Narcisismo

O narcisismo é o amor excesivo cara a un mesmo, que fai que o orgullo cegue a valoración real e desprece aos demais. Foi catalogado como unha enfermidade mental, malia que en pouca proporción é un trazo da personalidade de todos os individuos. Forma parte da chamada tríada escura.[1]

Etimoloxía

A palabra provén do personaxe mitolóxico de Narciso, un mozo moi belo e insensíbel ao amor das mulleres que morreu ao afogarse, admirando o seu propio reflexo nunha fonte. Metamorfoseouse na flor do mesmo nome.[2]

Características

A persoa narcisista ten un autoconcepto equivocado dela mesma, que lle provoca unha carencia de empatía co resto, posto que se considera superior ou máis importante e en consecuencia non presta a atención debida aos outros. Presenta unha hipersensibilidade ás críticas, que sempre considera infundadas ou froito da envexa e valora as relacións sociais segundo o grao de recoñecemento que fagan da súa valía. O narcisista[3] non sofre remorsos ou vergoña cando actúa mal, posto que sempre atopa xustificación para as súas accións e a miúdo demostra o seu egoísmo con palabras ou actos.

Tipos de narcisismos

Varios estudosos clasificaron os tipos de comportamento narcisista. En primeiro lugar hai que distinguir entre o narcisista exhibicionista ou clásico e o narcisista introvertido, que busca constantemente a aprobación allea sen expresalo porque considera que a merece e que se relaciona fortemente co complexo de inferioridade. Segundo Theodore Millon tamén hai que diferenciar se a persoa presenta ou non trazos paranoicos.[4] O momento onde se desenvolve o trastorno tamén afecta á súa clasificación: a maioría de narcisismos xorden durante a nenez ou a adolescencia, cando se forxa o carácter, pero hai un tipo que está ligado ao suposto éxito na vida e que aparece en persoas de mediana idade de boa posición económica, que se vanten xustamente do status adquirido. Por último, cando o narcisismo non se aplica só a un individuo senón a un grupo (un etnocentrismo esaxerado) denomínase narcisismo colectivo e está na súa orixe de varias formas de discriminación social, como o racismo.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

🔥 Top keywords: