Electro

aliaxe de ouro e prata usada nas cuñaxes da antigüidade

O electro, tamén coñecido pola súa denominación en latín: electrum (do grego ἤλεκτρον; "ámbar"), é unha aliaxe de ouro e prata que se pode obter artificialmente ou atopar de forma natural. A súa gama de cor vai do amarelo pálido ao máis brillante, en función da proporción de ambos os metais na súa composición.[1][2][3][4]

Pebida de electro con outros minerais
Broche de electro de Rodas. Ca. 625-600 a. de C.

Xa na antigüidade, Plinio describíao cunha proporción dunha parte de prata por cada catro de ouro.[5][6]

Aínda que xa nos textos antigos se testemuñan referencias ao electro como "ouro branco", cómpre non confundilo co significado que hoxe ten esa expresión, que é o da aliaxe de cor branca á base de ouro, prata, níquel, platino e paladio, moi utilizada en xoiaría.[7][8][9]

Etimoloxía

O termo "electro" deriva de electrum, a forma latinizada da grega ἤλεκτρονèlektron–, que xa aparece na Odisea para se referir a unha substancia metálica composta de ouro e prata. A mesma palabra usábase tamén para designar o ámbar, probabelmente debido á cor amarela pálida dalgunhas variedades.[6][10] E así as cousas, a partir das propiedades electrostáticas do ámbar derivan as palabras actuais "electrón" e todas as creadas co prefixo "electro-".[11]

Composición

Histamenon bizantino de electro do emperador Aleixo I Comneno

O electro componse fundamentalmente de ouro e prata, aínda que ás veces se atopa en estado natural con trazas doutros metais (cobre, aluminio, chumbo, níquel, etc.)[12]. As análises da composición do electro utilizado nas moeda antigas de Focea, na Asia Menor, de arredor do ano 600 a. de C., amosan que o contido de ouro era de arredor do 55 %. Nos principios do período clásico, o contido de ouro no electro variaba desde o 46 % en Focea ata o 43% en Mitilene. Nas cuñaxes máis tardías destas mesmas áreas, arredor de 325 a. de C., o contido descendía ata o 40 % ou o 41 %. No período helenístico cuñáronse moedas cartaxinesas de electro cun contido de ouro progresivamente descendente.[13]

Posteriormente, no Imperio Romano de Oriente, a pureza das moedas bizantinas de ouro foi diminuíndo ata tal punto que pasaron a cuñarse finalmente en electro.[14]

Historia

Cabeza momificada de home cuberta en electro, da dinastía tolemaica do Antigo Exipto. Século II a. de C.

O electro mencionábase xa na crónica dunha expedición á lendaria terra de Punt enviada polo faraón Sahure, da quinta dinastía do Antigo Exipto, onde se indica que os expedicionarios regresaron con grandes cantidades de mirra, malaquita e electro.[15][16][17][18]

Tamén o cita Plinio o Vello na súa Naturalis Historia.[5]

As Escrituras hebreas falan tamén do electro, cando o profeta Ecequiel di ter unha visión de Xehová sobre un carro celestial.[19]

O electro utilizouse tamén no terceiro milenio antes de Cristo no antigo imperio de Exipto, ás veces como revestimento exterior dos piramidións, no cumio das pirámides e dos obeliscos. Utilizábase tamén para a elaboración de obxectos ornamentais e de uso, como vasos e cuncas.[20]

Primeiras moedas da humanidade

As primeiras moedas coñecidas de electro, moedas lidias e da Grecia oriental atopadas baixo o Templo de Artemisa en Éfeso, dátanse no derradeiro cuarto do século VII a. de C. (625-600 a. de C.).[21] Considérase que as primeiras moedas nesta aliaxe foron cuñadas en Lidia nesa época, durante o reinado de Aliates.[22]

Moeda grega dun hecté, coa figura dun xabaril (454-427 a. de C.)

O electro era moito mellor para amoedar que o ouro, fundamentalmente porque era máis duro e máis duradeiro, mais tamén porque as técnicas de refinación do ouro non estaban aínda moi desenvolvidas nesa época.[23] O contido de ouro do electro achado en estado natural na actual Anatolia occidental oscila entre o 70 % e o 90 %, en contraste co rango de 45 % a 55 % característico das cuñaxes en electro da antiga Lidia, na mesma área xeográfica.[24] Isto suxire, por unha banda, que os lidios tiñan xa moi perfeccionada a tecnoloxía de refinación da prata, de maneira que lla engadían ao electro que extraían de xeito natural, décadas antes de que fixeran as súas primeiras cuñaxes de prata pura; por outra parte, unha das razóns para a aparición da moeda nesa rexión era a señoriaxe, é dicir, o beneficio creado ao emitila cun contido de ouro máis baixo que o do metal utilizado no intercambio sen amoedar.[25][26][27]

As primeiras moedas de electro emitidas en Lidia tiñan o valor dun terzo de estatero (trité), o que lles supuña un peso teórico de 0,17 onzas (4,7 gramos). Posteriormente cuñáronse estateros e tamén outras fraccións, como un cuarto (tetarté), un sexto (hecté), un oitavo e un doceavo e un vinte e catroavo. En ocasións chegáronse a emitir fraccións de 1/48 e mesmo 1/96 de estatero, esta última con soamente 0,14 gramos.[28][29]

Terzo de estatero ou trité de electro, cuñado en Lidia no século VI a. de C.

Por mor da variación na composición do electro, non resulta doado determinar o valor exacto de cada moeda, o cal supuña un obstáculo para o desenvolvemento do comercio.[30][31] Estas dificultades foron superadas cara a 570 a. de C., coa introdución no reino de Lidia das primeiras moedas de prata e de ouro puros por parte do rei Creso (polo que collen o nome de creseidas). Porén, a moeda de electro continuou a ser común ata 350 a. de C.[22][30][32]

Galería

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: