Seixo Branco

8°20′58″O / 43.39639, -8.34944

Localización do Seixo Branco
Seixo Branco
Seixo Branco

O Seixo Branco é como se coñece un filón branco de cuarzo situado na costa de Dexo-Serantes, facilmente recoñecible dende o mar, e que, inclusive serve de orientación aos navegantes pola zona.

Vista do Seixo Branco dende o cantil
Vista do Seixo Branco dende o mar

Situación

Está dentro da zona especial de conservación (ZEC) Costa de Dexo, que ocupa o tramo costeiro comprendido entre o faro de Mera e o porto de Lorbé, entre as rías de Ares e Betanzos, e Ría da Coruña no denominado Golfo Ártabro. Este espazo natural, de gran riqueza biolóxica, demais está declarado como monumento natural.[1][2]

A perspectiva panorámica na súa proximidade permite contemplar o cabo Prior, a ría de Ares e a cidade da Coruña, coa Torre de Hércules. Tamén se divisa dende el o illote coñecido como A Marola, que inspirou o refrán mariñeiro "Quen pasou A Marola, pasou a mar toda", facendo referencia á bravura do mar nesta zona da costa.

Natureza

Resultan interesantes, ademais, as formacións xeolóxicas que se dan nos acantilados da zona. Trátase de covas mariñas chamadas furnas, orixinadas pola erosión superior do vento e a erosión inferior do mar. Coa marusía, a auga canalízase polas cavidades e acelérase dado o estreitamento, saíndo á superficie a modo de chorro pulverizado. Entre elas cabe destacar A Regocha, Ollo Pequeno e Ollo Grande.

O clima oceánico húmido consegue manter unhas temperaturas pouco flutuantes ao longo do ano. A fauna que habita estes cantís está composta principalmente por aves mariñas, como a gaivota patiamarela (Larus michahellis) e o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Entre as plantas especializadas que enraízan nas fírgoas dos saíntes graníticos está a armeria pubigera e unha especie moi predominante, o toxo (Ulex europaeus).

Historia e turismo

A súa situación estratéxica converteu este lugar nunha localización dunha batería militar deseñada antes da guerra civil e abandonada a partir da segunda guerra mundial.

Pouco antes de chegar a Seixo Branco, está o faro de Mera e un pequeno centro de interpretación na que foi a antiga casa do fareiro.

Tamén se atopa preto o castro de Subiña, exemplo representativo da cultura castrexa. Trátase dun recinto duns 150 metros de diámetro, fortificado en dúas estruturas circulares concéntricas, aínda sen escavar.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: