Heinrich Böll
Heinrich Theodor Böll, nado en Colonia o 21 de decembro de 1917 e finado en Langenbroich o 16 de xullo de 1985, foi un escritor alemán, Premio Nobel de Literatura en 1972.
Traxectoria
Böll naceu no seo dunha familia católica liberal e pacifista. Foi educado nun colexio católico e conseguiu eludir a entrada nas Mocidades Hitlerianas na década de 1930. Traballou como axudante de libreiro e en 1939 matriculouse en filoloxía alemá na Universidade de Colonia. O comezo da segunda guerra mundial impediu a realización os seus estudos ao ter que servir coa Wehrmacht. Participou en accións militares en Francia, Romanía, Hungría e a Unión Soviética. Foi ferido catro veces antes de ser capturado polos americanos en abril de 1945 e enviado a un campo de internamento.
Publicou a súa primeira novela, Der Zug war pünktlich, en 1949. Böll forma parte do Grupo 47, no que tamén están Günter Grass ou Ingeborg Bachmann. As súas primeiras novelas tratan da consecuencia da guerra e dos seus efectos materiais e psicolóxicos para o alemán corrente.
Unha das súas obras máis coñecidas é Ansichten eines Clowns. Foi traducido do alemán ó galego por Laureano Xoaquín Araujo Cardalda co título Opinións dun pallaso, e publicado en 1994 por Editorial Tambre. Foi publicado de novo en galego en 2018 por Rinoceronte editora.[1][2]
Foi traducido a máis de 30 linguas e é un dos autores alemáns máis lidos internacionalmente.