Aparello dixestivo

conxunto de órganos encargados do proceso da dixestión

O aparello ou aparato dixestivo é o conxunto de órganos dos animais multicelulares que permite a inxestión de alimento, a súa dixestión para obter enerxía e nutrientes, e excretar os refugallos sobrantes non necesarios. Deste xeito, as funcións principais do aparello dixestivo son a inxestión, dixestión, absorción e defecación.

Esquema das partes do aparello dixestivo.

O aparato dixestivo difire substancialmente duns animais a outros. Algúns teñen estómagos con múltiples compartimentos, mentres que os estómagos doutros animais só están constituídos por unha soa cámara. O aparello dixestivo adoita dividirse nunha zona anterior, unha zona media e unha posterior, reflectindo a orixe embriolóxica de cada segmento.[1]

Anatomía e fisioloxía

O aparello dixestivo é un tubo longo, con importantes glándulas asociadas. A súa función é a transformación das grandes e complexas moléculas dos alimentos en substancias sinxelas e doadamente utilizables polo organismo. Dende a boca até o ano, o tubo dixestivo mide uns once metros de lonxitude.

Na boca xa comeza propiamente a dixestión. Os dentes trituran de xeito mecánico os alimentos, e as secrecións das glándulas salivares achegan líquidos e substancias que inician a súa descomposición química; a saliva contén enzimas que inician a hidrólise dos alimentos. Despois, o bolo alimenticio atravesa a farinxe, continúa baixando polo esófago e chega até o estómago, que é unha bolsa muscular cun volume dun litro e medio. En condicións normais, a mucosa do estómago segrega un potente zume gástrico, e o alimento convértese nunha pasta viscosa chamada quimo.[2]

Na saída do estómago, o tubo dixestivo alongase no intestino delgado, duns cinco metros de longo, aínda que moi enrolado sobre si mesmo. Na súa primeira porción, o duodeno, recibe as secrecións das glándulas intestinais, a bile e os zumes do páncreas. Todas estas secrecións conteñen unha gran cantidade de enzimas que degradan os alimentos e os converten en substancias sinxelas solubles.

O tubo dixestivo continúa coa parte chamada intestino groso, que mide un pouco máis de metro e medio de lonxitude. A súa porción final é o recto, que remata no ano, por onde se evacúan ó exterior os restos non absorbidos dos alimentos.[2]

Desenvolvemento

No estado máis primitivo do seu desenvolvemento, o aparello dixestivo adoita dividirse en tres partes: o intestino proximal, o intestino medio e o intestino distal.[3] O intestino proximal dá lugar ao esófago, o estómago, a metade proximal do duodeno, o fígado e o páncreas. O intestino medio dá lugar á metade distal do duodeno, o xexuno, o íleo, o cego, o apéndice e parte do colon. O endoderma do intestino distal dá lugar ao resto do colon e ao recto ata a liña ano-rectal.

Neste estado embrionario, o tubo dixestivo está envolto polo mesenterio. O mesenterio ventral dexenera durante o desenvolvemento agás no intestino proximal.[4] O mesenterio dorsal está formado por unha capa dupla de mesotelio que suspende o aparato dixestivo. Unha capa de mesotelio alíñase coa cavidade celómica (a futura cavidade peritoneal) formando o peritoneo parietal, que se aliña coa somatopleura e o peritoneo visceral, aliñado coa esplachnopleura (parede do aparello dixestivo composta de mucosa, submucosa e dúas láminas de músculo).

Enfermidades do aparello dixestivo

Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O aparello dixestivo é un sistema fundamental dentro do corpo humano, xa que con base neste pódese desenvolver, aproveitar, asimilar e procesar todos os alimentos dende a boca ata o ano.

As enfermidades no sistema dixestivo (mesmo o cancro), polo xeral, son produto de factores externos, tales como a alimentación e infeccións, co que se pode deducir que a maioría das veces nas que ocorre unha anomalía é por produto do propio descoido e da pouca rigorosidade coa hixiene e a dieta.

Algúns trastornos do aparello dixestivo son:

  • Enfermidade celíaca (EC): Non é unha enfermidade unicamente dixestiva, senón un proceso de natureza autoinmune que afecta ao intestino e a diversos órganos e sistemas, de difícil diagnóstico. Está producida por unha intolerancia permanente ao glute, en persoas con predisposición xenética. Os síntomas dixestivos adoitan ser leves ou mesmo ausentes, especialmente a partir dos 2 anos de vida, pero poden desenvolverse numeroso síntomas e trastornos non dixestivos, polo que habitualmente non é recoñecida nin diagnosticada, a pesar de tratarse da enfermidade dixestiva crónica máis frecuente.[5][6][7][8]
  • Síndrome do intestino irritable (SII): Non é unha enfermidade propiamente dita,[9] senón un conxunto de trastornos funcionais do intestino que se caracterizan pola presenza de episodios recorrentes de dor abdominal, molestias acompañadas de inchazón abdominal e alteracións na frecuencia ou na consistencia das deposicións.[9][10] Non obstante, actualmente disponse de probas diagnósticas que falan a favor de que non é apropiado seguir considerando o SII como un trastorno puramente funcional.[11][12] Non é unha enfermidade psiquiátrica nin psicolóxica e non se demostrou a existencia de factores psicolóxicos que provoquen o SII ou que inflúan na súa aparición, aínda que estes factores si poden contribuír á deterioración da calidade de vida.[13]
  • Colite: Inflamación do intestino groso (colon), provocada por diversas causas. Os síntomas principais son a diarrea e as dores abdominais.[14]
  • Úlcera péptica (UP): Trátase dun defecto ou lesión da mucosa gastrointestinal, que se perpetúa como consecuencia da actividade ácido-péptica. As áreas de localización son fundamentalmente o estómago e o bulbo duodenal.[15]
  • Cancro de estómago: Trátase dunha das principais causas de mortalidade por cancro. Máis do 90% de todos os tumores de estómago débense ao adenocarcinoma gástrico (AG), provocado por unha complexa interacción entre a infección por Helicobacter pylori, a alimentación e a predisposición xenética. Os factores ambientais son responsables do 62% dos cancros gástricos e os factores hereditarios do 28%.[16]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: