Pobreza menstrual

pobreza extrema que implica problemas económicos para adquirir produtos sanitarios menstruais

A pobreza menstrual, pobreza do período[1] ou precariedade menstrual é a dificultade ou falta de acceso das persoas que menstrúan ás proteccións hixiénicas por mor da pobreza.[nota 1] Estímase que uns 500 millóns de persoas en todo o mundo sofren precariedade menstrual.[2] Esta situación está orixinada principalmente polo custo dos produtos hixiénicos ou as dificultades para acceder a estes. A consecuencia principal desta situación é a exclusión das persoas que menstrúan.[3][4]

Calcúlase que unha persoa en idade fértil gasta arredor de 240 euros ao ano nestes produtos menstruais, basicamente compresas e tampóns, os máis empregados. Isto suporía máis de 8 000 euros en toda a súa vida fértil.[5]En 2020, Escocia foi o primeiro país do mundo en ofrecer produtos de hixiene menstrual de balde en edificios públicos.[6]

Orixe

A precariedade menstrual ten orixe na falta de información e de infraestruturas adaptadas, coma o acceso a auga potábel. O custo dos produtos hixiénicos é tamén un atranco. De feito, no mundo, unha de cada dez persoas no mundo non ten acceso a estes produtos.[2] Nos denominados países occidentais, as persoas sen teito, aquelas en situación de pobreza, e mais as estudantes conforman os colectivos particularmente afectados por que non dispoñen dos medios económicos necesarios para afrontar o custo destes produtos. As mulleres cis, as persoas non binarias e os homes trans poden sufrir este tipo de precariedade.[7]

Consecuencias

Segundo a Federación Internacional de Xinecoloxía e Obstetricia, a pobreza menstrual pode supoñer unha diminución de oportunidades a nivel mundial nas persoas que menstrúan. Estas son decote obrigadas a elaborar os seus propios métodos de protección, que ás veces poden resultar ineficaces e de pouco ou nada hixiénicas. A falta de acceso a proteccións hixiénicas ten como principal consecuencia a exclusión social, e en particular o abandono escolar entre a mocidade.[2]

A pobreza menstrual tamén está presente nos centros penitenciarios. Nestes espazos, polo xeral, só se fornece un xogo de produtos básicos de hixiene que consta principalmente de compresas. Malia teren, polo común, acceso a produtos suplementarios, adoitan ser máis custosos ca nas grandes superficies.[8] **subscrición Hai mulleres que empregan técnicas de seu, sobre todo, copas menstruais fabricadas con botellas recicladas, polo que non cumpren as medidas sanitarias.[9][8]

En moitos países do mundo, as persoas que menstrúan non asisten ás aulas en canto teñen a regra por non dispoñeren de produtos hixiénicos. Por exemplo, no Reino Unido hai unha diferenza de absentismo de até 145 días entre nenas e nenos.[2] Pola súa banda, un estudo publicado en 2019 afirmaba que en Francia había 1,7 millóns de mulleres con carencias de produtos de hixiene menstrual. Este informe sinalaba que a falta de produtos de hixiene menstrual pode causar dificultades na reinserción no mundo laboral ou escolar: o17% das mulleres que recibían produtos de hixiene xeral e menstrual grazas a algunha das asociacións implicadas no estudo declaraba que en ocasións faltara ao seu traballo, mentres que o 12% dicían que non foran ás aulas.[10] Nese mesmo ano outro medio francés daba visibilidade ás persoas que mesmo se vían na obriga de escoller entre alimentárense ou comprar os produtos de hixiene menstrual: nalgúns casos optábase por empregar peúgos, papel de xornal ou hixiénico.[7][11]

As deficiencias de hixiene asociadas á pobreza menstrual poden causar infeccións, entre elas a síndrome de choque tóxico.[12]

Iniciativas en Galicia

En marzo de 2021 a Universidade de Vigo converteuse na primeira universidade española na que as mulleres poden acceder de xeito gratuíto a produtos de hixiene feminina.[13][14]

En xullo de 2021 unha iniciativa centrada na pobreza menstrual, realizada por unha alumna do IES O Milladoiro foi recoñecida como a mellor idea para a axenda 2030 da ONU na cuarta edición da Youth Mun Madrid.[15]

Notas

Referencias

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: