Furacán Katrina

O furacán Katrina foi un gran furacán de categoría 5 na escala Saffir-Simpson que se produciu a finais de agosto de 2005 e que afectou as Bahamas, Cuba e o sueste dos Estados Unidos. Foi o sétimo ciclón tropical con ese nome, o cuarto entre os furacáns. Os enormes danos que provocou fixeron que o nome Katrina se retirase da lista de ciclóns do Atlántico Norte, na que foi substituído por Katia.

O furacán Katrina, o 26 de agosto de 2005.

Os ventos do furacán alcanzaron os 280 quilómetros por hora e causaron grandes prexuízos no litoral do sur dos Estados Unidos, especialmente arredor da rexión metropolitana de Nova Orleáns, onde o 29 de agosto de 2005 foran evacuadas 1,3 millóns de persoas.

O furacán xa pasara polo sur de Florida, causando 6 mortes directas e perdas de a carón de 2.000 millóns de dólares antes de fortalecerse rapidamente no golfo de México. Tras acadar a categoría 5, a tormenta abrandou antes de tocar terra por segunda vez como un furacán de categoría 3 o 29 de agosto no sueste de Luisiana.

O Katrina devastou as costas do Golfo entre Florida e Texas debido á súa intensificación. O meirande número de mortes rexistrouse en Nova Orleáns, que quedou alagada pola rotura dos diques do sistema de protección da cidade, algúns deles mesmo despois de continuar o furacán cara ao interior. O 80 % da cidade e grandes superficies das parroquias estremeiras quedaron asolagadas durante semanas e moitos dos seus habitantes, completamente illados[1].​ Outras zonas inundadas foron as áreas litorais do estado de Mississippi, no que as ondas arrastraron barcos e estruturas flotantes cara a dentro. Nalgúns casos o mar sobardou en 10-19 km a liña de costa.​

A sede, fame e falta de recursos básicos levaron a situación a un estado caótico.[2] A área federal de desastre foi colocada so o control da Axencia Federal de Xestión de Emerxencias (comandada por Michael Chertoff) e a Garda Nacional. O 27 de agosto declarouse o estado de emerxencia en Alabama, Luisiana e Mississippi, un réxime de excepción con poderes semellantes aos da lei marcial, que a lexislación de Luisiana non contempla. Porén, na noite de 31 de agosto, o alcalde de Nova Orleáns Ray Nagin declarou nominalmente a "lei marcial" na cidade e dixo que os policías non tiñan que preocuparse dos dereitos civís para deter os saqueadores".[3]

O furacán danou varias refinarías do estado de Luisiana, causando verteduras de 27 millóns de litros de petróleo.[4] Tamén afectou as infraestruturas de extracción de petróleo e gas natural dos Estados Unidos no golfo de México, polo que causou unha interrupción do 24% da subministración de cru e do 18% na de gas.[5] Durante uns meses, cinco millóns de persoas estiveron sen electricidade na rexión da costa do Golfo.

Katrina é o furacán que máis danos económicos causou na historia, con 108.000 millóns de dólares. Oficialmente produciu 1.836 vítimas mortais, o que o converte nun dos máis mortíferos da historia e o segundo dos Estados Unidos, só por detrás do furacán San Felipe Segundo-Okeechobee de 1928. Así mesmo, no momento en que se produciu, Katrina era o sexto máis intenso de todos os furacáns rexistrados no Atlántico Norte, ao acadar unha presión mínima de 902 mb.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas


 Este artigo sobre ciencias é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.

🔥 Top keywords: