Mesquita de Al-Aqsa

A Mesquita de Al-Aqsa (árabe: ٱلْـمَـسْـجِـد الْاَقْـصَى [Al-Masyid Al-Aqsa]), "a Mesquita máis afastada") é o terceiro lugar máis sagrado do islam e está situado na Chaira das Mesquitas da Cidade Vella de Xerusalén. Os musulmáns cren que Mahoma foi transportado desde a Mesquita Sagrada na Meca a al-Aqsa durante a Noite da Viaxe. Segundo a  tradición islámica Mahoma estivo orando neste lugar ata o 17 de mes despois da súa migración da Meca a Medina, cando Alá (árabe: الله, Deus) dirixiuse a el para que se volvera cara a Kaaba na Meca.

Mesquita de Al-Aqsa
A Mesquita de Al-Asqa
Datos xerais
País Palestina
RexiónOriente Medio
TipoMesquita
LocalizaciónCidade vella de Xerusalén
Coordenadas31°46′34″N 35°14′09″L / 31.776111111111, 35.23583333333335°14′09″L / 31.776111111111, 35.235833333333
CatalogaciónPatrimonio da Humanidade (1981, en conxunto coa cidade vella)
Culto
CultoIslam
Arquitectura
Construción705
EstiloIslámico
Mesquita de Al-Aqsa en Xerusalén
Mesquita de Al-Aqsa
Mesquita de Al-Aqsa
Localización da Mesquita sobre Palestina e a cidade de Xerusalén
editar datos en Wikidata ]

A mesquita orixinal foi un pequeno lugar de oración erixido polo Omar, o segundo califa ortodoxo, pero foi reconstruída e ampliada polo califa omeia Abd al-Malik e rematada polo seu fillo al-Walid no ano 705. A mesquita quedou totalmente destruída por mor dun terremoto no ano 746 e foi reconstruída de novo polo califa abbásida al-Mansur no 754. No ano 780 foi reconstruída de novo. Máis adiante, no 1033 a mesquita volveu a quedar destruída tras un terremoto, e dous anos máis tarde o califa fatimí Ali az-Zahir construíu a nova mesquita que é a que chegou ata os nosos días. Os mosaicos do arco ao final da nave tamén se remontan a este período.

Durante as renovacións periódicas que se levaron a cabo, as distintas dinastías reinantes do califato islámico engadiron ampliacións á mesquita e os seus recintos, como a súa cúpula, fachada, o seu minbar (árabe: مِـنـۢبَـر), minaretes e a estrutura interior. Cando os cruzados conquistaron Xerusalén no 1099, utilizaron a mesquita como palacio e a Cúpula da Rocha como igrexa, manténdose esa situación ata a reconquista musulmá por parte de Saladino no ano 1187. Nos seguintes séculos os diferentes gobernantes[a] levaron a cabo varias renovacións, reparacións e ampliacións. A 2024 a Cidade vella está baixo control do Estado de Israel, pero a mesquita permanece baixo a administración do Waqf islámico xordano/palestino (árabe: وَقْـف).

Etimoloxía

Al-Masjid al-Aqsa se traduce do árabe ao galego como a mesquita máis afastada. O nome se refire ao capítulo do Corán chamado Al-Isrā’ (árabe: ٱلْإِسْـرَاء), "A Viaxe Nocturna"), no cal se di que Mahoma viaxou desde a Meca ata a "mesquita máis afastada", e despois subiu ao Ceo a lombos dunha criatura celestial chamada al-Burāq ash-Sharīf (árabe: ٱلْـبُـرَاق الـشَّـرِيْـف).[1][2]

Definición

Haram vs. Al-Aqsa

O lugar no que se sitúa a mesquita da cúpula prateada, xunto coa Cúpula da Rocha, as dezasete portas e os catro minaretes, coñeceuse historicamente como a Mesquita de Al-Aqsa. Al-Masjid al-Aqsa referíase non só á mesquita, senón a todo o santuario sagrado, mentres que Al-Jâmi‘ al-Aqṣá (árabe: ٱلْـجَـامِـع الْأَقْـصّى) referíase ao lugar específico da mesquita.[b] Durante o período otomán, comezos do século XVI ata 1917, o lugar comezou a ser coñecido como al-Ḥaram ash-Sharīf (árabe: اَلْـحَـرَم الـشَّـرِيْـف, o Nobre Santuario),[4][5]

Al-Qibli vs. Al-Aqsa

A Mesquita de Al-Aqsa tamén se coñece como a Mesquita Al-Qibli segundo se deduce dunha estrutura no seu interior, a Capela Al-Quibli (al-Jami' al-Aqsa ou al-Qibli, ou Masjid al-Jumah ou al-Mughata).[6][c][d]

Historia

Antes da construción

A mesquita sitúase sobre o Monte do Templo, coñecido hoxe en día polos musulmáns como "Haram al-Sharif" ("o Nobre Santuario"), un recinto ampliado por Herodes o Grande desde o ano 20 a. C.[9] O santuario orixinal crese que databa dos tempos de Abraham.[10]

A mesquita repousa sobre unha plataforma artificial soportada por arcos construídos polos enxeñeiros de Herodes para superar as dificultades topográficas resultantes da expansión cara ao sur do recinto cara aos vales do Kidrón e Tiropeón.[11] Na época do Segundo Templo, o lugar no que se levanta a mesquita estaba ocupado pola Columnata Real, unha basílica que se estendía ata o muro sur do recinto.[11] A Columnata Real foi destruída xunto ao Templo durante a destrución de Xerusalén polos romanos no ano 70 d. C..

Nalgunha ocasión pensouse que a "Nea Ekklesia de Theotokos", ou Nova Igrexa da Nai de Deus, do emperador Xustiniano, adicada á Theotokos, a Virxe María, consagrada no 543 e coñecida comunmente como a Igrexa Nea, situouse onde máis adiante se construíu a mesquita de Al-Aqsa. Porén, os restos identificados como os da Igrexa Nea foron descubertos ao sur do barrio xudeu en 1973.[12][13]

As análises realizados nas vigas de madeira e nos paneis retirados da mesquita durante as renovacións da década de 1930 mostraron que estaban fabricados con madeira de cedro libanés e ciprés. A datación por radiocarbono indicou un amplo espectro de idades, algunhas delas remontábanse ao século IX a. C., o que demostra que a madeira fora xa utilizada noutras construcións.[14]

En 2012, informouse de que Robert Hamilton, un arqueólogo que traballou no Monte do Templo tralo terremoto de Xericó de 1927, descubriu restos baixo a mesquita de Al-Aqsa que non publicou no seu libro sobre as escavacións. Estes incluían un mosaico similar aos que se utilizaban nas igrexas bizantinas, e un mikve xudeu da época do Segundo Templo.[15][16]

Construción polos Omeias

A mesquita sobre o muro sur do Monte do Templo.

A construción da mesquita de Al-Aqsa data da época de dominio Omeia sobre Palestina. O historiador arquitectónico K. A. C. Creswell, en referencia a un testemuño de Arculf, u monxe galo, durante a súa peregrinación a Palestina entre os anos 679-682, apuntou a posibilidade de que o segundo califa do Califato ortodoxo, Umar ibn al-Khattab, erixira unha primitiva estrutura cuadrangular con capacidade para 3 000 persoas nalgún lugar do Nobre Santuario. Porén, Arculf visitou a rexión durante o reinado de Mu'awiyah I, e é posible que Mu'awiyah ordenara a construción e non Omar. Esta teoría recibe o apio explícito do primitivo erudito musulmán al-Muthahhar bin Tahir.[17]

Segundo varios eruditos musulmáns, incluídos Mujir ad-Din, al-Suyuti e al-Muqaddasi, a mesquita foi reconstruída e ampliada polo califa Abd al-Malik no ano 690 xunto coa Cúpula da Rocha.[17][18] Guy le Strange afirmou que Abd al-Malik empregou materiais da destruída Igrexa da Nosa Señora para construír a mesquita e sinala como posible evidencia que as estruturas das esquinas do sueste da mesquita son restos da igrexa.[18] No deseño do seu proxecto para o Monte do Templo, no que pretendía transformar todo o complexo no Haram al-Sharif ("o Nobre Santuario"), Abd al-Malik quixo substituír a vella estrutura descrita por Arculf cunha máis protexida que incluíra a qibla ("dirección"), un elemento necesario no seu gran esquema. Porén, todo o Haram al-Sharif estaba pensado para representar unha mesquita. Descoñécese o grao de modificación que sufriu a antiga estrutura, pero a lonxitude do novo edificio indícase pola existencia das trazas dunha ponte dirixida desde o palacio Omeia ata o sur da parte oeste do complexo. A ponte puido estender a rúa ata o exterior do muro sur do Santuario para darlle un acceso directo ata a mesquita. Os accesos directos desde os palacios ata as mesquitas foron un aspecto bastante coñecido do período Omeia, como evidencian os restos doutros complexos anteriores. Abd al-Malik xirou o eixo central da mesquita cara ao oeste. Poñendo énfase na Cúpula da Rocha, Abd al-Malik ordenou aos arquitectos que aliñaran a nova mesquita de Al-Aqsa segundo a posición da Rocha Fundacional.[19]

En contraste, Creswell, en referencia ao Aphrodito Papyri, afirma que o fillo de Abd al-Malik, al-Walid I, reconstruíu a mesquita nun período comprendido entre seis meses e un ano, utilizando traballadores de Damasco. Moitos estudosos concordan en que a reconstrución da mesquita comezou con Abd al-Malik, pero que al-Walid a completou. Entre os anos 713 e 714, unha serie de terremotos asolou Xerusalén, destruíndo a sección leste da mesquita, que tivo que ser reconstruída durante o reinado de al-Walid. Para poder financiar a reconstrución, o califa tomou o ouro da cúpula da Rocha e o fundiu para acuñar moedas e poder mercar os materiais.[17]

Terremotos e reconstrucións

No ano 746 a mesquita quedou danada por un terremoto. Catro anos antes as-Saffah derrocou aos Omeias e estableceu o Califato abbasida. O segundo califa abbasida Abu Ja'far al-Mansur declarou o seu intento de reconstruír a mesquita no 753, ordenando que as placas de ouro e prata que cubrían as portas foran retiradas e convertidas en cartos para financiar a reconstrución, que rematou no 771. Un segundo terremoto acabou coa maior parte dos arranxos de al-Mansur.[18][20] No 780, o seu sucesor Muhammad al-Mahdi a reconstruíu de novo, pero acortou a súa lonxitude e aumentou o seu ancho.[18][21] Archnet Digital Library A renovación de Al-Mahdi foi a primeira da que se dispoñen rexistros escritos.[22] En 985, o xeógrafo xerosolimitano al-Muqaddasi rexistrou nos seus escritos que a renovada mesquita tiña "15 naves e 15 portas".[20]

As portas ao Minbar de Saladino, a comezos da década de 1900. O "minbar" foi construído por orde de Nur al-Din, pero instalado por Saladino.

No ano 1033 houbo outro terremoto que danou severamente á mesquita. O califa fatimí Ali az-Zahir a reconstruíu e renovou por completo entre os anos 1034 e 1036. O número de naves foi reducido de 15 a 7.[20] Az-Zahir construíu os catro arcos da nave central e lateral, que na actualidade serven como a base da mesquita.[17]

Xerusalén foi capturada polos cruzados en 1099, durante a Primeira Cruzada. Renomearon a mesquita como o Templo de Salomón, diferenciándoa da Cúpula da Rocha, a que renomearon como Templum Domini (Templo de Deus). Mentres que a Cúpula da Rocha foi reconvertida nunha igrexa cristiá,[23] a mesquita de al-Aqsa utilizouse como palacio real e tamén como corte para os cabalos. No ano 1119, foi transformada no cuartel xeral dos Cabaleiros Templarios. Durante este período, a mesquita sufriu algúns cambios estruturais, incluída a expansión do soportal do norte, a adición dunha ábsida e dunha parede divisoria. Tamén se construíron un novo claustro e unha igrexa, así como varias outras estruturas.[24] Os Templarios construíron tamén varios anexos ao edificio, o máis occidental deles serve a día de hoxe como mesquita para ás mulleres mentres que o oriental como museo islámico.[20]

A conquista de Saladino e caída do reino cristián tralo cerco de 1187 fixéronse varias reparacións e renovacións na mesquita. Saladino retirou os grandeiros e baños instalados polos cruzados, cubríronse os chans con alfombras e o interior foi perfumado con auga de rosas e incenso.[25]

Durante o Imperio Otomán non se levaron a cabo grandes reformas no Nobre Santuario. Tan só se construíu a Fonte de Qasim Pasha (1527), a restauración da Piscina de Raranj, e a construción de tres cúpulas en 1538 entre as que destaca a Cúpula do Profeta.[26]

Status relixioso

Artigo principal: Lugares sagrados no Islam.

Xerusalén está recoñecida como unha cidade sagrada no islam. A pesar de que o Corán non a menciona polo seu nome, os eruditos islámicos entenderon desde as orixes desta relixión que moitos dos pasaxes do Corán refírense a Xerusalén.[27] Xerusalén tamén aparece mencionada en varias ocasións no hadith. Algúns académicos atribúen a santidade de Xerusalén ao xurdimento e expansión dun xénero literario coñecido como al-Fadhail ou historia de cidades. O Fadhail de Xerusalén inspirou aos musulmáns, especialmente durante o período Omeia, a embelecer a santidade da cidade máis aló do seu status nos textos sagrados.[28] Outros sinalan os razóns políticas o motivo polo que os Omeias deron lugar a santificación da cidade no islam.[29]

Os textos medievais, así como os modernos, tenden a clasificar á mesquita de Al-Aqsa como o terceiro lugar máis sagrado do islam.[30] Por exemplo, Sahih al-Bukhari citan a Abu Darda dicindo: "o Profeta de Deus Mahoma dixo una oración na Mesquita Sagrada (na Meca) que equivale a 100,000 oracións; unha mesquita en Al-Masjid an-Nabawi (en Medina) equivale a 1,000 oracións; e unha oración na mesquita de Al-Aqsa equivale a 500 oracións máis que en calquera outra mesquita".[31] Ademais, a Organización de Cooperación Islámica refírese á mesquita de Al-Aqsa como o terceiro lugar máis sagrado do islam (e chama pola soberanía árabe sobre ela).[32]

Administración

O Waqf de Xordania mantivo o control da mesquita ata a guerra dos seis días en 1967. Trala vitoria israelí na guerra, Israel transferiu o control da mesquita e o Nobre Santuario ao waqf islámico, independente do goberno israelí. Porén as Forzas de Seguridade de Israel teñen permitido patrullar e facer inspeccións no perímetro da mesquita. Tralo incendio de 1969, o waqf contratou arquitectos, técnicos e artesáns nun comité que leva a cabo as tarefas regulares de mantemento. O Movemento Islámico de Israel e o waqf trataron de aumentar o control musulmán sobre o Monte do Templo como medida para conter ás políticas israelís e o aumento das forzas de seguridade arredor do lugar desde a segunda intifada.[33]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

🔥 Top keywords: