Rúa Marqués de Riestra

rúa en Pontevedra

8°38′48″O / 42.430138888889, -8.6465555555556

A rúa Marqués de Riestra é unha rúa do centro da cidade de Pontevedra, no ensanche decimonónico, paralela lonxitudinalmente ao parque das Palmeiras polo seu lado leste.[1] É unha das principais rúas do centro de Pontevedra.

Rúa Marqués de Riestra
Tramo peonil da rúa Marqués de Riestra
Tipoloxíarúa
Dimensións
Lonxitude0,25 km
Formatopeonil (primeiro tramo), un carril e dúas beirrarúas (segundo tramo)
Localización
InicioPraza de España
FinPraza de San Xosé

Orixe do nome

Desde 1950 a rúa está dedicada a José Riestra López, primeiro marqués de Riestra (1853-1923), gran benefactor de Pontevedra. Entre outras iniciativas, foi propulsor da chegada da luz eléctrica á cidade en 1888 e do tranvía en 1889 así como de diversas fábricas e empresas (as primeiras fábricas en Galicia de electricidade en 1888 na praza da Verdura[2] e de cerámica en 1895 na Barca,[3][4], ademais da Banca Riestra)[5] ou a mellora das rúas da cidade e apoio á construción de edificios institucionais. Dedicou parte do seu capital á cidade e así mesmo, cedeu a súa mansión e leira da Caeira para convertela en gran hospital para os soldados repatriados de Cuba e Filipinas como consecuencia da guerra hispano-estadounidense.[6]

Historia

A actual rúa Marqués de Riestra era en 1853 un camiño que conducía desde a antiga porta de Santo Domingo da muralla de Pontevedra na praza de España ata o Campo de San Xosé na actual praza de San Xosé. A partir desa data, coa expansión do primeiro ensanche da cidade, o camiño foise urbanizando progresivamente,[7] ata a súa consolidación definitiva como rúa cara a 1880,[8] formando parte do primeiro ensanche da cidade fóra do antigo casco amurallado.[9] O concello de Pontevedra alleou do conxunto da leira dos dominicos a liña de soares con fronte á rúa Riestra, conxunto adquirido mediante poxa.[10]

O 21 de decembro de 1880 o concello de Pontevedra acordou poñer como nome á rúa desde o xardín da Alameda ata o final do antigo Campo da Feira o do político liberal Francisco Antonio Riestra Vallaure (pai do marqués), despois de morrer en Madrid, pola súa actividade emprendedora e pola realización da maior parte do primeiro ensanche da cidade.[7][11]

Neses novos espazos do primeiro ensanche pontevedrés construíronse edificios que coas súas formas e funcións reforzaron o proxecto burgués restauracionista, expoñentes da nova Pontevedra. En 1896 o editor, xornalista e político Andrés Landín Varela edificou un edificio no número 7 da rúa en cuxo baixo estableceu unha imprenta e libraría así como a súa vivenda no primeiro andar.[12] En 1905 terminou a construción no lado esquerdo da rúa (con fachada traseira cara ao parque das Palmeiras) do palacete Villa Pilar, mandado edificar polo indiano procedente de Cuba Manuel Martínez Bautista.[13]

En 1927 ordenouse a derriba dos barracóns dun garaxe no lado dereito da rúa para poder proceder á apertura total da nova rúa Xeneral Gutiérrez Mellado, que conducía á rúa Riestra desde a rúa Michelena. As últimas casas que impedían a apertura da nova vía tíñanse xa expropiado e derrubáronse en maio de 1927, aínda que os barracóns do garaxe da rúa Riestra non se derrubaron ata 1930.[14][15][16]

En 1950 a rúa adoptou o nome do Marqués de Riestra, título concedido polo rei Afonso XIII a José Riestra López o 4 de febreiro de 1893 por Real Decreto. A Travesía de Riestra desde a rúa Michelena recibiu o nome de Rúa Marquesa, en alusión á muller do marqués de Riestra, María Calderón Ozores, filla do conde de San Juan.[17] En 1965 abríronse as galerías Vázquez Lescaille, desde a rúa Xeneral Gutiérrez Mellado á rúa Marqués de Riestra.[18]

En 2006 o primeiro tramo da rúa desde a praza de España ata a rúa Xeneral Gutiérrez Mellado foi reformado e peonalizado.[19]

Descrición

Parte sueste da rúa.

Marqués de Riestra é unha rúa do primeiro ensanche da cidade dunha lonxitude de 260 metros que segue un eixo norte-sueste e que se divide en dous tramos: un peonil empedrado desde a praza de España ata a rúa Xeneral Gutiérrez Mellado e outro con orientación sueste desde a rúa Gutiérrez Mellado ata a praza de San Xosé, que dispón de dúas beirarrúas e un carril central de circulación rodada.[20]

É unha rúa predominantemente chaira dunha anchura media de 11 metros. Nela conflúen de norte a sur as rúas peonís Marquesa, Gutiérrez Mellado no seu lado dereito e no esquerdo as pequenas rúas Frei Tomás de Sarria e Enrique Labarta a ambos os dous lados do xardín de Villa Pilar.[21][22]

Trátase dunha rúa eminentemente comercial e de servizos na que se sitúan numerosos comercios, cafeterías e sucursais bancarias. No seu inicio, na confluencia coa Gran Vía de Montero Ríos atópase a ábsida das ruínas góticas do antigo convento e igrexa de Santo Domingo á beira dun cruceiro de pedra que estaba situado no atrio da igrexa medieval de San Bartolomé o Vello antes de ser demolida.[23][24] Na metade do trazado da rúa áchase a mansión ecléctica de 1905 Villa Pilar.[21]

Edificios destacados

Cruceiro e ábsidas góticas das ruínas de Santo Domingo.
Villa Pilar no número 11 da rúa.

Ao comezo da rúa Marqués de Riestra, as Ruínas do Convento de San Domingos son os vestixios dun convento e igrexa góticos do século XIV. Hoxe, xunto con outros cinco edificios, forman o Museo Provincial de Pontevedra e foron declaradas Ben de Interese Cultural en 1895.[25][26] Só se conserva a cabeceira, con cinco capelas absidais correspondentes ao brazo transversal do transepto, que constitúen o exemplo máis puro de arquitectura gótica en Galicia.[27][28][29]

No número 11 da rúa está situada a mansión Villa Pilar cuxa construción empezou en 1899 e terminou en 1905.[30] O edificio é de estilo ecléctico e modernista, con tres plantas de altura e un só corpo. Ten un semisoto, tres andares e un ático. Entre os seus elementos arquitectónicos destacan os almofadados e as balaustradas de estilo inglés en todos os balcóns, realizadas en formigón, un elemento moi innovador para a época.[31] O edificio intégrase harmoniosamente na súa contorna, xa que está rodeado por un pequeno xardín privado con palmeiras pechado por un enreixado de ferro forxado.[32] Ao interior do edificio accédese por escaleiras de mármore de Carrara na primeira planta e de madeira nas seguintes.[33] A distribución dos distintos andares reflicte o estilo de vida da burguesía de finais do século .

A fileira de casas de pedra entre as ruínas de Santo Domingo e Villa Pilar entre os números 13 e 21 son casas típicas do primeiro ensanche pontevedrés do século XIX, como as da rúa da Oliva. Dispoñen de planta baixa e dous pisos, con balcóns na primeira planta e galerías na segunda ou con balcóns nas dúas plantas.[34]

No número 3 da rúa Marqués de Riestra facendo esquina coa rúa Pastor Díaz e con entrada principal polo número 7 da rúa Arquitecto da Sota atópase un edificio de vivendas racionalista de 7 andares do arquitecto Alejandro de la Sota, do ano 1970, único en Galicia.[35][36][37] O edificio de formigón e cor exterior marrón incorpora nas súas fachadas o fundamento das galerías, posúe un portal reducido ás súas liñas esenciais e dispón dun ático axardinado.[38]

No número 30 da rúa da Oliva, na esquina coa rúa Marqués de Riestra, existe un edificio racionalista de 1930 do arquitecto Emilio Salgado Urtiaga.[39]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

🔥 Top keywords: