Alberto Sánchez Vivas
Alberto Sánchez Vivas, nado en Plasencia o 26 de marzo de 2001, é un futbolista español que xoga como porteiro no Deportivo da Coruña, da Primeira División RFEF.
Alberto Sánchez | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Alberto Sánchez Vivas | ||
Nacemento | 26 de marzo de 2001 | ||
Lugar de nacemento | Plasencia | ||
Posición | Porteiro | ||
Información de club | |||
Club actual | Deportivo da Coruña | ||
Número | 24 | ||
Carreira xuvenil | |||
2016–2017 | Plasencia | ||
2017–2020 | Deportivo da Coruña | ||
2017–2018 | → Laracha | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2016–2017 | Plasencia | 4 | (0) |
2018–2019 | Laracha | 4 | (0) |
2018–2023 | Fabril | 39 | (0) |
2022–2023 | → Unionistas | 5 | (0) |
2023– | Deportivo da Coruña | 0 | (0) |
Selección nacional | |||
2017 | España sub-16 | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 15 de setembro de 2023. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Traxectoria
Fillo dun soldador e neto dun directivo do Plasencia, formouse como futbolista na canteira do propio club estremeño.[1] Con só 15 anos debutou co primeiro equipo na Terceira División, nun partido ante o Extremadura en Almendralexo, e disputou 4 partidos durante a campaña 2016/17.[2] As súas calidades, que o levaron á selección española sub-16,[3] así como a súa precocidade, espertaron o interese de varios equipos europeos. Con todo, despois de se adestrar co Atlético de Madrid e co Salzburgo,[4] elixiu a canteira do Deportivo da Coruña, na que ingresou no verán de 2017.
Durante a súa primeira tempada alternou o equipo xuvenil do Deportivo co xuvenil do Laracha.[5] Na tempada 2018/19 xogou en Terceira co primeiro equipo do Laracha, segundo filial do Deportivo durante aquela campaña, e debutou co Fabril na Segunda División B. Tras rematar a súa etapa xuvenil en 2020, continuou no Fabril, co que disputou un total de 39 partidos nos seguintes anos. Durante a tempada 2021/22 alternou titularidades con Brais Suárez, ao tempo que exercía como terceiro gardameta do primeiro equipo, por detrás de Ian Mackay e Pablo Brea.[2]
En xullo de 2022 anunciouse a súa renovación por tres anos co club coruñés, así como a súa cesión por unha campaña ao Unionistas de Salamanca, onde foi suplente durante a maior parte do ano. O seu debut co equipo produciuse na 18ª xornada da Primeira División RFEF, precisamente ante o equipo propietario dos seus dereitos, o Deportivo da Coruña. A expulsión nese encontro do porteiro titular, Salva, permitiulle defender a portería de Unionistas durante a media hora final, na que encaixou dous goles, obra de Quiles e Lucas.[6] A continuación disputou os seguintes catro partidos do equipo salmantino, rematando a tempada con cinco encontros totais.
Para a tempada 2023/24 pasou a formar parte do primeiro equipo do Deportivo da Coruña, como terceiro porteiro xunto a Mackay e Germán Parreño.[7]
Selección española sub-16
Despois de debutar co primeiro equipo do Plasencia na Terceira División con 15 anos, foi convocado por Santi Denia para a selección española sub-16,[3] sendo o único integrante do equipo que non formaba parte dunha canteira de Primeira División.[4] Debutou coa selección nun partido ante Finlandia en Inglaterra, gañando o Trofeo de Desenvolvemento da UEFA.[8]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Datos do xogador en LaPreferente (en castelán).