominación en alemán). Existen tamén outras parcialmente soterradas, cun depósito para a auga, nas que os vestixios de lume indican que debían servir para incinera-los cadáveres.
Dende finais do Megalítico aparecen inscricións sobre as rochas graníticas a ceo aberto das que se descoñece aínda a verdadeira orixe e significado (son moi coñecidas as de Campo Lameiro).
- Artigo principal: Gallaecia.
Os romanos someteron a Galicia para aproveita-los seus recursos mineiros. Co tempo converteríana en provincia do imperio e recoñecerían a súa personalidade chamándoa Gallaecia. Con eles, os castros perderon o seu vello valor defensivo. Trouxeron novas técnicas, novas vías de comunicación, novas formas de organiza-la propiedade e unha lingua nova, pero foron tolerantes coa cultura existente.
O cristianismo chegaría a Galicia cos romanos. Lograría o que non acadou o latín e impúxose ó arianismo dos suevos e ó paganismo prerromano. Os suevos, que mantiveron Galicia como reino independente cento setenta anos, foron progresivamente mediatizados polos visigodos. Foi na súa época na que se impuxeron definitivamente a lingua latina e o cristianismo, evolucionando o primeiro cara ao galego e mesturándose o segundo cos costumes pagáns.
O islam chegaría ó sur de Galicia e só o norte se mantería como bastión da Reconquista ata que, logo de recupera-lo sur, este se independizara co nome de Portugal.
As actividades económicas dos castrexos baséanse na agricultura e gandería pastoril.
- Artigo principal: Reino de Galicia.
A aparición do sepulcro do Apóstolo 'Sant Iago' no século IX conferiulle a Galicia unha importancia clave dento do fortalecemento dos reinos cristiáns, erixíndose Santiago de Compostela como centro relixioso e destino de peregrinos que fortaleceron as ligazóns con Europa. O Camiño de Santiago converteuse nun eixe cultural polo que se espallaron, entre outros, a arte románica ou a lírica dos trobadores, facendo dela tamén un contrapeso cultural fronte ó centralismo.
Idade Moderna
- Artigo principal: Galicia na Idade Moderna.
A partir da escriturización normativa en castelán comezada por Afonso X, o galego como lingua comezou unha decadencia acelerada dentro do proceso de uniformación de España, pasando polos chamados Séculos Escuros, nos que a supervivencia lingüística foi só oral. No século XVIII comezouse a tomar conciencia da situación de división lingüístico-social entre o pobo galegofalante e os poderosos, castelanfalantes. Neste século, Galicia era un dos territorios máis poboados de Castela, e ata 1750 experimentou un rápido crecemento demográfico.[39]
Idade Contemporánea
Século XIX
- Artigo principal: Galicia na Idade Contemporánea.
En 1833 Galicia perde a súa representatividade como unidade administrativa e desaparece a Xunta do Reino de Galicia. É aquí onde nacen as actuais catro provincias galegas que estruturan o territorio baixo administración do goberno central. Anteriormente as divisións eran outras, sendo a anterior a división en cinco provincias (reinado de Fernando VII): Ourense, A Coruña, Lugo, Vilafranca do Bierzo (que foi dividida entre Ourense e León) e Vigo (que pasaría a Pontevedra).[40] Atopamos neste século o primeiro xurdimento dun movemento político que vai defender Galicia por causa desta perda de poder.
O pronunciamento de Solís vai levantar en armas a unha parte do exército para defende-la unidade de Galicia contra a perda da desa administración anterior. Finalmente foron masacrados na batalla de Compostela e o 23 de abril de 1846 fusilados os sobreviventes, coñecidos a partir de aí coma os Mártires pola Liberdade ou Mártires de Carral.
O Rexurdimento supón unha tentativa culturalista de defensa da galeguidade posterior a esa tentativa política o afianzamento da conciencia de diferenciación cultural parella a un ideal político de autopertenza. Isto supón a recuperación da lingua galega como vehículo de expresión culto. Desta época son Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Murguía, Manuel Leiras Pulpeiro ou Eduardo Pondal, entre outros.
Século XX
Logo do provincialismo, federalismo e rexionalismo do século anterior, xorde a etapa da Solidaridad Gallega, de 1907 á primeira guerra mundial, co obxectivo de conseguir unha fronte electoral unida para eliminar o caciquismo e acadar unha representación galega (o que se saldou cun fracaso).
Unha primeira etapa, ata Primo de Rivera, é a marcada polas Irmandades da Fala, cunha preocupación fundamental pola defensa da lingua. Ao estendérense, vai callando de novo a idea política do galeguismo. Así, Vicente Risco e Otero Pedrayo traballaron no aspecto cultural e tiveron contraparte no aspecto político en Porteira e Lois Peña Novo. O relevo constitúeo a chamada xeración Nós, en torno á revista do mesmo nome, acompañada de 1920 á Segunda República por unha preocupación pola creación dun galeguismo controlado e instrumental dende o poder político central.
Na Segunda República hai dúas tendencias fundamentais: a correspondente á Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e a contraparte no Partido Galleguista (PG). O PG xorde da unión de varias tendencias representadas nas figuras de Vicente Risco, R. Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Ramón Suárez Picallo, Castelao... En 1936 o PG, para lograr o estatuto para Galicia, aliouse coa Fronte Popular e como consecuencia desa alianza sufriu unha escisión. Porén, logrouse o Estatuto e Castelao presentouno nas Cortes pouco antes da guerra civil española.
Franquismo
Durante o franquismo, cualificado por Celso Emilio Ferreiro de "longa noite de pedra", sucedéronse diferentes etapas represivas coas ideas galeguistas, a partir da loita armada de moitos galeguistas contra Francisco Franco.[Cómpre referencia]
Na posguerra créase en Buenos Aires o Consello de Galiza, comandado por Castelao e Suárez Picallo. No ano 1944 sae do prelo Sempre en Galiza, guía ideolóxica do galeguismo. Pouco a pouco vaise optando polo mantemento dunha acción cultural, como manifesta a creación da editorial Galaxia.
No ano 1964 fúndanse a Unión do Pobo Galego (UPG, que Méndez Ferrín, un dos seus fundadores definiu como o partido nacionalista de esquerda revolucionaria) e o Partido Socialista Galego (PSG, con X. M. Beiras e Salvador García-Bodaño).
En democracia
- 1975: Constitución da Xunta Democrática de Galicia.
- 1976: Constitución da Táboa Democrática de Galicia.
- 1977: Constitución da Asemblea de Parlamentarios de Galicia.
- 1978: Xunta Preautonómica presidida por Antonio Rosón Pérez.
- 1979: Xunta Preautonómica presidida por Xosé Quiroga Suárez.
- 1980: Referendo do Estatuto de autonomía. Aprobado facendo referencia á Nacionalidade Histórica.
- 1981: Primeiras eleccións autonómicas.
- 1982: Presidente da Xunta de Galicia: Xerardo Fernández Albor.
- 1987: Presidente da Xunta de Galicia: Fernando González Laxe.
- 1989: Presidente da Xunta de Galicia: Manuel Fraga Iribarne.
- 2005: Presidente da Xunta de Galicia: Emilio Pérez Touriño.
- 2009: Presidente da Xunta de Galicia: Alberto Núñez Feijóo.
- 2022: Presidente da Xunta de Galicia: Alfonso Rueda.
Demografía
- Artigo principal: Demografía de Galicia.
Cunha poboación de 2 695 645 habitantes (1 297 301 homes e 1 398 344 mulleres; datos a 1 de xaneiro de 2021)[12] Galicia é a quinta comunidade autónoma de España por poboación.[12] A súa densidade de poboación, de 92,94 hab./km², é lixeiramente superior á media española e semellante á europea.
A poboación de Galicia concéntrase na súa maioría nas zonas costeiras, sendo as áreas das Rías Baixas e o Golfo Ártabro (áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol) as de maior densidade de poboación. O concello de Vigo, con 292.374 habitantes, constitúe o máis poboado de Galicia, seguido dos da Coruña, 245 468 habitantes (2021),[13] e Ourense, 104 596 habitantes (2021).[13] Xunto con estas tres cidades, Galicia conta con outras catro localidades consideradas cidades: Lugo, Santiago de Compostela (capital administrativa de Galicia), Pontevedra e Ferrol.
Así mesmo, o país conta con outros cinco concellos con máis de 30.000 habitantes, dez concellos de entre 20 000 e 30 000 habitantes, e trinta e cinco de entre 10.000 e 20.000.Segundo o censo de 2014, o nivel de fertilidade das galegas era de 1,07 fillos por muller fronte ao 1,32 estatal e menor á cifra de 2,1 fillos por muller necesarios para que se produza a substitución xeracional da poboación.[41] Entre as galegas, as ourensás e as luguesas son as que menos fillos teñen, con 0,99 e 1,04, sendo as primeiras, das que menos fillos teñen en España só por baixo das asturianas.[42] En 2013 rexistráronse en Galicia un total de 19.727 nacementos, o que supón 1.362 menos ca en 2012, segundo o IGE.[43] De feito, nos últimos anos Galicia vive unha diminución paulatina do número absoluto de nacementos dende o ano 2008, no que houbo 23.175 nacementos,[43] tras un breve período de recuperación entre os anos 2002 e 2008.
Pirámide de poboación galega no ano 2014 | |
O saldo vexetativo, é dicir, a diferenza entre o número de persoas nadas e as falecidas, é negativo en Galicia dende final dos anos oitenta.[44] No 2013 houbo un total de 30.433 falecementos polo que a diferenza entre defuncións e nacementos é de 10.706 persoas.[43]
Canto á esperanza de vida, os galegos tiñan en 2013 unha esperanza de vida ao nacer de 82,59 anos (79,48 anos para os homes e 85,59 anos para as mulleres).[45] Dende 1981, ano en que a esperanza de vida dos galegos era de 75,4 anos, esta medrou en 7 anos, grazas á mellora da calidade de vida.[46] O avellentamento da poboación tamén se pon de manifesto no incremento de anciáns de idade avanzada que rexistra gradualmente a comunidade cada exercicio. Galicia contaba en 1996 con 226 persoas con máis de cen anos. Dezaoito anos despois, a cifra medrou un 466,8% ao superaren o século 1.281 galegos no ano 2014.[47]
No ano 2014 residían en Galicia 98.245 estranxeiros, o que supón o 3,57% da poboación total. As nacionalidades predominantes son a portuguesa (19,03% do total de estranxeiros), a romanesa (9,36%) e a brasileira (8,34%).[48]
- Densidade de poboación por provincias.
- Concellos máis densamente poboados de Galicia.
- Densidade de poboación por parroquias.
- Concellos que gañaron ou mantiveron a súa poboación en 2009.
- Mapa dos concellos de Galicia coa poboación de 2010.
Concellos máis poboados
Listaxe | Municipio | Provincia | Pob. | Listaxe | Municipio | Provincia | Pob. | Vigo A Coruña Ourense Santiago de Compostela Lugo Pontevedra |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | Vigo | Pontevedra | 293 652 | 13 | Carballo | A Coruña | 31 416 | |
2 | A Coruña | A Coruña | 247 376 | 14 | Culleredo | A Coruña | 30 864 | |
3 | Ourense | Ourense | 104 250 | 15 | Redondela | Pontevedra | 28 937 | |
4 | Santiago de Compostela | A Coruña | 98 687 | 16 | Ribeira | A Coruña | 27 030 | |
5 | Lugo | Lugo | 98 214 | 17 | Cangas | Pontevedra | 26 807 | |
6 | Pontevedra | Pontevedra | 82 535 | 18 | Cambre | A Coruña | 24 739 | |
7 | Ferrol | A Coruña | 63 890 | 19 | Marín | Pontevedra | 24 197 | |
8 | Narón | A Coruña | 39 051 | 20 | Ponteareas | Pontevedra | 23 154 | |
9 | Oleiros | A Coruña | 37 809 | 21 | O Porriño | Pontevedra | 20 562 | |
10 | Vilagarcía de Arousa | Pontevedra | 37 689 | 22 | Lalín | Pontevedra | 20 282 | |
11 | Arteixo | A Coruña | 33 516 | 23 | A Estrada | Pontevedra | 20 081 | |
12 | Ames | A Coruña | 32 482 | 24 | Moaña | Pontevedra | 19 315 | |
Padrón continuo. Datos a 1 de xaneiro de 2023[49] |
Evolución demográfica
A finais do século XVIII, o reino de Galicia era a unidade territorial máis poboada da Monarquía Hispánica, e a única que superaba o millón de habitantes.[50] Após a abolición en 1833 dos antigos reinos da devandita monarquía, a historia demográfica de Galicia foi a dunha continua perda de peso respecto ao resto do Estado, froito da emigración cara a Iberoamérica, Centroeuropa ou outros territorios do Estado. Así, en 1857 a densidade de poboación en Galicia era a meirande de todas as rexións que conforman o estado, representando a cota galega o 11,49% da poboación española[f] Así e todo, no 2021, Galicia pasou a representar unicamente o 5,69% da poboación estatal.[51]
Evolución demográfica de Galicia e porcentaxe con respecto ao total estatal[52] | ||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Ano | 1857 | 1877 | 1887 | 1900 | 1910 | 1920 | 1930 | 1940 | ||||||||||||
Poboación | 1 776 879 | 1 848 027 | 1 894 558 | 1 980 515 | 2 063 589 | 2 124 244 | 2 230 281 | 2 495 860 | ||||||||||||
Porcentaxe | 11,49% | 11,11% | 10,79% | 10,64% | 10,32% | 9,93% | 9,42% | 9,59% | ||||||||||||
Ano | 1950 | 1960 | 1970 | 1981 | 1991 | 2001 | 2011 | 2014 | 2021 | |||||||||||
Poboación | 2 604 200 | 2 602 962 | 2 583 674 | 2 753 836 | 2.720.445 | 2.732.926 | 2.795.422 | 2.748.695 | 2 695 645 | |||||||||||
Porcentaxe | 9,26% | 8,51% | 7,61% | 7,30% | 6,90% | 6,65% | 5,92% | 5,88% | 5,69% |
Divisións administrativas
Administrativamente a Galicia actual divídese en 4 provincias, 53 comarcas, 313[53] concellos e 3 771 parroquias.[7][g]
Provincias
- Artigo principal: Provincias de España.
Durante a Idade Moderna e até a División territorial de España en 1833 Galicia estivo dividida en 7 provincias: A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui. Actualmente Galicia estrutúrase en 4 provincias:
Provincia | Capital | Superficie (km²) | Poboación 2021 (hab.)[54] | Densidade (hab/km²) | Concellos |
---|---|---|---|---|---|
Provincia da Coruña | A Coruña | 7 950 | 1 120 134 | 140,83 | 93 |
Provincia de Lugo | Lugo | 9 856 | 326 013 | 33,44 | 67 |
Provincia de Ourense | Ourense | 7 273 | 305 223 | 42,30 | 92 |
Provincia de Pontevedra | Pontevedra | 4 495 | 944 275 | 209,71 | 61 |
Comarcas
- Artigo principal: Comarcas de Galicia.
As provincias galegas divídense en 53 comarcas segundo o Decreto 65/1997 da Xunta. Delas, 18 comarcas pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal[55] e carecen de funcións administrativas.
Concellos, parroquias e lugares
- Artigos principais: Concellos de Galicia, Parroquias de Galicia e Lugares de Galicia.
Galicia está dividida en 313 concellos[56] e 3 771 parroquias.[7][h] O territorio do concello estrutúrase en parroquias e estas á súa vez en aldeas ou lugares.
Demograficamente, Galicia caracterízase pola súa alta taxa de dispersión demográfica, o que, xunto a un elevado número de poboacións, fai que un 50 % das entidades de poboación de España se atopen en Galicia, ocupando só o 5,8% da superficie total. Así, calcúlase que en Galicia existe máis dun millón de topónimos e microtopónimos.[57]
Economía
- Artigo principal: Economía de Galicia.
Galicia é unha terra de contrastes económicos. Mentres a costa oeste, sede dos maiores centros de poboación, e tamén das industrias manufactureiras e de derivados da pesca, é próspera e incrementa a súa poboación, a zona rural das provincias de Ourense e Lugo basea a maior parte da súa economía na agricultura tradicional, asentada no minifundio, ou pequenas explotacións agrícolas e/ou gandeiras. O crecemento do turismo, aproveitamento forestal sostible e agricultura orgánica e natural, así como explotacións gandeiras de certo tamaño están aumentando as posibilidades da economía galega.
Aséntanse en Galicia poucas grandes industrias. Cabe contar entre elas coa planta de aluminio que a multinacional Alcoa ten en San Cibrao (Cervo), a industria manufactureira de automóbiles da tamén multinacional Citroën en Vigo, a mina e as centrais térmica e de ciclo combinado de Endesa das Pontes de García Rodríguez, a refinería da Coruña ou os estaleiros de Ferrol e Vigo, con desigual sorte e en proceso de reconversión case continua na súa maioría dende os anos 80. Nos anos 90 unha industria galega comezou a desenvolverse internacionalmente, o grupo téxtil Inditex (Zara, Pull and Bear etc.), con sede en Arteixo.
As industrias manufactureiras de produtos agrícolas están en pleno retroceso, caendo en mans foráneas as industrias de derivados lácteos e outras sufrindo unha reestruturación, como lle pasou á antiga industria estatal FRIGSA (Frigoríficos Industriales de Galicia) que acabou sendo desmantelada, tratando de ocupar o seu lugar unha serie de empresas moito máis pequenas.
Galicia tamén conta con dúas importantes entidades financeiras filiais de entidades foráneas: Abanca, que é filial do grupo Banesco, e o Banco Pastor, que é propiedade do Banco Popular. Abanca é a marca comercial do banco que se creou no ano 2014 trala fusión por absorción do Banco Etcheverría por parte de NCG Banco, sendo este último á súa vez resultado da fusión de dúas caixas de aforros; Caixa Galicia e Caixanova. O Banco Pastor pola súa banda é unha marca para Galicia do Banco Popular, que o adquiriu no ano 2011. Até entón o Pastor era o segundo banco máis antigo de España despois do Banco Etcheverría.
A pesca, na que tradicionalmente Galicia é unha potencia, vén minguando o número de capturas dende hai anos tanto polo esgotamento das pesqueiras tradicionais como polas condicións políticas de acceso a estas. Estanse comezando a desenvolver os cultivos mariños, algúns deles seguindo a liña tradicional das mexilloeiras (que aínda hoxe representan a maioría do valor de especies cultivadas) ou as cetarias.
A agricultura e a gandería pasaron nunha xeración de ser practicamente de subsistencia a ser de comercialización, e seguen a sufrir cambios debido ao impacto da incorporación na UE e ás condicións de entrada. O número de explotacións agrarias está caendo rapidamente, así como se está a concentrar a cota leiteira, por citar dous indicadores.
O turismo, de desenvolvemento máis tardío ca noutras zonas da Península, representa hoxe en día unha importante fonte de ingresos, coa peculiaridade de que se concentra na costa (principalmente nas Rías Baixas) e Santiago.
Segundo o IGE, durante o ano 2014 Galicia recibiu 4.089.870 turistas en aloxamentos turísticos, un 8% máis que no ano 2013, e un 4,5% menos que o último ano santo xacobeo do 2010.[59] O turismo supón o 12 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) galego e emprega a un 12 ou 13 por cento dos traballadores.
Enerxía
A xeración neta en 2014 alcanzou os 31.287 GWh dos cales 10 069 obtivéronse das centrais termoeléctricas do carbón, 10.245 de fonte hidráulica, 8.314 da enerxía eólica, e 19 de solar fotovoltaica.[60] Esta cantidade supuxo o 11,72 % do total de España.[60] Ese mesmo ano a demanda na comunidade galega ascendeu a 19.451 Gwh.[60]
As principais fontes de xeración son os combustibles sólidos procesados transformados principalmente nas centrais térmicas de Meirama e As Pontes. Esta última é a maior central térmica de España cunha potencia de 1.468 Mw distribuída en catro grupos xeradores.[61]
A porcentaxe de produción de enerxía renovable (hidráulica, solar e térmica renovable) en Galicia no ano 2014 foi aproximadamente do 60 %.[60] Dentro deste grupo, as enerxías renovables están nunha etapa de gran crecemento, destacando a enerxía eólica que supuxo en 2005 o 83,1 % do total da potencia instalada de enerxías renovables, e que no ano 2014 colocaba a comunidade no terceiro posto nacional con 3.362 MW de potencia instalados[60] Nos próximos anos espérase unha expansión da enerxía térmica solar[62] así como da enerxía undimotriz.
Xeografía
- Artigo principal: Xeografía de Galicia.
- Véxase tamén: Rías de Galicia, Montes de Galicia e Illas de Galicia.
O territorio de Galicia está comprendido entre 43°48′ N (Estaca de Bares) e 41°49′ N (Portela do Home, na fronteira con Portugal) en latitude. En lonxitude, entre 6°44′ O (límite entre Ourense e Zamora) e 9°18′ O (cabo Touriñán).
Relevo
Na xeografía galega destaca o contraste entre o relevo costeiro e o de interior, máis elevado có primeiro. Tamén contrasta a morfoloxía entre as chairas elevadas setentrionais e as serras e depresións meridionais.
O aspecto orográfico que presenta Galicia no seu interior é de montañas baixas e romas, con multitude de ríos, estruturados como tributarios do río Miño no interior, e nas cuncas atlántica e cantábrica, ríos máis curtos (en particular os que van ó mar Cantábrico). As pendentes suaves ás veces ceden o paso a ladeiras escabrosas, como ocorre nos canóns do Sil. Noutras zonas aparecen amplos vales, aínda que son minoritarios.
A costa galega conta con 1.498 km dos que máis de 800 son cantís e 300 son de praias. A costa do país caracterízase pola presenza das rías, indentacións na costa nas que o mar anegou vales fluviais por descenso do nivel terrestre (ascenso relativo do nivel mariño). As rías están tradicionalmente divididas en Rías Altas (Ribadeo, Foz, Viveiro, Barqueiro, Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Ares, Betanzos, A Coruña, Corme e Laxe e Camariñas) e Rías Baixas de maior tamaño, atópanse ao sur de Fisterra como punto máis occidental de Galicia (Corcubión, Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo). Entre as Rías Altas faise decote unha división entre as denominadas propiamente Rías Altas (ó leste de Estaca de Bares) e as Rías Medias.
As rías destacan pola súa importante achega á pesca de Galicia, contribuíndo a que a costa galega sexa unha das zonas pesqueiras máis importantes do mundo.
A erosión do océano Atlántico na costa galega tamén contribuíu á presenza de multitude de cabos entre os que destacan Estaca de Bares (punto máis ó norte de Galicia e a separación entre océano Atlántico e mar Cantábrico), cabo Ortegal, cabo Prior, punta Santo Adrao, cabo Vilán, cabo Touriñán (punto máis occidental de Galicia), cabo Fisterra, considerado polos romanos como o fin do mundo coñecido e o cabo Silleiro que pecha polo sur a ría de Vigo.
Ó longo da costa galega atópanse pechando as rías un gran número de arquipélagos que destacan tanto polos seus fondos mariños como polas súas colonias de aves mariñas. Os principais grupos de illas son os arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora así como as illas de Cortegada (xunto cos tres arquipélagos anteriores forman o Parque nacional das Illas Atlánticas), Arousa, Sisargas e Malveiras.
O aspecto orográfico que presenta Galicia no seu interior é de montañas baixas e romas. As pendentes suaves ás veces ceden o paso a ladeiras escabrosas, como acontece nos canóns do río Sil. Noutras zonas aparecen amplos vales, aínda que son minoritarios.
Galicia é percorrida de norte a sueste por dúas fallas tectónicas, partindo as características do chan galego por tales lugares. Así, atopámonos na zona do Porriño con canteiras de granito, rocha moi abundante en boa parte de Galicia, pero ausente no extremo nordeste.
As principais cadeas montañosas do país son as serra do Xistral (norte de Lugo), Os Ancares (fronteira con León e Asturias), O Courel (fronteira con León), O Eixo (fronteira entre Ourense e Zamora; a 2.124 m atópase Pena Trevinca, o teito de Galicia), Macizo Central ourensán (corazón da provincia de Ourense), O Faro (fronteira entre Lugo e Pontevedra), Cova da Serpe (fronteira Lugo e A Coruña), Montemaior (provincia da Coruña), Montes do Testeiro (entre Pontevedra e Ourense), A Peneda, e as do Xurés e O Larouco (fronteira entre Ourense e Portugal).
Os principais cumios de Galicia son Pena Trevinca (2.127 m), Pena Survia (2.095 m), Alto do Torno (1.942 m), Maluro (1.925 m), Monte Cuíña (1.987 m) e Cabeza de Manzaneda (1.778 m).[63]
Hidrografía
- Artigo principal: Ríos de Galicia.
Galicia cualifícase moitas veces como a terra dos mil ríos pola cantidade de cursos fluviais que mantén. En xeral, e debido á súa pequenez, agás o Miño na súa desembocadura ou nos moitos encoros, non son navegables (excepción feita para pequenas barcas no treito final sen pendente dalgúns, que propicia a celebración de festas semiacuáticas como as chamadas "zaleas").
Os ríos galegos pertencen a dúas vertentes: a Cantábrica e a Atlántica. Na vertente cantábrica son ríos moi curtos, onde destaca o río Navia, que nace nos Ancares e desemboca na localidade asturiana de Navia, e o río Eo, que desemboca no límite con Asturias. Algo máis longos son na atlántica, coas excepcións novamente de Miño e Sil que teñen unha lonxitude de varios centos de quilómetros, 310 e 225 km respectivamente, sendo o Miño o noveno de España en lonxitude. Na vertente atlántica cabe destacar ademais, de norte a sur, os ríos Eume, Tambre, Ulla, Lérez e Limia, que desemboca en territorio portugués.
Existen moitos encoros para a produción de enerxía eléctrica, debido ó caudal, pendente e angostura, o que produce tamén o fenómeno dos 'canóns', como os afamados canóns do Sil (moitos deles aproveitados para encoros).
Climatoloxía
- Artigo principal: Clima de Galicia.
En xeral, Galicia ten un clima suave de influencia oceánica, moi chuvioso. Con todo, a irregular orografía ten como consecuencia a existencia de múltiples microclimas, con fortes variacións en áreas con pouco máis de 200 km².
A grandes trazos, pódense distinguir as seguintes zonas:
- As Rías Altas e interior da Coruña, cun clima oceánico húmido. Rexistra o maior índice de precipitacións de Galicia, así como o menor número de días solleiros e o maior número de días con precipitacións.
- A Mariña de Lugo, cun clima oceánico suave con temperaturas baixas todo o ano.
- O Interior, cun clima oceánico case continental.
- As Rías Baixas, cun clima oceánico suave.
- O curso fronteirizo do río Miño, cun clima moi próximo ao mediterráneo suave.
- A Ribeira Sacra, cun clima continental moi cálido propiciado polo val do río Miño e os diversos montes que rodean a cidade de Ourense. No verán danse seguido rexistros con temperaturas entre as máximas de toda a Península, que chegan a superar os 40 °C.
O territorio galego ten unha temperatura media anual ponderada de 13,3 °C.[64] Durante o inverno a temperatura media acada os 8,5 °C,[64] na primavera chega aos 15 °C,[64] no verán os 19 °C e durante o outono os 11 °C.[64] É, polo tanto, no primeiro terzo do ano (meses de xaneiro a marzo) cando se dan os valores máis baixos de temperatura para a maior parte de Galicia. É na zona atlántica de Galicia –provincias da Coruña e Pontevedra onde se rexistran as temperaturas medias anuais máis elevadas, superando lixeiramente os 14 °C e sendo de 1 a 2 °C máis altas cás de Lugo e Ourense, respectivamente. Os valores medios normalizados van dende mínimos por debaixo dos 6 °C nas montañas das serras orientais e surorientais (Os Ancares e O Eixo), ata máximos superiores aos 15 °C nas áreas costeiras a baixa altitude, especialmente nas Rías Baixas. A distribución espacial das temperaturas presenta unha variación costa-interior, relacionada coa presenza do océano Atlántico —quen ten un efecto de regulador térmico nas zonas costeiras e incluso en zonas máis interiores—, e outra norte-sur, en relación co balance anual entre as compoñentes climáticas temperada e subtropical. En conxunto, marcan un efecto diagonal NW-SE de diminución da temperatura é dicir, poderíase trazar unha liña dende Tui ata Ribadeo que diferenciaría dúas zonas principais climáticas en Galicia, unha con temperaturas máis suaves (a costa) e outra con temperaturas máis continentais (o interior).
Natureza
Flora
Galicia ten unha gran porcentaxe de monte (un 68,96%)[65] con máis de 600 millóns de árbores cubrindo a súa superficie, valorada en 28 000 millóns de euros,[66] onde se desenvolven importantes especies forestais en estado natural, aínda que nas últimas décadas as características boscosas están cambiando debido á importación do eucalipto, quedando un número de fragas reducido, en particular no centro-norte da provincia de Lugo.
Dentro do aproveitamento da terra fóronse introducindo diversos cultivos, pero respecto á cantidade de terra dedicada compiten cos pastos debido á presión do aproveitamento económico do gando.
Galicia é unha forte potencia de riqueza forestal para o Estado Español. A pesar dos incendios forestais que queiman moitas hectáreas tódolos anos, a madeira producida en Galicia é unha importante fonte de ingresos, así como a pasta de celulosa procedente de madeiras brandas. A rexión é unha zona de transición entre tres climas e os seus biótopos:[Cómpre referencia]
- atlántico, con bosques de carballos, bidueiros, amieiros etc.;
- mediterráneo, principalmente nos vales interiores dos grandes ríos, con elementos significativos coma estevas, sobreiras, érbedos etc.;
- continental bastante suavizado, con elementos puntuais coma teixos, acivros, algúns abetos (alóctonos), piñeiros vermellos etc.;
Debido á bonanza do clima, danse tamén facilmente especies subtropicais e mesmo tropicais: palmeiras, orquídeas etc. En Galicia houbo tres revolucións botánicas ou forestais, que se deron en tres épocas diferentes e con resultados ben distintos:
- chegada do castiñeiro (Castanea sativa) cos romanos, rapidamente aclimatado e agora xa considerado coma autóctono;
- chegada das repoboacións de piñeiro bravo (Pinus pinaster), co tempo chamado mesmo piñeiro do país ou piñeiro galego, dende o descubrimento de América, sobre todo para a construción de barcos;
- chegada das repoboacións de eucalipto (especialmente Eucalyptus globulus), dende o franquismo, aínda considerado coma especie alóctona, principalmente para fornecer de materia prima a ENCE, a papeleira de Pontevedra.
Fauna
- Artigo principal: Fauna de Galicia.
Existen en Galicia 262 especies de vertebrados inventariados, dos que 12 son peixes de augas doces, 15 anfibios, 24 réptiles, 152 aves e 59 mamíferos.[67]
Os animais que se ven topicamente como máis característicos de Galicia son domésticos, e corresponden ás explotacións gandeiras. Porén, os bosques e montes galegos albergan unha variedade de pequenos mamíferos (lebres, coellos) e outros non tan pequenos (como xabarís ou corzos) que son aproveitados nas tempadas de caza.
Dentro das aves, cabe citar os varios sitios de paso ou invernada, zonas ZEPA etc., como a da ría de Ribadeo.
Cabe mencionar o cabalo de pura raza galega e a galiña autóctona de Mos, que se atopa en perigo de extinción, aínda que o número de exemplares aumentou considerablemente en 7 anos.[68]
Lingua
- Artigos principais: Lingua galega e Historia da lingua galega.
O galego, idioma romance derivado do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego. Dende o punto de vista filoxenético é de orixe común ao portugués (co que mantén un 85% de intelixibilidade)[69] e similar a outros romances ibéricos tales coma o asturiano ou o castelán.
A lingua galega desenvolveu tradición literaria temperá canda outros romances coma o occitano. Esta prematura tradición acredita o seu prestixio. Atravesou posteriormente períodos de decadencia literaria e sociolingüística debido ao status político de Galicia ao longo da súa historia.
Actualmente, a lingua galega posúe un estándar elaborado pola Real Academia Galega en base á súa tradición literaria. O galego contemporáneo, como lingua oficial, posúe unha variante culta que é empregada tanto nos medios de comunicación de Galicia coma no ensino primario, secundario e universitario.
A lingua galega é falada por máis de 3 millóns de persoas arredor do mundo. En relación ó número de falantes, o galego ocupa o posto 146 na lista mundial, na que están incluídos máis de 6.700 idiomas.[70]
O castelán comezou a se introducir na Baixa Idade Media sobre todo ao accederen casteláns a postos na Igrexa e na política galega, e acabou por converterse na lingua da clase dirixente e de facto na única lingua oficial e ao longo do século XX tamén na lingua falada por unha parte dos habitantes das cidades galegas. Despois de varios séculos de imposición política da lingua castelá, o galego acadou nos últimos decenios tamén o status de lingua oficial na comunidade autónoma galega, e ámbolos dous son aprendidos nos centros de ensino. Existe un forte movemento social que busca a plena normalización da lingua de Galicia.
Hai que notar que tanto o galego coma o portugués son derivados do antigo galego, chamado habitualmente galego-portugués. As dúas linguas comezaron a se afastaren progresivamente coa separación política de Portugal e Galicia.
Transportes e mobilidade
Aeroportos
En Galicia hai tres aeroportos situados no eixe atlántico, que dan servizo ás cidades máis importantes de Galicia:
- O aeroporto de Santiago de Compostela ou aeroporto da Lavacolla, cun tráfico de 2.724.750 pasaxeiros[71] no 2018 é o máis importante de Galicia e o segundo do norte peninsular, tan só por detrás do de Bilbao. Conecta con varias cidades de España e Europa, entre elas Istambul, Frankfurt, Xenebra, París e Roma.[72]
- O aeroporto da Coruña ou aeroporto de Alvedro, con 1.225.763 pasaxeiros[71] en 2018, ten voos directos a varias cidades de España, así como a Lisboa, París e Londres.[73]
- O aeroporto de Vigo ou aeroporto de Peinador, con 1.129.689 pasaxeiros[71] no mesmo ano, ten tamén voos directos a varias cidades de España e a Londres e París.[74]
Cabe destacar que os tres aeroportos teñen voos directos a Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Sevilla, Gran Canaria, Tenerife, Palma, París e Londres.
Portos
Entre os portos galegos cabe destacar o porto de Vigo, que é o maior porto de pesca da Península Ibérica e un dos maiores do mundo.[75][76] O seu tráfico total en 2014 foi de 4.087.402 toneladas.[77] Outros portos a destacar son os de Ferrol-San Cibrao e A Coruña, cuns tráficos totais de 13.091.673 e 11.956.980 toneladas respectivamente,[77] así como os de Marín e Vilagarcía de Arousa, con 1.923.971 e 989.082 toneladas respectivamente.[77]
En Galicia hai ademais outros 122 portos[78] xestionados polo ente público Portos de Galicia.
Estradas
A rede de estradas de Galicia está formada por varias autoestradas e autovías que unen as principais cidades, e unha rede nacional e secundaria que chega ó resto de concellos.
Cabe destacar as autovías de acceso a Galicia:
- a A-6 que une A Coruña e Lugo con Madrid entrando polo Cebreiro,
- a A-52 que une O Porriño, Ourense e Benavente entrando pola Gudiña,
- a A-8, que entra por Ribadeo e une a costa cantábrica coa A-6 en Baamonde,
- a AP-9, autoestrada que vertebra a fachada occidental galega, unindo as cidades de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo coa fronteira portuguesa en Tui, e
- a A-75, que une a A-52 á altura de Verín coa fronteira portuguesa.
- a A-55, que une Tui e Pontevedra e chega ata a fronteira con Portugal, onde se transforma na A3(Autoestrada Porto-Valença).
Está en proxecto a A-76, que entrando por Valdeorras, seguirá un percorrido similar ao da actual N-120 unindo Ponferrada e Ourense.
No interior de Galicia atopamos a AP-53/AG-53 (Autoestrada Central Galega) entre Santiago e Ourense. Están actualmente en construción as autovías A-54 entre Santiago e Lugo, e A-56 entre Lugo e Ourense. Hai ademais da AG-53 outras autoestradas e autovías con titularidade da Xunta de Galicia, que dan servizo a algunhas capitais comarcais, como:
- a AG-55, que une A Coruña e Carballo,
- a AG-64, que une Ferrol, As Pontes e Vilalba coa A-8[Cómpre referencia],
- a AG-31, que une Ourense con Celanova,
- a AG-11, que une Ribeira con Padrón e a AP-9,
- a AG-41, que une Sanxenxo coa AP-9,
- a AG-56, que une Brión con Santiago de Compostela, e
- a AG-57, que une Baiona coa AP-9.
Ferrocarril
O ferrocarril inaugurouse en Galicia o 15 de setembro de 1873 coa posta en servizo do treito entre O Carril (Vilagarcía) e Cornes (Santiago). En 1875 inaugurouse a segunda liña, que unía A Coruña e Lugo, e non foi até 1883 cando Galicia quedou conectada co resto da España peninsular a través do Barco de Valdeorras.[79]
A rede de ferrocarril en Galicia rolda os 1.100 km. Hai varias liñas de largo ibérico (1.668 mm) que corresponden a Adif e Renfe Operadora e que unen tódalas cidades galegas. Hai outra liña de largo inferior (1.000 mm) correspondente a FEVE, co percorrido Ferrol-Ribadeo-Oviedo. De todas estas liñas a única electrificada é a que entra por Ponferrada cara a Monforte, Ourense e Vigo.[80]
Alta velocidade
No século XXI comezaron a construírse novas liñas de ferrocarril en Galicia para poder acadar velocidades máis altas. As principais obras foron a construción da liña de alta velocidade Madrid-Galicia, aínda sen rematar, e o eixe atlántico.
O 10 de decembro de 2011 inaugurouse a liña de alta velocidade entre Ourense e A Coruña, aínda que en ancho ibérico para facilitar a circulación dos trens ata a inauguración do treito entre Zamora e Ourense, que conectará Galicia co resto da rede de alta velocidade. En 2015 quedou inaugurado o treito do eixe atlántico entre Santiago e Vigo, tamén en ancho ibérico de xeito provisional.
Cultura
- Artigo principal: Cultura de Galicia.
Galicia conta cunha rica historia na que diferentes pobos, xunto coa poboación nativa, deixaron a súa marca na cultura.
Literatura
- Artigo principal: Literatura galega.
Como acontece coa maior parte das linguas romances, as primeiras manifestacións literarias en galego (algunhas veces denominado actualmente galego-portugués) datan da Idade Media. Logo desta etapa medieval (na que resulta especialmente relevante a produción poética), tivo lugar un longo período de algo máis de tres séculos de seca literaria, denominados séculos escuros, no que se produciu un case total abandono da lingua galega como lingua literaria. Co Rexurdimento, fundamentalmente na segunda metade do século XIX, a literatura en galego volve a cultivarse xurdindo nomes fundamentais como Rosalía de Castro.
Xa no século XX, antes da guerra civil teñen especial importancia grupos de intelectuais como a Xeración Nós e as Irmandades da Fala, nos que se atopan escritores como Vicente Risco, Ramón Cabanillas e Castelao. Pódense observar, logo, dous períodos máis que coincidirían, aproximadamente, un co franquismo e o outro co período de tempo que chega ata a actualidade, dende o instauración da democracia en España. Autores de sona da literatura galega contemporánea son Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas ou Suso de Toro.
Música
- Artigo principal: Música tradicional galega.
Galicia é un país cunha ampla e fonda tradición musical. A súa riqueza musical reside na variedade de ritmos musicais así como de instrumentos.
Os instrumentos empregados na música galega viran fundamentalmente ao redor dos de vento e percusión. De entre todos eles, destaca a gaita como o máis estendido e coñecido, aínda que ultimamente estase prestando especial atención á recuperación daqueles instrumentos que foron caendo no esquecemento, principalmente os diferentes tipos de frautas galegas e a zanfona. En canto aos de percusión, hai unha gran variedade, podendo citarse o tamboril, o bombo e a pandeireta, entre outros. Algunhas das agrupacións tradicionais galegas teñen máis de cen anos de historia como o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol ou o coro Cántigas da Terra da Coruña.
En canto a ritmos musicais destacan as muiñeiras, danzas folclóricas tradicionais que teñen orixe nos muíños onde se moían o trigo e o millo; e alalás. O grupo galego de música tradicional máis coñecido tanto no país como fóra é Milladoiro,[81] mestura da música tradicional con ritmos e sons doutras culturas.
Festas populares
- Véxase tamén: Festas de interese turístico de Galicia.
As seguintes son algunhas das festas de Galicia declaradas de interese turístico internacional ou nacional:[82]
- Festas do Apóstolo Santiago: son as festas en honra ao patrón de Galicia e celébranse durante medio mes en Santiago de Compostela. Nelas celébranse actos relixiosos e o 24 de xullo lánzanse fogos artificiais dende a catedral. Foron declaradas de Interese Turístico Internacional no 2001.
- Festa de San Froilán: son as festas dedicadas ao patrón da cidade de Lugo, entre o 4 e o 12 de outubro. Estas festas de Interese Turístico Nacional reúnen todos os anos multitude de visitantes, chegando na súa edición de 2015 a reunir a 570.000 persoas.[83] Son famosas sobre todo polas tradicionais casetas onde se desgusta o polbo á feira.
- Festa do marisco: vén celebrándose cada outubro dende 1963 no Grove. Na década de 1980 foi declarada de Interese Turístico Nacional. A degustación de marisco fresco a prezos populares é, sen dúbida, o maior atractivo desta cita.
- Rapa das bestas de Sabucedo: celébrase a primeira fin de semana de xullo en Sabucedo (A Estrada), é un acontecemento de tradición ancestral, declarado de Interese Turístico Nacional en 1963 e Internacional no 2007. É a rapa máis famosa de Galicia, consiste en baixar do monte cabalos salvaxes e levalos a un recinto pechado denominado "fachendoso", onde se lles corta as crinas e márcase aos poldros. Unha diferenza respecto das demais rapas de Galicia, é que na de Sabucedo os "aloitadores", encargados de inmobilizar aos animais para poder cortarlles as crinas e marcalos, non utilizan ningunha axuda.
- Festival de Ortigueira: celébrase na localidade de Ortigueira durante catro días. Primeiro celebrouse dende 1978 a 1987, e actualmente celébrase dende 1995. O festival baséase na cultura celta, música folk e encontro con distintos pobos, o cal fai deste festival algo importante para o coñecemento doutras culturas ou pobos vidos de moitas partes de España e do mundo, cada mes de xullo nas datas sinaladas reúnense un número de persoas próximo ás 100.000 por edición. Está considerado Festa de Interese Turístico Internacional dende o ano 2005.
- Romaría Viquinga de Catoira: é unha festa profana que se celebra na localidade de Catoira o primeiro domingo de agosto. Celébrase dende 1960 e rememora feitos históricos na defensa de Galicia dos ataques de piratas normandos e sarracenos que buscaban o tesouro da Igrexa compostelá. En 2002 foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional.
- Festa do Corpus Christi de Ponteareas: vénse celebrando dende 1857 en Ponteareas. Na fin de semana seguinte a Corpus Christi celébrase a festa máis representativa, as alfombras florais. Está considerada Festa de interese turístico dende 1968, de interese turístico nacional dende 1980 e internacional dende 2009.
- Fogueiras de san Xoán na Coruña: festa ancestral ligada ao solsticio de verán, celebrada en toda Galicia na noite do 23 ao 24 de xuño e que no caso da cidade da Coruña está declarada de interese turístico internacional dende o ano 2015. Son tradicionais as sardiñadas e as grandes fogueiras polos barrios e as praias da cidade.
- Entroido: é unha festa de carácter tradicional que se celebra antes da Coresma, entre os meses de febreiro e marzo en toda Galiza con características particulares, disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións. Están declaradas festas de interese nacional tanto o entroido de Xinzo de Limia coma o de Verín.
- Semana Santa: festa relixiosa celebrada cada ano entre o Domingo de Ramos e o Domingo de Resurrección, na que se recordan episodios da paixón, morte e resurrección de Xesús de Nazaret a través de diversos actos e procesións. En Galicia están declaradas Festas de Interese Turístico Internacional a Semana Santa de Viveiro dende o ano 2013, e a Semana Santa de Ferrol dende o 2014.
Gastronomía
- Artigo principal: Gastronomía de Galicia.
A gastronomía galega destaca pola súa variedade e pola calidade dos seus produtos, demostrada en moitos casos polos 30 produtos galegos con Denominación de Orixe Protexida.[84] A miúdo os produtos galegos son protagonistas de gran cantidade de feiras e festas patronais e gastronómicas referencia ineludible para o turista que visita Galicia.
A cociña galega tanto nas zonas do interior como nas costeiras sempre foi moi sinxela, debido á escaseza de recursos dos que dispor. O porco formaba a base da alimentación nas terras do interior. Na zona costeira tamén se consumía este tipo de carne, pero a base da alimentación constituíaa o peixe.
Os pratos máis tradicionais da cociña galega corresponden, entre outros, o caldo galego, o polbo á feira, o cocido, a caldeirada, o churrasco, as mariscadas, os callos e a empanada. Entre as sobremesas tradicionais atópanse a torta de Santiago ou a de Mondoñedo, as orellas (típicas do Entroido) ou as filloas. Algúns produtos típicos da gastronomía galega son o grelo, a pataca, a castaña, o pemento, o mel, o lacón, os embutidos, o queixo, o pan e os distintos tipos de mariscos.
Entre as bebidas destacan a queimada, as augardentes e derivados (bebidas espirituosas), e os distintos tipos de viño dos que cabe destacar as cinco denominacións de orixe existentes en Galicia: Ribeiro, Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra.
Relixión
Segundo o Barómetro Preelectoral publicado polo CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) en xullo do 2020, a afiliación relixiosa en Galicia é:[85]
Afiliación relixiosa | Porcentaxes |
---|---|
Católicos practicantes | 24,5% |
Católicos non practicantes | 40,3% |
Outras relixións | 1,3% |
Agnósticos (non crentes) | 9,7% |
Ateos | 13,6% |
De todos os que se definen como crentes, tanto no catolicismo como noutras relixións, o 27,9% nunca asiste a oficios relixiosos máis alá de cerimonias de tipo social como vodas, cabodanos, enterros, bautizos etc., o 23,2% non asiste case nunca, o 18,4% asiste varias veces ao ano a oficios relixiosos, o 10,6% asiste dúas ou tres veces ao mes, o 17,1% asiste todos os domingos e festivos e un 2,2% afirma que vai varias veces por semana.
Deportes
No que se refire aos deportes de masas, existen equipos importantes de fútbol masculino, coma o Celta de Vigo, actualmente o único representante do país na Primeira división, o Deportivo da Coruña e o Racing de Ferrol, na Segunda división, e o Lugo, o Arenteiro, o Celta Fortuna e o Ourense CF, na Primeira División RFEF. O Deportivo da Coruña gañou unha liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas de España; e contou nas súas filas co único futbolista español galardoado co Balón de Ouro, Luis Suárez.[86] Mentres que os vigueses son o club galego con máis tempadas na máxima categoría. O Pontevedra e o Compostela son os restantes dous equipos que chegaron a militar en Primeira. No fútbol feminino cabe destacar o Deportivo da Coruña, que xoga na Primeira división. Galicia acolleu varios partidos do Mundial de Fútbol de 1982 nos estadios de Riazor e Balaídos.[87]
En baloncesto destacan equipos como o Breogán e o Basquet Coruña, na Liga ACB,[88] ou o Obradoiro e o Club Ourense Baloncesto, na segunda categoría do baloncesto español, a LEB Ouro,[89] así como o desaparecido OAR Ferrol, un dos fundadores da Asociación de Clubs de Baloncesto (ACB). A nivel individual destacan nomes como Fernando Romay (medallista nos Xogos Olímpicos de 1984 e ex xogador, entre outros, do Real Madrid, club co que gañou numerosos títulos a nivel estatal e internacional), ou Fran Vázquez, seleccionado polos Orlando Magic da NBA no posto 11 da primeira rolda do draft de 2005, amais de ser o máximo taponador histórico da Euroliga.[90]
En balonmán destacan pola parte masculina o BM Cangas, que xoga na Liga ASOBAL,[91] e o BM Cisne e o Atlético Novás, en División de Honra Prata, así como a SD Teucro e a desaparecida Sociedad Deportiva Octavio. Por outra banda, o CB Atlético Guardés e o BM Porriño son os representantes galegos na División de Honra feminina. En hóckey a patíns destacan o H.C. Liceo (o equipo máis laureado de Galicia e un dos máis laureados de Europa, gañador en seis ocasións da máxima competición europea), así como o A.A. Dominicos (único equipo galego xunto co Liceo en gañar un título estatal e que actualmente compite na Primeira División) e o desaparecido CP Cerceda. Os equipos masculinos de fútbol sala Noia FS e Burela FS xogan na Primeira División, mentres que o Parrulo faino na Segunda División. Destacou ademais o Prone Lugo e o Autos Lobelle. En canto ao fútbol sala feminino, o Burela FSF e o Ourense Club de Fútbol son os principais equipos galegos, disputando ambos con éxito a Primeira división, sendo o Burela un dos equipos máis laureados da historia do fútbol sala español.[92] Dende a década de 2010 sufriu un gran crecemento o fútbol gaélico, coa aparición de numerosos equipos e a creación dunha liga galega con varias categorías.[93]
Existen tamén varias seleccións galegas, entre as que destacan a selección galega de fútbol, a de baloncesto a de rugby ou a de fútbol gaélico.[94]
Os deportes de motor, e especialmente os rallys, gozan de gran popularidade en Galicia. Dende 1979 dispútase o Campionato de Galicia de Rally, onde teñen destacado pilotos como Carlos Piñeiro, Germán Castrillón, Manuel Senra ou Víctor Senra. Ademais o Campionato de España de Rallys acostuma a albergar varias probas en Galicia, sendo estas nos últimos anos o Rally de Ferrol e o Rally de Ourense e anteriormente o Rally do Cocido e o Rally Rías Baixas entre outras. Pilotos galegos como Beny Fernández, Sergio Vallejo ou Iván Ares lograron numerosos éxitos no nacional de asfalto, mentres que Guillermo Barreras e Amador Vidal conquistaron o Campionato de España de Rallys de Terra.[95][96] Pola súa parte o copiloto Luís Moya proclamouse dúas veces campión do mundo de rally. Celébrase ademais o Campionato de Galicia de Autocross, onde destacan as probas disputadas no Circuíto de Autocross de Arteixo, que xunto ao de Carballo, alberga tamén probas do Campionato de España. No Campionato de Galicia de Montaña son de grande importancia as subidas a Almofrei, á Saleta, e sobre todo a Subida a Chantada, que en varias edicións puntuou para o Campionato de España e o Campionato de Europa. Galicia conta tamén cun campión do mundo de motocrós, o lucense Jorge Prado, e alberga un Gran Premio do Campionato Mundial, o Gran Premio de Galicia, disputado no Circuíto Municipal Jorge Prado, en Lugo.[97]
Galicia é coñecida tamén pola súa tradición de deportes acuáticos, tanto no mar como nos ríos, como remo, navegación deportiva, piragüismo ou surf, deportes nos que é unha asidua gañadora de metais nos Xogos Olímpicos, sendo exemplos disto os deportistas David Cal, Támara Echegoyen, Sofía Toro, Carlos Pérez Rial, Antón Paz Blanco , Fernando Echavarri ou Teresa Portela. Na modalidade de piragüismo en maratón Galicia é toda unha potencia, acumulando ducias de medallas no Campionato Mundial e no Europeo.[98] No eido acuático o deporte galego por excelencia son as traiñeiras, contando Galicia con representantes na Liga ACT de traiñeiras, e disputándose tamén unha Liga Galega de Traiñeiras. Dende o comezo do século XXI Galicia tamén ven de se converter en toda unha potencia en tríatlon da man de Xavier Gómez Noia, medallista olímpico en 2012, e Iván Raña, os dous campións do mundo, e sendo Noia un dos mellores atletas da historia na especialidade.[99]
No ano 2006 o ciclista de Mos Óscar Pereiro gaña o Tour de Francia trala descualificación do norteamericano Floyd Landis, quen lle arrebatara o primeiro posto na penúltima xornada.[100] Tamén no alpinismo hai galegos destacados, como a viguesa Chus Lago, terceira muller en acadar o cumio do Everest sen axuda de osíxeno, e que conta tamén co título Leopardo das neves.[101] No mundo do atletismo, destacaron a nivel internacional entre outros Javier Álvarez, Alejandro Gómez, Andrés Díaz, Xulia Vaquero, Alessandra Aguilar e María Abel Diéguez, e máis recentemente Ana Peleteiro e Adrián Ben.[102]
Goberno e política
No ano 1933 Galicia foi recoñecida como nación polo Congreso de Nacionalidades Europeas, organismo predecesor da ONU.[103] Os estudos sociolóxicos poñen de manifesto a consideración de Galicia como nación por unha parte[Cómpre clarificar] dos seus cidadáns[104] e o seu desexo dun maior grao de autogoberno[Cómpre referencia][105]. As tendencias nacionalistas, e mesmo as non-nacionalistas, en Galicia son, na súa meirande parte, de tipo federalista, isto é, a formación dunha federación co resto dos actuais territorios españois ou peninsulares. Ademais, tamén existen grupos independentistas.
Os poderes da comunidade
O Estatuto de autonomía de Galicia establece que os poderes da comunidade exércense pola vía do Parlamento, a Xunta e a Presidencia:[106]
- O Parlamento de Galicia é o representante máximo de Galicia, e sobre o cal recae a potestade lexislativa. O Parlamento está integrado por 75 deputados elixidos por sufraxio universal pola vía da representación proporcional por un período de catro anos, e no que está garantida por lei a posibilidade do voto aos galegos que residen no estranxeiro. Ten a competencia para regular o Dereito civil galego, pois Galicia é unha das comunidades autónomas con dereito foral propio.[107]
- A Xunta de Galicia é o órgano colexiado sobre o cal recae a potestade executiva e administrativa do goberno. Está integrada polo presidente, o vicepresidente, e outros nove conselleiros. A comunidade exerce as súas funcións administrativas pola vía da Xunta e dos seus entes e órganos dependentes. A Xunta tamén coordina as actividades das Deputacións Provinciais.
- O Presidente da Xunta de Galicia dirixe e coordina as accións da Xunta e ten a representación da comunidade autónoma e a ordinaria do Estado español en Galicia. É membro do Parlamento e é electo polos deputados e nomeado polo rei de España.
Resultados electorais
- Artigo principal: Lista de Presidentes de Galicia.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 | |||||||
Partido | Candidat/a | Votos | % | Escanos | +/- | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Partido Popular de Galicia (PPdeG) | Alberto Núñez Feijóo | 627.762 | 47,96 | 42 | +1 | ||
Bloque Nacionalista Galego (BNG) | Ana Pontón | 311.340 | 23,79 | 19 | +13 | ||
Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE) | Gonzalo Caballero | 253.750 | 19,39 | 14 | = | ||
Galicia en Común–Anova–Mareas (Podemos–EU–Anova) | Antón Gómez-Reino | 51.630 | 3,94 | 0 | -14 |
Partidos políticos
Forzas políticas máis votadas nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020.
- Partido Popular de Galicia (PPdeG).
- Bloque Nacionalista Galego (BNG).
- Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE).
- Galicia en Común–Anova–Mareas (Podemos–EU–Anova).
- Vox (Vox).
- Cidadáns-Partido da Cidadanía (Cs).
- Partido Animalista Contra o Maltrato Animal (PACMA).
- Marea Galeguista (En Marea–CxG–Partido Galeguista).
- Recortes Cero–Espazo Común–Os Verdes–Municipalistas (RC–EsCo–OV–M)
Seguridade
A Policía Autonómica Galega depende organicamente da Dirección Xeral de Policía (Ministerio do Interior) e funcionalmente da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, segundo as previsións do artigo 25.27 do Estatuto de autonomía de Galicia.
Cando foi creada o 19 de xuño de 1991, dispoñía de 157 axentes, destinados na capital de Galicia. En 1993 son 264 e ábrense as catro sedes provinciais e en 1997 a sede de Vigo. No ano 2000 son 407. No 2004, os plans da Xunta eran que o número de axentes chegase aos 1.500 en tres anos, a metade dos cales ocuparíanse de funcións de vixilancia do tráfico.[108] Mais no 2007 eran 420 os membros da unidade. A finais do ano 2013, o corpo dispuña de 462 membros.[109]
Por outra banda, os plans para a policía autonómica galega do goberno da Xunta, pretenden que asuma as mesmas competencias que outras policías autonómicas, sobre todo no referente a actividades de policía xudicial e de seguridade cidadá. Ademais, "a Xunta de Galicia garantirá o coñecemento da realidade sociopolítica, xurídica e cultural, e o coñecemento e uso da lingua galega de todos os funcionarios que se incorporen á policía autonómica".[110]
Medios de comunicación
Televisión
A Televisión de Galicia (TVG) é a cadea pública autonómica de televisión, que emite dende o 24 de xullo de 1985 e forma parte da Corporación de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG). Televisión de Galicia emite en todo o territorio galego e ademais conta con dúas canles internacionais, Galicia Televisión Europa e Galicia Televisión América, que emiten en toda a Unión Europea e en América grazas ao satélite Hispasat. A segunda canle tvG2 emite dende o 2 de febreiro de 2009.
O Centro Territorial de Galicia da TVE comezou a emitir programación propia en 1974. Por primeira vez a televisión contaba con programación regular en lingua galega.
Tamén existiu unha televisión privada de ámbito galego, con programación en galego e castelán VTelevisión que deixou de emitir o 1 de xaneiro do 2018. Durante uns anos existiu tamén Popular TV de Galicia.
A primeira experiencia de televisión local en Galicia data de 1984 en Narón. A mediados dos anos noventa xeneralízanse e en 2006 existían 36 emisoras locais no país. Coa chegada da TDT establecéronse demarcacións supramunicipais para as televisións locais, outorgando o goberno galego as concesións para a televisión local no ano 2006.
Radio
A Radio Galega (RG) é a radio pública de Galicia. Forma parte da CRTVG do mesmo xeito que a Televisión de Galicia. Radio Galega comezou a emitir en fase de probas o 24 de febreiro de 1985, e iniciou a súa programación regular o 29 de marzo do mesmo ano. Conta con dúas cadeas que emiten de forma convencional, sendo Radio Galega, que emite programación xeneralista, e Radio Galega Música, que emite música. Hai tamén un bo número de emisoras locais asociadas na EMUGA.
Xornais
O xornal galego con maior difusión é La Voz de Galicia, que conta con 13 edicións locais[111] e unha a nivel estatal. Outros xornais relevantes son El Correo Gallego, El Progreso, Faro de Vigo e o ourensán La Región. Entre outros xornais de menor difusión cómpre destacar o Atlántico Diario, da área metropolitana de Vigo, o xornal deportivo DxT Campeón, os xornais El Ideal Gallego e La Opinión de A Coruña da Coruña, o Heraldo de Vivero, o Diario de Ferrol e o Diario de Pontevedra. Entre os xornais electrónicos destacan Galicia Confidencial, Praza Pública, Novas do Eixo Atlántico, Sermos Galiza e Galicia Hoxe, que na súa extinta edición en papel fora o primeiro que se publicou unicamente en galego.
Notas
- Referencias
Véxase tamén
Bibliografía
- Galicia, Enciclopedia Galega Universal.
- Barreiro Fernández, Xosé Ramón; Villares, Ramón, eds. (2007). Os Símbolos de Galicia (PDF). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; A Coruña: Real Academia Galega. ISBN 978-84-96530-46-1.
- Yzquierdo Peiró, Ramón; López Carreira, Anselmo; Vilar Álvarez, Manuel (2019). O panteón real. Concello de Santiago.
- Historia
- AA.VV. (2007). A gran historia de Galicia. La Voz de Galicia. ISBN 978-84-96931-00-8.
- Barbosa Álvares, José Manuel; Gonçales Ribeira, José Manuel (2008). Atlas histórico da Galiza. Edições da Galiza. ISBN 978-84-936218-1-0.
- Beramendi, J. (2008). De provincia a nación: historia do galeguismo político. Xerais. ISBN 978-84-9782-640-2.
- Díaz Martínez, Pablo C. (2011). El reino suevo (411-585) (en castelán). Akal. ISBN 978-84-460-2850-5.
- López Carreira, Anselmo (1996). Martiño de Dumio: a creación dun reino. Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 84-8289-044-1.
- ———— (1998). O Reino de Galiza. A Nosa Terra. ISBN 84-89976-43-0.
- ———— (2003). Os reis de Galicia. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-96203-27-1.
- ———— (2005). O reino medieval de Galicia. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 84-96403-54-8.
- ———— (2013). Historia de Galicia. Xerais. ISBN 978-84-9914-532-7.
- ———— (2019). Arte e escritura na Galicia medieval. Xerais. ISBN 978-84-9121-561-5.
- ————; Andrade Cernadas, Xosé Miguel (2020). O Reino medieval de Galicia: Crónica dunha desmemoria. Xerais. ISBN 978-84-9121-689-6.
- López Teixeira, Xosé Antonio (2010) [2003]. A formación do reino de Galiza (711-910). Trivium. Toxosoutos. ISBN 978-84-92792-76-4.
- ———— (2013). Rex et Regina. Urraca, Afonso Raimúndez e a monarquía galega. Trivium. XIII premio de historia medieval de Galiza e Portugal 2013. Toxosoutos. ISBN 978-84-15400-78-3.
- Xeografía
- AA.VV. (2009). Dicionario Xeográfico Ilustrado de Galicia. Dirixido por Francisco Río Barxa. Xeogal. ISBN 978-84-613-5808-3.
- AA.VV. (2007). A costa de Galiza. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-8341-163-6.
- AA.VV. (2007). Os ríos de Galiza. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-8341-136-0.
- AA.VV. (2006). As montañas de Galiza. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-8341-126-1.
- AA.VV. (2005). Augas caídas: fervenzas de Galiza. Vigo: A Nosa Terra. ISBN 978-84-96403-82-6.
- Fernández de la Cigoña, Estanislao (1991). Illas de Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-582-7.
- ———— (1995). As covas de Galicia. Vigo: Xerais. ISBN 84-7507-897-4.
- ————; Loira de Tresaldeas, Félix (1998). Excursión polas furnas e covas de Galicia. Vigo: Asociación galega para a cultura e a ecoloxía (AGCE); Instituto Galego de Estudios Mariños (IGEM). ISBN 84-87904-11-4.