Rugby league

O rugby league (tamén chamado rugby a 13) é un deporte de contacto que se xoga entre dous equipos de 13 xogadores nun campo de herba rectangular. Derivado do rugby union, estes 2 códigos do rugby football separáronse a finais do século XIX, sendo a razón desta secesión a normativa sobre o pagamento ós xogadores. O regulamento do rugby league foi trocado dende entón aos poucos para xerar unha maior diversión nos seareiros. Está considerado un dos deportes máis duros e máis esixentes fisicamente.

Estadio Australia en Sidney.

Regulamento

Os encontros divídense en dúas metades de 40 minutos de duración cada unha. O obxectivo do xogo é anotar unha maior cantidade de puntos que o equipo rival.

Sistema de puntuación

Os puntos anótanse de varios xeitos. O xeito principal é pousando o oval coas mans no chan da zona de marca, situada detrás da liña de fondo do equipo rival. Isto ten un valor de 4 puntos. Cada vez que un equipo anota un ensaio, a continuación un xogador dese equipo ten a oportunidade de acadar 2 puntos máis se é quen de facer pasar o oval entre os dous paus e por riba do traveseiro da zona de marca rival dándolle un pontapé. Outro xeito moi habitual de anotar puntos e tirando a paus despois de que o árbitro sinale un golpe de castigo por unha acción antiregulamentaria. Nese caso anótanse 2 puntos. O derradeiro xeito de acadar 1 punto é tirando a paus no medio dunha xogada deixando que o oval salte anteriormente no chan. Estes catro xeitos de anotación chámanse "ensaio", "conversión", "golpe de castigo" e "drop".

Diferenzas co rugby union

As diferenzas básicas consisten no número de xogadores, 13 no League por 15 no Union, ademais no League hai 4 substitutos mentres no Union son 7, na puntuación, o ensaio equivale a catro puntos a diferenza no Union no que vale cinco e algunhas regras básicas, como a ausencia de rucks para disputar a pelota tras unha placaxe.

Historia

En 1895 tivo lugar un cisma no Rugby Football, resultando a creación da Northern Rugby Football Union (NRFU). Aínda que houbo varios factores que tiveron importancia nesa división, o principal problema foi a decisión da Rugby Football Union de facer cumprir a norma de ser afeccionados, coa cal non estaban de acordo os equipos do norte. Os equipos do norte de Inglaterra estaban compostos na súa maioría por xogadores de clase obreira (mineiros, muiñeiros etc) que non podían darse o luxo de xogar sen compensación económica, en contraste cos xogadores dos equipos do sur, que tiñan outras fontes de ingresos que permitían soster o principio de ser afeccionados. Nese ano 1895 a RFU prohibiu os encontros de rugby en terreos de xogo nos que se cobrasen entradas, levando a que o 29 de agosto se producise unha xuntanza entre os equipos do norte. 22 clubs reuníronse no Hotel George de Huddersfield, e formaron a Northern Rugby Football Union, para organizar as súas competicións profesionais e garantir cunha normativa propia que o deporte fose atractivo para os espectadores que tiñan que pagar unha entrada para entrar nos campos de rugby. 15 anos despois daquela xuntanza, xa eran máis de 200 os clubs unidos á NRFU.

Competicións de clubs

As 2 competicións máis importantes do mundo a nivel de clubs son a Super League e a National Rugby League. Trátase de 2 ligas paralelas, unha no hemisferio norte e outra no hemisferio sur, unha nacida no norte de Inglaterra e outra nacida en Sidney, que teñen máis dun século de historia, e que se levan a cabo dende febreiro ou marzo até outubro. Cos anos, as competicións medraron, tanto nos seus propios países, como nos países veciños. Dende hai varias décadas, poden ser consideradas perfectamente as dúas únicas grandes competicións 100% profesionais de rugby league no mundo, sendo as demais ligas existentes uns torneos semiprofesionais ou afeccionados cuxo obxectivo é preparar ós futuros xogadores das dúas grandes ligas profesionais.

Super League

As primeiras competicións semiprofesionais de rugby football naceron a finais do século XIX no norte de Inglaterra. En 1895 comezaron a disputarse as tempadas inaugurais dos campionatos de Yorkshire e Lancashire, berces deste deporte, así como o campionato da Northern Rugby Football Union, un torneo ligueiro no que se enfrontaban entre si a dúas voltas tódolos equipos dos 2 condados. Ó ano seguinte naceu a Challenge Cup, un torneo copeiro.

O chamado Rugby Football League Championship, entendido como a liga inglesa de rugby league, disputouse entre os anos 1895 e 1996. En 1996 este torneo foi substituído pola Super League, un campionato aberto á entrada de equipos doutros países, como Francia e Gales. Este troco tiña como obxectivo acadar unha maior difusión deste deporte polo resto de Europa.

Actualmente a Super League é a máxima competición continental do rugby league en Europa, e consiste nunha liga de 14 equipos que disputan unha fase regular de 27 xornadas, ó cabo da cal os 8 primeiros equipos da táboa disputan o título nos playoffs. A gran final da Super League, dispútase tradicionalmente no estadio de Old Trafford, en Manchester, diante de case 70.000 seareiros, e está considerado un dos eventos deportivos máis populares en Inglaterra. Dende o comezo da actual Super League, os equipos máis laureados son os St Helens Saints, Leeds Rhinos, Bradford Bulls e Wigan Warriors. Botando a vista máis atrás, dende finais do século XIX, tamén cabe salientar os éxitos acadados por equipos como Huddersfield Giants, Swinton Lions, Salford City Reds ou Hull FC.

Pola súa banda, a Challenge Cup lévase disputando dende 1896 ata os nosos días, sendo unha competición copeira que nas súas primeiras roldas inclúe ós equipos ingleses de categorías rexionais, equipos escoceses, equipos galeses, equipos dos diversos exércitos británicos e equipos universitarios. Os equipos da Super League entran na competición a partir da cuarta rolda. A final deste torneo dispútase tradicionalmente no estadio de Wembley, ante preto de 80.000 seareiros.

Sendo como é a Challenge Cup un torneo tradicional que da moito prestixio, o certo é que o campión da Super League está considerado non só o mellor equipo de Europa, senón tamén o mellor equipo de rugby league de todo o hemisferio Norte.

— Equipos de Super Rugby en 2012 —
EquipoCidadeFundaciónEstadioCapacidadeTítulosEn 2011
Bradford Bulls Bradford1907Odsal Stadium27,491610º
Castleford Tigers Castleford1926Probiz Coliseum11,750-
Catalans Dragons Perpiñán1935Stade Gilbert Brutus13,000-6º - ¼ final
Huddersfield Giants Huddersfield1864Galpharm Stadium24,50074º - ¼ final
Hull FC Hull1865KC Stadium25,40468º - ¼ final
Hull Kingston Rovers Hull1882Craven Park10,00057º - ¼ final
Leeds Rhinos Leeds1864Headingley Stadium20,50085º - Campión
London Broncos Londres1980Twickenham Stoop14,816012º
Salford City Reds Salford1873The Willows11,363611º
St Helens St Helens1873Knowsley Road17,350123º - Finalista
Wakefield Trinity Wildcats Wakefield1873Belle Vue12,000213º
Warrington Wolves Warrington1879Halliwell Jones Stadium13,0243 - ½ final
Widnes Vikings Widnes1875Stobart Stadium11,5003Ascenso
Wigan Warriors Wigan1872DW Stadium24,135192º - ½ final
  • O total de títulos indica o número de veces que cada equipo saíu campión tanto na actual Super League como no anterior RFL Championship dende 1896.

National Rugby League

A primeira competición oficial de rugby league en Australia foi a New South Wales Rugby League Premiership, composta por varios equipos da cidade de Sidney e dos arredores, e cuxa tempada inaugural foi a de 1908. Co paso dos anos a competición abriu as súas portas á entrada dalgún equipo doutras localidades non moi afastadas, como Newcastle, Canberra e Wollongong, pero a gran maioría dos equipos da liga seguían a pertencer a Sidney. En 1988, vendo a evolución que o rugby league estaba tendo no resto do país, tomouse a decisión de abrir a liga, ampliándose primeiro polo estado de Queensland, e máis adiante por Nova Zelandia, Melbourne e Adelaida.

Nos anos 90 houbo unha guerra entre os clubs. A maioría dos clubs de Sidney organizaron a súa tradicional competición, chamándoa Australian Rugby League, mentres que os restantes 2 equipos de Sidney e o resto dos equipos fixeron unha competición paralela chamada Super League Australia. As dúas ligas chegaron a un punto de encontro, e xa en 1998 naceu a actual National Rugby League.

En 2012, a National Rugby League é unha competición de liga, e está formada por 16 equipos que disputan unha tempada regular de 26 xornadas, seguida duns playoffs nos que se decide cal é o equipo campión. A metade dos 16 seguen sendo de Sidney, e os 8 restantes son de Brisbane, Melbourne, Auckland, Newcastle, Gold Coast, Townsville, Wollongong e Canberra. A gran final da NRL dispútase cada ano no ANZ Stadium de Sidney, diante duns 82.000 seareiros, sendo un dos eventos deportivos máis populares e tradicionais que se levan a cabo cada ano en Australia.

Os equipos máis laureados da historia desta competición son, loxicamente, algúns dos máis antigos da cidade de Sidney, como South Sydney Rabbitohs, Sydney Roosters, Canterbury Bulldogs e Manly-Warringah Sea Eagles. Entre os equipos de nova creación, é salientable o éxito acadado en poucos anos polos Brisbane Broncos e Melbourne Storm.

Do mesmo xeito que a Super League coroa ó mellor equipo de rugby league do hemisferio Norte, a National Rugby League coroa ó mellor equipo de rugby league do hemisferio Sur, coa circunstancia de que ámbalas dúas competicións lévanse a cabo paralelamente, comezando as dúas en febreiro ou marzo, e rematando a comezos de outubro.

— Equipos de National Rugby League en 2012 —

Varios dos clubs que compoñen actualmente a NRL naceron froito da unión de dous antigos equipos, como é o caso dos Wests Tigers, dos Manly-Warringah Sea Eagles, dos St.George Illawara Dragons etc, algúns dos cales tiñan un amplo palmarés de títulos.

EquipoCidadeFundaciónEstadioCapacidadeTítulosEn 2011
Brisbane Broncos Brisbane1988Suncorp Stadium52,50063º - ½ final
Canterbury Bulldogs Sidney1935ANZ Stadium83,5008
Canberra Raiders Canberra1982Canberra Stadium25,011315º
Cronulla Sharks Sidney1967Toyota Stadium24,500-13º
Gold Coast Titans Gold Coast2007Skilled Park27,400-16º
Manly-Warringah Sea Eagles Sidney1947Brookvale Oval23,00082º - Campión
Melbourne Storm Melbourne1998AAMI Park30,05031º - ½ final
Newcastle Knights Newcastle1988Hunter Stadium33,00028º - ¼ final
New Zealand Warriors Auckland1995Mount Smart Stadium30,000-6º - Finalista
North Queensland Cowboys Townsville1995Dairy Farmers Stadium26,500-7º - ¼ final
Parramatta Eels Sidney1947Parramatta Stadium21,487414º
Penrith Panthers Sidney1967Centrebet Stadium22,500212º
St. George Illawarra Dragons Wollongong19992 estadios-15º - ¼ final
South Sydney Rabbitohs Sidney1908ANZ Stadium83,5002010º
Sydney Roosters Sidney1908Sydney Football Stadium45,5001211º
Wests Tigers Sidney20003 estadios-14º - ¼ final
  • O total de títulos indica o número de veces que cada equipo saíu campión tanto na actual National Rugby League como nos anteriores campionatos dende 1908.

World Club Challenge

A World Club Challenge é un campionato de rugby league que cada ano, antes do comezo das tempadas oficiais, enfronta ós gañadores da Super League e da National Rugby League do ano anterior, no cal se determina cal é o mellor equipo de rugby league do mundo a nivel de clubs. Este torneo naceu de xeito non oficial en 1976, e non colleu continuidade até o ano 2000, cando foi incluído oficialmente no calendario das competicións internacionais.

Disputado un total de 20 veces dende 1976 até 2012, foi gañado en 12 ocasións por clubs ingleses, e en 8 ocasións por clubs australianos. Non obstante, en 2010 o gañador foi desposuido do título por irregularidades. Das 20 edicións, 3 disputáronse en territorio australiano, e as restantes 17 en territorio inglés.

  • Con 3 títulos: Leeds Rhinos, Wigan Warriors e Bradford Bulls.
  • Con 2 títulos: Brisbane Broncos, Sydney Roosters e St Helens Saints.
  • Con 1 títulos: Melbourne Storm, Manly-Warringah Sea Eagles, St George Illawara Dragons e Widnes Vikings.
— World Club Challenge 2012 —
17 de febreiro
Rhinos 26 - 12 Sea Eagles- Headingley Stadium, Leeds

Véxase tamén

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: