Entroido

celebración do Entroido en Galicia
(Redirección desde «Carnaval»)

O Entroido[1][2] ou carnaval[3] é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos.

Cigarróns no Entroido de Verín.

O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.[4]

Entroido ou carnaval

Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda.

A palabra entroido deriva do latín introitus, que significa "entrada" ou "comezo" da primavera e do rexurdimento da vexetación. Na zona norte de Galiza emprégase antroido, como no antroido ribadense e na zona da Fonsagrada ou incluso Monforte de Lemos; no leste da provincia de Ourense, nas terras de Viana do Bolo, a forma tradicional é entrudio[5], mentres que no sur é máis frecuente entroido que é a forma que o DRAG recolle como normativa. Outras variantes recollidas no Atlas Lingüístico Galego son antroiro, entroiro, entrudio e entruido[6]. A forma entroido aparece documentada dende 1251[7]. O entroido coñécese tamén como carnaval (vid. infra), que tamén é un termo galego, ou co francés mardi gras, literalmente "martes graxo" (derivado de graxa, touciño). Nalgúns países onde o entroido desapareceu por presión eclesiástica ou policial, cando foi recuperado utilizouse o termo "carnaval" (así no Brasil[8]). Tamén é carnaval o termo correcto para festas similares celebradas fóra dos días anteriores á Coresma, como os carnavais de verán.

Orixe da palabra carnaval

Celebración do entroido en Río de Xaneiro.

A palabra vén do italiano carnevale, que ten como orixe, segundo a maioría dos etimoloxistas modernos[9] o latín vulgar carne-levare, que significaba "abandonar a carne" (o cal xustamente era a prescrición obrigatoria para todo o pobo durante todos os venres da Coresma). Noutras zonas de España as denominacións populares de carnestoltes ou carnestolendas, respectivamente, parecen indicar que esta é a opción etimolóxica máis sensata (do latín tolere, retirar).

Posteriormente xurdiu outra etimoloxía manexada no ámbito popular: a palabra italiana carnevale significaría que durante a época do carnaval a "carne vale", ou sexa que se pode comer. Tamén se propón outra etimoloxía sen fundamento [10] que provén da expresión latina carrus navalis, ou sexa unha especie de carro triunfal que posiblemente saíse en desfile durante estas datas.

Calendario

Cigarrón no Entroido de Verín.

O Entroido, ao variar conforme a Pascua e a Coresma, non ten datas fixas. O martes de entroido adoita coincidir en febreiro ou nos primeiros días de marzo, pero as celebracións relacionadas poden comezar xa en xaneiro.É o que se coñece como ciclo do entroido e que ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda. En realidade non é o ciclo máis longo pois este é o de Laza onde o ciclo comeza segundo se dan as badaladas o día de ano novo co primeiro folión. Tamén son en ocasións máis longos que o entroido de Xinzo o entroido de Verín e o entroido de Vilariño de Conso, segundo en que momento de febreiro ou marzo caia o entroido pois en Verín o ciclo dá comezo o día de santo Antón (17 de xaneiro) e en Vilariño de Conso o ciclo dá comezo o día de Candelas (2 de febreiro).As súas datas fundamentais, por orde, son:

  • Domingo fareleiro
  • Domingo oleiro
  • Xoves de compadres
  • Domingo corredoiro
  • Xoves de comadres
  • Domingo de entroido
  • Luns de entroido
  • Martes de entroido
  • Mércores de cinza
  • Domingo de piñata

Non en todas as vilas se conservan ou existiron todas estas festividades. Ademais, aínda que os días grandes adoitan ser o domingo e o martes de Entroido, noutras localidades, como Laza, a data referencial é o luns de Entroido.

As máscaras

Boteiro, Vilariño de Conso.

As máscaras do entroido galego presentan, segundo as zonas e comarcas, trazos diferentes. Podemos distinguir dous grandes grupos:

  • As máscaras da zona atlántica, nunha zona non continua que vai dende Cangas e Vilaboa ao sur ata as comarcas do Deza e o val do Ulla. Son traxes tamén coloristas, pero que frecuentemente deixan o rostro descuberto. Neles o traballo individual de elaboración do vestido é importante, pero máis o é a performance, que adoita ser colectiva. É o caso dos xenerais de Deza e de Ulla, as damas e galáns de Cangas e Vilaboa e as madamitas e madamitos do entroido de Cerdedo-Cotobade.

Tamén existen outros costumes:

A comida do entroido

As filloas non poden faltar no entroido.

Parte da filosofía que rodea as festas do entroido inclúe a idea de comer e beber ben e ata encherse, sendo outra das facetas da idea de exceso e provocación destas festas.

Durante as festas tómanse grandes cantidades dos tradicionais chourizos, lacóns e cachuchas. As androllas e o caldo non faltan tampouco na maioría dos fogares xa que fan falta para repoñer as forzas de toda a foliada destes días.

Tamén nestas datas elabóranse sobremesas especiais como son as orellas e as filloas, que son os pratos máis típicos do entroido.

O Entroido na cultura popular galega

Madamas e galáns de Cobres.
  • A muller gobernadeira, no Antroido lava a salgadeira.
  • Algún día será domingo e martes de entroido.
  • Antroido á raxeira, Pascuas á lareira.
  • As pascuas con quen quixeres, os Antroidos coas vosas mulleres.
  • Cada entroido seu choqueiro.
  • Día de entroido e domingo de Páscoa, cada larpeiro na súa casa.
  • Domingo de Entroido larafuzán, comícheme a carne, deixácheme o pan.
Adeus martes de entroido,

adeus, meu amiguiño,
ata domingo de pascua
non comerei máis touciño.

Adeus, martes de antroido,
adeus meu queiridíño
ata o domingo de pascua

non volvo untar o fuciño.
—Cantiga popular.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: