Dionisio o Exiguo

Dionisio o Exiguo, tamén coñecido como Dionisio o Humilde, nado circa 470 e finado circa 544, foi un monxe do século VI nado na Escitia Menor, a moderna Dobruia, repartida entre Romanía e Bulgaria. Foi membro da comunidade dos monxes escitas concentrada en Tomis, a principal cidade da Escitia Menor. Dionisio é famoso por ser o inventor da era Anno Domini, que se usa para numerar os anos tanto do calendario gregoriano coma do calendario xuliano (cristianizado).

Infotaula de personaDionisio o Exiguo

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(la) Dionysius Exiguus Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoc. 475 Editar o valor em Wikidata
Cítia Menor, Roma Antiga (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte540 ↔ 556 Editar o valor em Wikidata (68/69 anos)
Roma Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonxe , canonista , tradutor , matemático , escritor Editar o valor em Wikidata
Período de tempoImperio Romano Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua latina Editar o valor em Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa1 de setembro Editar o valor em Wikidata

Traxectoria

Dende arredor do 500 viviu en Roma, onde, como membro erudito da curia romana, traduciu do grego ao latín 401 canons eclesiásticos, incluíndo os apostólicos e os decretos dos concilios de Nicea, I concilio de Constantinopla, concilio de Calcedonia e Sardis, e tamén unha colección das decretais dos papas dende Siricio ata Anastasio II. Estas coleccións eran respectadas na pars occidentis e aínda guían as administracións eclesiásticas. Dionisio tamén escribiu un tratado de matemáticas elementais.

O autor dunha continuación do Computus de Dionisio, en 616, describiuno coma o "abade máis erudito da cidade de Roma", e Beda o Venerable concedeulle o título honorífico de abbas, que se empregaba con calquera monxe, especialmente un maior e respectado, e non implica necesariamente que Dionisio dirixise algunha vez un mosteiro; en efecto, o amigo de Dionisio Casiodoro confirma en Institutiones que xa con idade avanzada era só un monxe.

Obras e traducións

Segundo Casiodoro, compañeiro de estudos[1], aínda que escita de nacemento, Dionisio era por carácter un romano verdadeiro e católico devoto, un gran erudito tanto en grego coma en latín e un escriturista consumado. Traduciu obras de referencia do grego ao latín, principalmente a Vida de san Pachomio, a Instrución de san Proclo de Constantinopla para os armenios, o De opificio hominis de Gregorio de Nisa, e a historia da descuberta de Xoán o Baptista. A tradución da carta sinodia de Cirilo de Alexandría contra Nestorio, e algunhas outras obras moito tempo atribuídas a Dionisio son agora consideradas anteriores no tempo e asignadas a Mario Mercator.

De grande importancia foron as súas contribucións ao dereito canónico, cuxos comezos en Occidente son debidos a el. A súa Collectio Dionysiana abrangue:

  • Unha colección de decretos sinodiais, dos que deixou dúas edicións:
    • Codex canonum Ecclesiæ Universæ, que contén canons dos sínodos orientais só en grego e latín, incluídos os dos catro concilios ecuménicos dende Nicea (325) ata Calcedonia (451).
    • Codex canonum ecclesiasticarum, que só está en latín; os seus contidos concordan co anterior en xeral pero falta o concilio de Éfeso (431), mentres que os denominados "Canons dos Apóstolos" os de Sardica si se inclúen, así coma os 138 do concilio de Cartago (419).
    • Doutra versión bilingüe de canons gregos escrito a instancia do papa Hormisdas, só se conserva o prefacio.
  • Unha colección de Constitucións papais (Collectio decretorum Pontificum Romanorum) dende Siricio ata Anastasio II (384-498).

Anno Domini

Véxase tamén: Anno Domini.

Dionisio é célebre por ser o inventor da era Anno Domini, usada para numerar os anos de tanto o calendario gregoriano coma o calendario xuliano. Usouna para identificar as pascuas na súa táboa de pascua, pero non para datar ningún acontecemento histórico. Cando deseñou a táboa, os anos do calendario xuliano identificábanse nomeando os cónsules de cada ano - el mesmo escribe que o "ano actual" é "o consulado de Probo Iunior Flavio Probo", afirmando que pasaran 525 anos "dende a encarnación do noso Señor Xesús Cristo". Como fixo os cálculos non se sabe. Inventou un novo xeito de numerar os anos para substituír a anos de Diocleciano que se tiñan empregado nunha vella táboa de pascua xa que non quería continuar lembrando un tirano que perseguira os cristiáns. A era Anno Domini pasou a ser usada en todo Occidente polo Venerable Beda para datar acontecementos na súa Historia Eclesiástica do Pobo Inglés, completada en 731.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

🔥 Top keywords: