Momia de Manchester

Hannah Beswick, coñecida de maneira póstuma como a momia de Manchester ou como a momia de Birchin Bower, nada en 1688 e finada en febreiro de 1758, foi unha muller británica adiñeirada que vivía nunha propiedade chamada Birchin Bower, situada na área de Hollinwood, en Oldham, Inglaterra. Debido aos seus antecedentes familiares, Beswick tiña un medo patolóxico a ser enterrada viva.[1] Así, dise que antes de morrer manifestara o desexo de que o seu corpo permanecese sen sepultar, coa finalidade de verificar periodicamente a existencia de sinais de vida. Con todo, tras a súa morte en 1758, o seu corpo foi embalsamado.[2]

Museo de Historia natural de Manchester, lugar onde foi exhibido o corpo de Hannah Beswick

A pesar de que non quedou constancia do método utilizado no embalsamamento, crese que consistiu na substitución do sangue por unha mestura de trementina e vermellón, método chamado embalsamamento arterial.[3] O corpo foi gardado dentro dunha vella caixa de reloxo e almacenado en casa do doutor Charles White, o médico da familia.[4] A aparente excentricidade de Beswick terminou converténdoa nunha celebridade local, especialmente polo feito de que os visitantes puidesen observala na casa de White.[5]

Finalmente o corpo foi legado ao Museo da Sociedade de Historia Natural de Manchester, onde foi exhibido e onde recibiu o alcume de Momia de Manchester ou a momia de Birchin Bower.[6] Posteriormente toda a colección do museo foi transferida á Universidade de Manchester e decidiuse, coa aprobación das autoridades e o bispo, enterrar a Beswick.[7] O acto tivo lugar no cemiterio de Harpurhey o 22 de xullo de 1868,[8] 110 anos despois da súa morte. A tumba na que xacen os seus restos carece de nome ou marca ningunha.[9][10]

Antecedentes

Artigo principal: Enterro prematuro.
L'Inhumation précipitée (Enterro prematuro) (1854), óleo sobre lenzo de Antoine Wiertz.

Cara á metade do século XVIII incrementouse entre a sociedade europea o temor a ser enterrado vivo por equivocación.[11] Xerouse ademais un gran debate sobre a certeza dos signos de morte, e polo tanto fixéronse varias suxestións coa intención de procurar signos vitais antes de realizar o enterro, dende derramar vinagre e pementa na boca do cadáver, ata aplicar un ferro incandescente nos pés ou no recto.[12] Nunha publicación de 1895, o médico J. C. Ouseley publicou que arredor de 2 700 persoas eran enterradas vivas cada ano en Inglaterra e Gales, aínda que outros estimaban que o número real era máis próximo a 800.[13]

Hannah Beswick naceu en 1688 e herdou de seu pai, John Beswick, unha considerable riqueza.[14] Anos antes da súa propia morte, o seu irmán John deu sinais de vida xusto cando estaban a piques de pechar a tapa do seu ataúde e unha das choradeiras notou que as súas pálpebras parecían moverse. Logo do exame realizado por Charles White, o médico da familia, confirmouse que aínda estaba vivo. John recobrou o sentido uns días máis tarde e viviu durante moitos anos máis.[15]

Jessie Dobson, do Museo do Real Colexio de Cirurxiáns de Inglaterra, sinalou que parece haber moitas «inexactitudes e contradicións» no rexistro dos acontecementos que seguiron á morte de Hannah Beswick en 1758. Algunhas persoas suxeriron que Hannah Beswick deixou 25 000 £ —o equivalente a tres millóns de libras de 2017 aproximadamente— a White,[2][16] pioneiro da obstetricia e un dos fundadores do Manchester Royal Infirmary,[6] coa condición de que o seu corpo fose mantido sen enterrar e que periodicamente se lle realizasen exames procurando signos de vida.[2] Con todo, o testamento de Beswick, datado o 25 de xullo de 1757 —menos dun ano antes da súa morte— declaraba que White recibiría tan só 100 £ e que 400 £ serían destinadas aos gastos funerarios.[14] Outras historias suxerían que White fora nomeado testamenteiro do testamento e que recibiu 400 £ para facerse cargo dos gastos funerarios, podendo conservar o excedente; manter a Beswick embalsamada permitiulle gardar a suma completa. Con todo, o testamento nomeaba a Mary Graeme e Esther Robinson como testamenteiras, non a White.[14] En 1866, máis de cen anos despois da súa morte, os detalles aínda seguían en disputa.[17]

Embalsamamento

Charles White, médico da familia.

No testamento de Beswick de 1757 non existe ningunha mención de que desexara ser embalsamada. Dise que unicamente lle pedira ao doutor White que mantivese o corpo sen enterrar ata que se fixese obvio que estaba realmente morta, pero que o médico foi incapaz de resistirse á tentación de engadir unha momia á súa colección de obxectos de exhibición, e entón tomou a decisión de embalsamala.[8][17] White desenvolvera un interese particular pola anatomía cando estudaba medicina en Londres e foi acumulando unha colección de «curiosidades», que para a época do seu falecemento incluía o esqueleto de Thomas Higgins, un asaltante de camiños aforcado por roubo, así como a momia de Hannah Beswick.[8][18]

Non existen rexistros do método de embalsamamento empregado por White, mais estudara co anatomista William Hunter en 1748 e este desenvolvera un sistema de embalsamamento arterial, polo que é moi probable que empregara o mesmo procedemento.[19] As veas e arterias terían sido inxectadas cunha mestura de trementina e vermellón, despois do cal os órganos serían retirados do tórax e o abdome e colocados en auga para limpalos e reducir o seu volume. Extraíase tanto sangue como fose posible do cadáver e o corpo enteiro era lavado con alcol. A seguinte etapa era recolocar os órganos e repetir a inxección de trementina e vermellón. As cavidades enchíanse cunha mestura de alcanfor, nitrato de potasio e resina, antes de que o corpo fose cosido e todos os orificios se encheran con alcanfor. Despois dun último lavado, o corpo embalábase nunha caixa que contiña xeso para absorber calquera rastro de humidade,[3] e logo probablemente era cuberto con alcatrán para conservalo.[19]

Exhibición

O corpo momificado conservouse inicialmente no Ancoats Hall, que era a casa dun membro da familia Beswick, aínda que pouco tempo despois foi trasladado á casa do doutor White, situada en Sale, onde foi depositado nunha vella caixa de reloxo coa cara cuberta por un manto de veludo.[8][4] A aparente excentricidade de Beswick converteuna nunha celebridade. O escritor Thomas de Quincey foi un dos moitos que acudiron a contemplala.[5] Despois da morte de White en 1813, o corpo de Beswick foi legado ao doutor Ollier, e logo da morte deste en 1828, foi doado ao Museo da Sociedade de Historia Natural de Manchester,[8][20] establecido en 1835 en Peter Street,[4] onde se deu a coñecer como a momia de Manchester ou a momia de Birchin Bower.[6] Era exhibida no vestíbulo do museo,[21] xunto a unha momia Chinchorro e unha exipcia,[8] e os seus familiares tiñan acceso gratuíto para visitala cando desexasen.[22]

Foi descrita en 1844 por un visitante como «un dos obxectos máis notables do museo»[23] e segundo a escritora Edith Sitwell, «a sombra fría e escura da súa momia colgaba sobre Manchester á metade do século XVIII».[24] Non existen pinturas de Hannah Beswick. Philip Wentworth, un historiador local, proporcionou unha das poucas descricións contemporáneas:[25]

O corpo encontrábase ben conservado, mais a cara víase murcha e negra. As pernas e o tronco estaban envoltos nun pano groso, unha clase de material como cuberta de colchón. O corpo, que era como o dunha pequena e anciá muller, estaba nun ataúde de vidro.[26]

O museo transferiu o corpo á Universidade de Manchester en 1867. Pouco tempo despois decidiuse que Beswick estaba «irrevogable e inequivocamente morta» e que chegara a hora de enterrala.[8][7] Dende 1837 a lei británica requiría que un examinador médico estendese un certificado de defunción antes de levar a cabo un enterro; como Beswick morrera en 1758, fíxose unha petición ao ministro do Interior, quen emitiu unha orde para executalo.[27] Coa autorización do bispo de Manchester, Hannah Beswick foi enterrada nunha tumba sen marcar no cemiterio Harpurhey o 22 de xullo de 1868,[8] máis de 110 anos despois da súa morte.[9][10]

Tesouro e aparicións

Logo de que Carlos Eduardo Stuart entrase en Manchester á cabeza do seu exército invasor en 1745, Hannah Beswick sentiuse preocupada pola seguridade dos seus cartos e decidiu enterralos. Pouco antes de morrer prometeu aos seus familiares revelarlles onde ocultara o tesouro, mais non sobreviviu o suficiente para facelo.[28]

Logo da morte de Beswick, a súa casa, Birchin Bower, foi convertida en vivenda para traballadores. Moitos dos novos habitantes afirmaban ter visto unha figura vestida cun traxe de seda negra e un gorro branco, unha descrición que parecía corresponder a Hannah Beswick. Segundo as testemuñas, despois de flotar polo salón da casa, a aparición desvanecíase ao pasar sobre unha lousa en particular. Asegurábase que un tecedor que vivía alí, nunha ocasión que cavaba para fixar un novo tear, descubriu as reservas de ouro de Beswick ocultas debaixo daquela mesma lousa. Oliphant, un distribuidor de metais preciosos, pagou ao tecedor 3 libras e 10 xilins por cada peza de ouro, o equivalente a case 450 £ en 2017.[16][28] A casa finalmente foi demolida para dar paso a un camiño cara á fábrica Ferranti, mais seguiron mencionándose avistamentos da pantasma na área da súa antiga residencia.[29][30][31][32]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: