Porco

mamífero doméstico

Porco

Porca co seu leitón
Estado de conservación
Domesticado
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Clase:Mammalia
Orde:Artiodactyla
Familia:Suidae
Xénero:Sus
Especie:'Sus scrofa'
Linnaeus, 1758
Subespecie:S. s. domesticus
Nome trinomial
Sus scrofa domesticus
Erxleben, 1777
Sinonimia[1]
  • Sus scrofa domestica
    Erxleben, 1777
  • Sus domesticus Erxleben, 1777
  • Sus domestica Erxleben, 1777

O porco[2] (tamén coñecido como cocho,[3] marrán,[4] chino[5] ou quino[6]) é un mamífero tipicamente doméstico, de nome científico Sus scrofa, aínda que algúns autores danlle o nome de Sus domesticus (ou Sus scrofa domesticus) para o diferenciar do porco bravo ou xabarín, ao cal se lle atribúe o nome de Sus scrofa.

Historia

O porco domesticouse hai uns 5.000 anos. Chegou a Europa dende Turquía, e hai probas da súa domesticación no sitio arqueolóxico de Çayönü. Aínda que hoxe neste país este animal non aparece na gastronomía tradicional debido a ser agora un país islámico e esa relixión prohibe o consumo deste mamífero. Non existe en estado salvaxe na natureza.

En Galicia, a crianza do porco goza de gran tradición. Isto demóstrase na popular matanza do porco de San Martiño ou a fama de xamóns coma o de Lalín ou o da Cañiza.[7]

Utilidade

O porco críase sobre todo pola súa carne, ben para ser consumida fresca, en salazón ou transformada en embutidos ou outros produtos cárnicos. Entre outros, do porco saen o lacón, o xamón, o touciño ou o chourizo. Este é o seu uso principal sobre todo na cría tradicional doméstica. Pero o porco fai bo o que se di del e ten outros moitos usos:

  • Manufacturas:
    • Pel: coiro suave[8] e xoguetes para animais.
    • Pelo: para facer as cerdas dos cepillos.
    • Vexiga: unha vez limpa, inchada e seca podía ser usada como xoguete para os nenos. Hoxe fai parte da vestimenta das pantallas do entroido de Xinzo de Limia.[9]
  • Medicina:
    • Órganos internos: pola súa similitude cos humanos poden usarse para o estudo e a experimentación[10]
    • Corazón: próteses valvulares cardiacas.[11]
    • Ollos: concretamente as córneas, que se usan como base para crear córneas bioartificiais que poidan ser transplantadas a humanos.[12]
    • Intestino:
  • Industria alimentaria:
    • Pel, tendóns e outros restos: xelatina de uso alimentario, tamén coñecida como aditivo E-441. Neste caso aproveitase o coláxeno presente nos seus tecidos.
    • Graxa: convertida por cocción en manteiga, esta pode ser usada como remedio tradicional, lubricante artesán ou como líquido de fritir ou materia prima doutras preparacións. O seu subproduto, o roxón, úsase para comer directamente ou como ingrediente doutras comidas.

Amais diso, tradicionalmente, sobre todo en Italia, usábase o porco para buscar trufas. O seu olfacto permítelle detectalas e co fociño e as patas foza ata atopalas.

Terminoloxía

Entre outros nomes para porco en galego están o de cocho ou marrán. As crías do porco reciben os seguintes nomes (especialmente cando son moi novos e aínda maman): bácoro[15] ou bacoriño,[16] leitón,[17] marrancho,[18] rancho,[19] reco,[20] rello,[21] relo,[22] rengo,[23] zacote[24] ou marrote.[25] O porco macho adulto denomínase verrón,[26] cacheiro,[27] cachaceiro[28] ou cachazo.[29] Se se dedica a cubri-las femias, porco da semente, porco colludo, porco pai e castal,[30] castizal[31] ou castizo[32] (de aí o alcume de O Castizo que leva Cibrán, o protagonista da novela A esmorga de Eduardo Blanco Amor).

Produción

Bacoriños nunha granxa.

Os porcos críanse en numerosos países, aínda que os maiores consumidores de porco a nivel mundial están en Asia. Existe un importante comercio internacional e mesmo intercontinental de porcos e de carne de porco. Aínda que a China ten a meirande produción en termos absolutos, precisa importar grandes cantidades para satisfacer a demanda, que se ten incrementado notabelmente ao longo do seu desenvolvemento como potencia económica. Os principais exportadores de porco son os Estados Unidos, a Unión Europea e o Canadá. Por exemplo, a produción canadense foi de 22,8 millóns de porcos no ano 2008 e máis da metade foi exportada a 143 países.[33]

Listaxe dos 10 principais criadores de porcos (2014)
PaísProdución (millóns)
China474,1
Estados Unidos67,7
Brasil37,9
Alemaña28,3
Vietnam26,8
España26,6
Rusia19,1
México16,1
Myanmar13,9
Francia13,3
En todo o mundo986,6
Fonte: Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura

FAO Arquivado 30 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine.

Razas de porco doméstico

Véxase tamén: Lista de razas de porcos.

Porco celta

Artigo principal: Porco celta.
Porco celta.

A raza de porco celta é unha variedade que até comezos do século XX era a maioritaria en Galiza. Despois de estar a piques de desaparecer durante os anos oitenta, en 1999 púxose en marcha a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta. O apoio público coa creación dun rexistro da raza e a difusión das cualidades deste animal está a favorecer o rexurdimento da cabana maioritaria en Galiza, antes de se ver desprazada por novas razas que ofrecían un maior crecemento.

Dous porcos vietnamitas.

Outras razas: Berkshire, porco ibérico, porco tamworth, porco vietnamita e porco galés.

O porco na cultura popular

Miss Piggy, Babe e Porky Pig son personaxes moi coñecidos no mundo audiovisual. Os tres porquiños, Piglet de A. A. Milne, Wilbur da novela Charlotte's Web, The Sheep-Pig, Zhu Bajie ou Napoleón do libro A revolta dos animais, son exemplos de porcos famosos na literatura.

En Galicia

O porco e os seus produtos constitúen un importante elemento na gastronomía galega. Así, non pode estrañar que estea presente en numerosas festas gastronómicas repartidas por toda Galicia:

  • Festa do Lacón: a mediados do mes de xullo, en Silleda (Pontevedra).
  • Festa do Porquiño á Brasa: último domingo de agosto, en Amil (Pontevedra).
  • Festa do Porquiño á Brasa: 16 de novembro, en Vilaxoán (Vilagarcía, Pontevedra).
  • Festa do Cocido: celébrase, en Lalín, o domingo anterior ó domingo de Carnaval, desde 1969.
  • Festa do Petote: celébrase en febreiro, en Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade. O petote, tamén chamado bolo de pote ou petelo, é un bolo feito de fariña milla e fariña triga, cocido na auga do cocido.
  • Cocido do Porco Celta: celébrase en Sarria, en febreiro.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Outros artigos

🔥 Top keywords: