Federación Internacional da Industria Fonográfica

Federación Internacional da Industria Fonográfica (IFPI, do inglés International Federation of the Phonographic Industry) é a organización que representa os intereses da industria da gravación por todo o mundo. É unha organización sen animos de lucro por parte dos seus membros rexistrada en Suíza. A súa secretaría está situada en Londres, Reino Unido. Representa a máis de 1.450 compañías de rexistro, grandes e pequenas, en 75 países. Unha das súas políticas máis importantes é acabar coa piratería musical.

Ademais da súa secretaría internacional, a IFPI ten oficinas rexionais en Bruxelas, Hong-Kong, Miami, Atenas e Moscova[1].

Desde o 1 de xaneiro de 2005, o presidente da IFPI é John Kennedy, substituíndo a Jay Berman.[2]

Historia

A IFPI foi fundada polas principais discográficas de Alemaña, Francia, Italia e o Reino Unido durante un congreso da industria discográfica en Roma, o 14 de novembro de 1933, invitados pola Confederazione Generale Fascista dell'Industria Italiana.[3] e rexistrou a súa primeira oficina en Zürich, Suíza[4] Un dos seus principais obxectivos foi promover os dereitos conexos para que os creadores debesen compartir a propiedade intelectual das súas obras cos produtores musicais.

Incidentes con The Pirate Bay

En outubro de 2007 ifpi.com, un dos dominios da IFPI caducou. O dominio foi transferido a The Pirate Bay por un doador anónimo.[5] Os administradores de The Pirate Bay montaron unha web en ifpi.com titulada "International Federation of Pirates Interests", un retroacrónimo para IFPI. A propiedade do dominio foi devolta á IFPI a finais de novembro, cando o consello de mediación da OMPI decidiu que The Pirate Bay estaba a utilizar unha marca rexistrada da IFPI de mala fe.[6]

Nun incidente posterior, o 18 de febreiro de 2009, ifpi.se, o dominio da división sueca da IFPI foi hackeado por simpatizantes de The Pirate Bay. Isto ocorreu o terceiro día do xuízo aos fundadores de The Pirate Bay en Suecia. O sitio foi substituído por unha mensaxe dirixida ao fiscal Håkan Roswall e á acusación ("Warner Brothers etc"). Estaba asinado como "The New Generation".[7] Peter Sunde, portavoz de The Pirate Bay pediu a través de Twitter que cesasen os ataques.[8]

O 19 de abril de 2009, trala sentenza en contra de The Pirate Bay, os dominios ifpi.org e ifpi.se forón suxeitos dun ataque DDoS.[9]

Incidente con OiNK.cd

O 23 de outubro de 2007, OiNK.cd, unha web de descargas por BitTorrent foi pechada. A web mostraba unha mensaxe sobre unha investigación levada a cabo pola IFPI, BPI, a policía de Cleveland, e o FIOD ECD sobre "sospeitas de distribución ilegal de música".[10]

A IFPI publicou unha nota de prensa[11] afirmando que a web era "a principal fonte de música pre-release ilegal do mundo"; que o seu administrador conseguiu grandes sumas de diñeiro mediante doazóns e que os usuarios debían contribuír con material para manter as súas contas. Con todo, ningunha destas afirmacións foi probada.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: