Corrección de probas (bioloxía)

O termo corrección de probas ou revisión de probas (do inglés proofreading) utilízase en bioloxía molecular para referirse aos procesos de corrección de erros, propostos orixinalmente por John Hopfield e Jacques Ninio, que se producen na replicación do ADN, especificidade do sistema inmunitario, recoñecemento encima-substrato e outros procesos, que requiren unha gran especificidade pero nos que se poden cometer inicialmente erros. Os mecanismos de corrección de probas de Hopfield e Ninio son procesos activos de non equilibrio que consomen ATP para mellorar a especificidade de varias reaccións bioquímicas.

Nas bacterias, as súas tres ADN polimerases (a I, II e III) teñen capacidade de corrección de probas, para o cal utilizan unha actividade exonuclease 3’ → 5’. Cando a ADN polimerase recoñece que se colocou un par de bases incorrecto (non complementario co seu molde), a ADN polimerase inverte a súa dirección recuando un par de bases no ADN e escinde a base mal apareada. Despois da escisión da base, a polimerase pode reinserir a base correcta e a replicación continúa.

En eucariotas só ten capacidade e corrección de probas (actividade exonuclease 3’ → 5’) a polimerase que realiza a elongación (delta e epsilon).[1]

A corrección de probas ocorre tamén na tradución do ARNm para a síntese de proteínas. Neste caso, un mecanismo é a liberación de calquera aminoacil-ARNt incorrecto antes da formación do enlace peptídico.[2]

A extensión da corrección de probas na replicación do ADN determina a taxa de mutación, e é diferente en distintas especies.[3]Por exemplo, a perda da corrección de probas debido a mutacións no xene da ADN polimerase epsilon ten como resultado un xenotipo hipermutado con >100 mutacións por Mbase de ADN nos cancros colorrectais humanos.[4]

A extensión da corrección de probas noutros procesos moleculares pode depender do tamaño efectivo de poboación das especies e do número de xenes afectados polo mesmo mecanismo de corrección de probas.[5]

Notas

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: