Jorge Mendonça

futbolista brasileiro

Jorge Pinto Mendonça, nado en Silva Jardím o 6 de xuño de 1954 e finado en Campinas o 17 de febreiro de 2006,[1] foi un futbolista brasileiro.[2][3] Hábil dianteiro e prolífico goleador, marcou máis de 400 goles ao longo da súa carreira, que transcorreu integramente no seu país.[3]

Jorge Mendonça
Información persoal
NomeJorge Pinto Mendonça
Nacemento6 de xuño de 1954
Lugar de nacementoSilva Jardim
Falecemento17 de febreiro de 2006
Lugar de falecementoCampinas
Altura177 centímetros
PosiciónCentrocampista
Dianteiro
Carreira xuvenil
1971–1972Bangu
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
1972–1973Bangu
1973–1976Náutico
1976–1980Palmeiras
1980Vasco
1980–1982Guarani
1983–1985Ponte Preta
1985–1986Cruzeiro
1986Rio Branco
1987–1989Colorado
1989Ponte Preta
1989–1991Paulista
Selección nacional
1978Brasil6(0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

Fluminense de Silva Jardim, debutou como futbolista profesional nas filas do Bangu en 1972.[4][3][2] No seu primeiro partido, o 15 de xaneiro dese ano, marcou 2 goles ante o São Cristóvão, para o Torneio Romeu Dias Pinto.[5] Marcou un total de 23 goles co equipo carioca.[1]

Ao ano seguinte marchou a Pernambuco, estado no que xogou entre 1973 a 1975, vestindo a camiseta do Náutico.[6] Alí converteuse nun dos máximos goleadores da historia do club e nun dos seus maiores ídolos. Gañou o Campionato Pernambucano en 1974, proclamándose máximo artilleiro, con 24 goles, e chegou a marcar oito goles nun mesmo partido do torneo, na vitoria por 8-0 sobre o Santo Amaro.[2][3][1]

O seu gran rendemento en Pernambuco atraeu a atención dos directivos do Palmeiras, que o contrataron en 1976 como recambio de Ademir da Guia, que estaba a piques de se retirar.[7] No equipo de São Paulo continuou con altas cifras goleadoras, marcando un total de 102 tantos en 217 partidos.[2][1] Entre as súas dianas encóntrase o único gol da final do Campionato Paulista de 1976, que lle deu o título ao seu equipo fronte ao XV de Piracicaba.[2][3][1]

Despois de participar nalgúns amigables non oficiais coa selección brasileira, foi convocado por Cláudio Coutinho para o Mundial de 1978.[3] Debutou na Copa do Mundo substituíndo a Zico nos minutos finais do partido da primeira fase contra España e acabou xogando como titular case todos os restantes partidos, deixando no banco ao propio Zico. Disputou un total de 6 encontros no torneo, acompañando no ataque a xogadores como Gil e Roberto Dinamite, pero non conseguiu ningún gol.[3] Nos seus 11 partidos coa camiseta amarela, obtivo sete vitorias e catro empates, ademais de dous goles.[1][2][3]

Tras a competición, regresou ao Palmeiras, co que acadou a final do Campionato Paulista de 1978, perdendo ante o Guarani de Carlos Alberto Silva.[3] Xogou no club ata 1980, sendo o responsable da súa saída o adestrador Telê Santana, co que mantiña unha mala relación que empeorou cando tras un partido ante o Flamengo no Río de Xaneiro, o centrocampista abandonou o campo de adestramento para gozar da vida nocturna carioca.[7] A continuación xogou brevemente no Vasco da Gama, onde foi contratado para cubrir a ausencia do ídolo Roberto Dinamite, sen demasiado éxito.[7]

En xuño de 1980 fichou polo Guarani e acabou por converterse nun dos mellores xogadores da historia do club.[8][9] O 27 de marzo de 1981 gañou a Taça de Prata da Serie B, liderando o ataque xunto a Careca, e foi o máximo goleador do torneo.[8] Ese mesmo ano fixo historia no Campionato Paulista, no que anotou 38 goles, a terceira cifra máis alta en tódalas edicións do campionato, superada só por Feitiço e Pelé.[3] Converteuse ademais no primeiro xogador en marcar nunha mesma tempada contra os catro grandes equipos de São Paulo (São Paulo, Corinthians, Palmeiras e Santos).

A pesar do seu gran momento de forma, quedou fóra da convocatoria para o Mundial de 1982, por decisión do seleccionador e antigo adestrador seu no Palmeiras, Telê Santana.[7][10] Tras deixar o Guarani, defendeu a camiseta do maior rival histórico deste, o Ponte Preta, no que xogou entre 1983 e 1985.[3] Nos últimos anos da súa carreira militou no Cruzeiro, Río Branco e no extinto Colorado,[1] antes de retirarse nas filas do Paulista de Jundiaí.[3]

Instalado dende a súa retirada en Campinas, cidade na que conseguiu ser ídolo dos dous equipos arquirrivais do Estado, o Guaraní e o Ponte Preta, pasou por unha serie de dificultades económicas, de saúde e familiares, agravadas polo seu alcoholismo.[1] Faleceu por problemas cardíacos aos 51 anos e foi soterrado en Valinhos, cidade próxima a Campinas.[2][10][11]

Palmarés

Náutico
  • Campionato Pernambucano (1): 1974.
  • Torneo Gobernador Cortez Pereira (1): 1975.
Palmeiras
Guarani
  • Taça de Prata (1): 1981.
Individual
  • Bola de Prata da Revista Placar (1): 1979.

Notas

🔥 Top keywords: