Dólar de Terra Nova

antiga moeda de Terra Nova
Dólar de Terra Nova †
Billete dun dólar
(1920)
Moeda de 2 dólares
(1870)
Ámbito:
Terra Nova
Fracción:Cent (¢)
Moedas:1, 5, 10, 20, 25, 50 cents, e 2 dólares.
Billetes:25, 40, 50, 80 cents, e 1, 2, 5, 10, 20 e 50 dólares.
Emisor:Department of Finance ans Customs.

O dólar de Terra Nova foi a moeda da colonia e do dominio de Terra Nova desde 1865 ata 1949, cando este territorio pasou a se converter nunha das provincias do Canadá e asumiu o dólar canadense como unidade monetaria.

O dólar de Terra Nova dividíase en 100 centavos (cents).

Historia

En 1865, Terra Nova acolleuse ao padrón ouro e o dólar pasou a substituír a libra esterlina, cun tipo de cambio de 1 dólar = 4 xilins e 2 peniques ou, o que é o mesmo, 1 libra = 4,80 dólares. Este tipo de cambio era lixeiramente superior ao do dólar canadense, que valía 0,7 peniques menos. Deste xeito, dous centavos de dólar equivalerían a un penique esterlino.[1]

Tratábase dun tipo de cambio de compromiso entre as opcións de adoptar directamente o sistema británico ou o do dólar estadounidense, e tamén tivo o efecto de aliñar a nova unidade de Terra Nova co dólar das colonias británicas do Caribe Oriental Británico.[1]

Terra Nova foi o único territorio do Imperio Británico que introduciu a súa propia moeda de ouro logo de se acoller ao padrón ouro. As moedas de dous dólares de ouro terranovenses emitíronse intermitentemente ata a crise bancaria de Terra Nova de 1894.[2] O ano seguinte, os bancos canadenses trasladáronse a Terra Nova e o valor do dólar terranovense axustouse para o igualar ao do dólar canadense, mediante unha desvalorización do 1,4 %.[1]

Finalmente, o dólar de Terra Nova foi substituído á par polo dólar canadense cando en 1949 se constituíu como unha provincia do Canadá.[1]

Moedas

Artigo principal: Moeda de Terra Nova.

En 1865 púxose en circulación unha primeira serie de moedas composta polos valores dun centavo (cobre), 5, 10 e 20 centavos (prata) e dous dólares (ouro). En 1870 introduciuse a moeda de prata de 50 centavos (medio dólar) e en 1917 substituíuse a moeda de 20 centavos por unha nova, tamén de prata, con valor de 25 centavos. Finalmente, en 1938 substituíuse a moeda de cobre dun céntimo por outra cuñada no mesmo metal mais cun tamaño inferior.[3]

Billetes

Ao tempo que se introducían as primeiras moedas, autorizábase o Commercial Bank of Newfoundland para facer unha primeira emisión de billetes, en 1874, co valor facial expresado en libras esterlinas e dólares, utilizando un tipo de cambio de 4 dólares = 1 libra. Tendo en conta que este cambio coincidía co do dólar canadense da época, parece posible que esta primeira serie de billetes non estivese destinada á súa posta en circulación como "dólares de Terra Nova".[7]

Na década de 1880, tanto o Commercial Bank como o Union Bank of Newfoundland emitiron novas series de billetes co seu valor facial xa expresado unicamente en dólares, compostas polos valores de 2, 5, 10, 20 e 50 dólares. Estes dous bancos crebaron por mor da crise de 1894.[7]

Xa no século XX, o Departamento de Obras Públicas puxo en circulación en 1901 billetes gobernamentais con valores de 40, 50 e 80 centavos, e de un e cinco dólares, aos que en 1910 se lles engadiron os billetes de 25 centavos e de 2 dólares. Finalmente, en 1920 o Tesouro introduciu novos billetes dun e de dous dólares.[7]

Padrón ouro

Desde 1895, o dólar de Terra Nova estivo vinculado ao dólar canadense e seguiu a ser convertible en ouro mesmo despois de que o Canadá saíse do padrón ouro en 1931. Como consecuencia da saída do padrón ouro e da situación económica da Depresión, o dólar canadense sufriu unha caída con respecto ao dólar estadounidense, o que abriu a oportunidade dun mercado de arbitraxe unidireccional cos Estados Unidos. Resultou rendible, daquela, converter os dólares canadenses en ouro en Terra Nova e logo levar o ouro aos Estados Unidos para o vender alí con beneficios. Isto supuxo unha presión económica para Terra Nova, xa que as súas reservas de ouro comezaron a diminuír.[11]

En decembro de 1931, o Goberno de Terra Nova sacou o país do padrón ouro, case un ano despois de que o fixera o Canadá.[11] Seguidamente, na primavera de 1932, promulgouse unha nova lei pola que se modificaba a Lei da Moeda, para prohibir a exportación de ouro sen permiso. Os billetes pasaron entón a ser simplemente de curso legal, mais perderon a súa condición de seren convertibles en ouro.[12]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

🔥 Top keywords: