Glándula bulbouretral

As glándulas bulbourerais ou glándulas de Cowper (polo anatomista William Cowper), son dúas pequenas glándulas exócrinas do aparato reprodutor masculino, que segregan un fluído lubricante. Son homólogas embrioloxicamente ás glándulas de Bartholin do aparato reprodutor feminino.

Ramas profundas da arteria pudenda interna na que se ven as glándulas bulbouretrais.
Situación das glándulas bulbouretrais no aparato reprodutor masculino.

Localización

Están situadas na parte posterior lateral da porción membranosa da uretra na base do pene, entre as dúas capas da fascia do diafragma uroxenital, na bolsa perineal profunda. Están encerradas por fibras transversas do músculo esfínter uretral.

Estrutura

As glándulas bulbouretrais son glándulas tubuloalveolares compostas, cada unha aproximadamente do tamaño dun chícharo. Están compostas por varios lóbulos unidos por unha cuberta fibrosa. Cada lóbulo consta de varios acinos, tapizados por un epitelio de células columnares, que se abren a un conduto que se une aos condutos dos outros lóbulos para formar un único conduto excretor de aproximadmente uns 2,5 cm de longo, o cal atravesa a membrana perineal e desemboca na uretra (porción esponxosa) na base do pene. Entre os lóbulos hai tabiques de tecido conxuntivo de 1 a 3 mm de grosor con fibras elásticas e musculares. O epitelio secretor de células planas, cuboideas ou cilíndricas con núcleos basais, dependendo do estado funcional. O seu citoplasma contén pequenas pingas de secreción mucoide. Os condutos excretores teñen un epitelio pseudoestratificado pero tamén poden conter células secretoras e evaxinacións glandulares.[1] As glándulas diminúen gradualmente en tamaño conforme avanza a idade. Tañen cor castaña amarelada.[2][3]

Función

Durante a excitación sexual cada glándula produce unha secreción viscosa clara e salgada de aspecto mucoso denominada preexaculado. Este fluído axuda a lubricar a uretra para facilitar o paso dos espermatozoides, neutralizando os restos ácidos de urina que quedan na uretra,[4] e axuda a expulsar calquera resto de urina ou residuos. Este líquido pode recoller tamén o esperma dunha exaculación inmediatamente anterior, que aínda quedou no bulbo uretral, e arrastrano fóra xusto antes da seguinte exaculación. As glándulas de Cowper tamén producen certa cantidade de antíxeno prostático específico (PSA), e os tumores nas glándulas de Cowper poden incrementar o PSA a un nivel que pode facer sospeitar que se trata dun caso de cáncer de próstata.[5]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

🔥 Top keywords: