Dubstep

O dubstep é un xénero musical dentro da música dance e electrónica que xurdiu en South London, Inglaterra. Xurdiu a finais da década de 1990 como unha evolución doutros estilos como o 2-step garage, broken beat, drum and bass, jungle, dub e reggae.[2] No Reino Unido, as súas orixes atópanse no crecemento do son xamaicano na escena musical a comezos de 1980.[2][3]

Dubstep
Orixe musical2-step garage, breakstep, reggae, dub, grime, drum and bass, techno[1]
Orixe culturalFinais de 1990 – comezos de 2000
Londres, Inglaterra
Instrumentos típicossecuenciador, sampler, tocadiscos, sintetizador, PC
DerivadosFuture garage, post-dubstep, brostep, trap

As primeiras mostras de Dubstep foron publicadas no 2001. Tratábase de mesturas instrumentais, escuras e experimentais de producións de 2-step garage, feitas coa intención de incorporar os elementos funky do breakbeat ou os trazos máis escuros do drum and bass no propio 2-step. Estas mesturas aparecían como cara B dos sinxelos de 2-step da época. No 2001, esta e outras variedades de música garage escura comezaron a ser amosadas no club nocturno londiniense Plastic People, nas noites chamadas "Forward" (tamén estilizado como FWD>>), que serían considerablemente influentes para o desenvolvemento do dubstep. O termo "dubstep" como denominación dun xénero musical comezou a empregarse arredor do 2002 por selos discográficos como Big Apple, Ammunition e Tempa, intre no cal as tendencias estilísticas presentes nas mesturas comezaron a facerse máis remarcables e distintivas en relación ó xénero orixinal, o 2-step, así como o grime, son co que nas súas orixes o dubstep tamén gardou unha estreita relación.[4]

Un temperán seguidor do son foi o DJ da emisora BBC Radio 1, John Peel, quen comezou a programalo a partir de 2003. No 2004, o derradeiro ano do seu programa, os seus oíntes votaron a Distance, Digital Mystikz e Plastician (anteriormente coñecido como Plasticman) no seu top 50 do ano.[5] O dubstep comezou a espallarse alén dunha pequena escena local cara a finais de 2005 e comezos de 2006. Unha boa cantidade de páxinas web adicadas ó xénero comezaron a xurdir, axudando ó crecemento da escena.[6] Ó mesmo tempo, o xénero empezou a recibir unha importante cobertura en revistas musicais como The Wire e en publicacións online como Pitchfork Media, que comezou un apartado regular chamado The Month In: Grime/Dubstep. O interese no dubstep medrou dende que a DJ de BBC Radio 1 Mary Anne Hobbs comezara a promocionalo cun programa adicado soamente a este son (titulado "Dubstep Warz") en xaneiro de 2006.[7][8][9]

Cara a finais da década de 2000, o xénero pasou a ter un importante éxito comercial no Reino Unido, aumentando progresivamente o número de sinxelos que entraban nas listas de éxitos de música popular. Os xornalistas e os críticos musicais tamén chamaron a atención sobre a influencia do dubstep sobre o traballo de numerosos artistas de música pop. Nesta época, os produtores comezaron a fusionar elementos do dubstep orixinal con outras influencias, creando xéneros de fusión como o máis lento e experimental post-dubstep.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: