Sistema somatosensorial

O sistema somatosensorial comprende un complexo organismo consistente en centros de recepción e proceso, cuxa función é producir modalidades de estímulo tales como o tacto, a temperatura, a propiocepción (posición do corpo) e a nocicepción (dor). Os receptores sensoriais actúan na pel, o epitelio, o músculo esquelético, os ósos e articulacións, órganos internos e o sistema cardiovascular. Mentres que o tacto é considerado un do cinco sentidos tradicionais, a impresión do tacto está formada por varias modalidades. En medicina, o termo coloquial "tacto" é usualmente substituído por "sentidos somáticos", co obxectivo de reflectir dun xeito apropiada a variedade de mecanismos involucrados.

Homúnculo sensorial na cortiza somatosensorial primaria.

O sistema reacciona ós estímulos empregando diferentes receptores: termorreceptores, mecanorreceptores e quimiorreceptores. A transmisión de información dende os receptores pasa por vía dos nervios sensoriais a través de tractos na medula espiñal e no cerebro.

O proceso ten lugar principalmente na área somatosensorial primaria que se atopa no lobo parietal da cortiza cerebral.

En resumo, o sistema actívase cando unha neurona sensorial é impulsada por algún estímulo específico, como a calor; esta neurona pasa a unha área do cerebro especialmente atribuída á área do corpo que recibiu o estímulo.

Anatomía

O sistema somatosensorial esténdese a través de todas as rexións importantes do corpo do mamífero (e outros vertebrados). Componse de receptores sensoriais e neuronas sensoriais (aferentes) na periferia (pel, músculo e órganos), até neuronas máis profundas dentro do sistema nervioso central.

Vía somatosensorial

Un percorrido somatosensorial polo xeral consta de tres neuronas sensitivas: primaria, secundaria e terciaria.

  • A neurona sensorial primaria ten a súa soma no ganglio espiñal do nervio espiñal (se o estímulo está na testa ou no pescozo, trátase do ganglio de Gasser ou ganglios nerviosos situados noutros nervios craniais).
  • A neurona sensorial secundaria ten a súa soma na medula espiñal e no tronco do encéfalo. O axón ascendente atravesa en forma de decusación cara ó lado oposto na medula espiñal ou o tronco do encéfalo. Os axóns de moitas destas neuronas rematan no tálamo (p.ex. o núcleo ventral posterior), outros rematan no sistema de activación reticular ou no cerebelo.
  • No caso do tacto e certos tipos de dor, a neurona sensorial terciaria ten a súa soma no núcleo ventral posterior do tálamo e finaliza no xiro postcentral situado no lobo parietal.

Periferia

Na periferia, o sistema somatosensorial detecta varios estímulos por medio dos receptores sensoriais, por exemplo, os mecanoreceptores que detectan a sensación de tacto e os nociceptores que detectan a dor. A información sensorial (tacto, dor, temperatura, etc.) é entón transmitida ó sistema nervioso central por medio das neuronas aferentes. Existen diferentes tipos destas, as cales varían en tamaño, estrutura e propiedades. Xeralmente existe unha correlación entre o tipo de modalidade sensorial detectada e o tipo de neurona aferente involucrada. Por exemplo, neuronas lentas, delgadas, non mielinizadas conducen a dor, en tanto que neuronas veloces, grosas e mielinizadas conducen o tacto superficial.

Medula espiñal

Na medula espiñal, o sistema somatosensorial inclúe condutos ascendentes dende o corpo cara ó cerebro. O xiro postcentral na cortiza cerebral constitúe un destino primordial como receptor sensorial . Cara a el proxéctanse as neuronas da vía dorsal-lemniscal medial e a vía espinotalámica. Advírtase que numerosas vías somatosensoriales inclúen sinapse tanto no tálamo como na formación reticular antes de chegar á cortiza. Outras vías ascendentes, particularmente aquelas involucradas no control da postura son proxectadas cara ó cerebelo. Estas inclúen os tractos espinocerebelosos ventral e dorsal. Outro destino importante de neuronas somatosensoriales aferentes que entran na medula espiñal son aquelas neuronas involucradas nos reflexos segmentais.

Cerebro

Lobos do cerebro

A área somatosensorial primaria na cortiza humana localízase no xiro postcentral do lobo parietal. Aquela constitúe a área de recepción sensorial principal do tacto. Do mesmo xeito que outras áreas sensoriais, existe un mapa que reflicte o espazo sensorial da zona, mediante un homúnculo. Para a cortiza somatosensorial primaria, podemos falar do homúnculo sensorial. Áreas desta parte do cerebro humano representan certas rexións do corpo, dependendo do nivel de importancia de entrada somatosensorial. Por exemplo, existe unha gran rexión da cortiza dedicada á sensación nas mans, mentres que ás costas corresponde unha área considerablemente menor (ver imaxe). Como dato interesante, un estudo revelou que a cortiza somatosensorial resultou ser un 21% máis grosa en 24 individuos que padecían hemicrania, contra un 12% en individuos de control, aínda que se descoñece o significado de tal diferenza. Así mesmo, a información somatosensorial involucrada na propiocepción e a postura proxéctase cara a unha parte enteiramente diferente do cerebro, o cerebelo.

Fisioloxía

O proceso de «somatosensación» iníciase coa activación dun «receptor» físico. Estes receptores somatosensoriais xacen na pel, órganos e músculos. A estrutura destes receptores é moi semellante en todos os casos, consistindo en terminacións nerviosas libres ou almacenadas en cápsulas especiais. Poden ser activadas por movemento (mecanoreceptor), presión (mecanoreceptor), estímulos químicos (quimioreceptor), e/ou temperatura. A activación tamén xorde por medio de vibracións xeradas por rozamentos, por exemplo un dedo percorrendo unha superficie. Desta forma podemos sentir aquelas texturas delicadas nas cales a escala espacial é menor a 200 µm. Tales vibracións son da orde de 250 Hz, o cal constitúe a sensibilidade de frecuencia óptima nos corpúsculos de Pacini. En cada caso, o principio xeral de activación é semellante; o estímulo causa despolarización no extremo do nervio e logo unha acción potencial é iniciada. En tanto esta (usualmente) viaxa dende dentro cara á medula.

Tecnoloxía

A nova área de investigación denominada tecnoloxía háptica pode proporcionar sensación de tacto en contornas reais e virtuais. Esta nova disciplina comezou a achegar ideas cruciais na capacidade do tacto.

🔥 Top keywords: