Europa (mitoloxía)

na mitoloxía grega, muller á que Zeus raptou

Europa (Gl-Europa.ogg pronunciación ) é un personaxe da mitoloxía grega, princesa de Tiro, a actual Fenicia. Era filla do rei Axenor [1] e de Telefasa [2].

O rapto de Europa, por Rembrandt
Figura beocia de terracota, museo do Louvre
Europa, por Gustav Heinrich Wolff, 1923

O mito do rapto

O rapto de Europa por Zeus está narrado por Ovidio nas súas Metamorfoses, no século I a.C. [3], pero é moi anterior pois xa foi recollido por Eumelo de Corinto no século VIII a.C. e por Hesíodo nun texto hoxe perdido [4].

Segundo Ovidio, Zeus viu a Europa collendo flores coas súas doncelas á beira do mar (ou xogando con elas), en Sidón, e transformándose nun touro inmaculadamente branco para a seducir, foi deitarse ós pés da princesa, que fora atraída ata a praia por Hermes. Ela asustouse nun primeiro momento pero, vendo a súa mansedume, comeza acariñándoo, poñéndolle flores nos cornos e remata, sen sospeitar nada, por sentar sobre o seu lombo. De socate, o touro érguese e marcha cara ao mar, sen que as amigas poidan facer nada ante os seus gritos, e levouna cruzando as ondas ata Creta. Preto de Cortina, e xa recuperada a forma humana [5], Zeus uniuse carnalmente a Europa, xunto a unha fonte e baixo duns plataneiros que, en memoria destes amoríos, obtiveron o privilexio de non perder xamais as súas follas.

"O ilustre pai e soberano dos deuses... toma a aparencia dun touro e... brada e deambula pola tenra herba, fermoso... a súa cor é a da neve que nunca pisaran as plantas dun duro pé... Marabíllase a filla de Axenor de que sexa tan fermoso, de que non ameace con trucar... achégase e ponlle flores ante o seu branco fociño... Atreveuse a princesa, sen saber a quen montaba, a sentar sobre o lombo do touro, e entón o deus, apartándose pouco a pouco da terra... adéntrase no mar e polas augas do mar aberto lévase á súa presa".
(Ovidio: Metamorfosis II, 847-872)

Pseudo-Apolodoro recolle de Acusilao que este foi o touro que máis tarde se coñecerá como o Touro de Creta, e que tivo que capturar Heracles no seu sétimo traballo [6].

Da unión de Zeus e Europa naceron tres fillos: Minos, Radamantis e Sarpedón. Tamén se di que houbo outros fillos, Carno (amado por Apolo) e Dodón.

Radamantis, rei de Creta moi respectado pola súa prudencia, foi destronado por Minos, que para probar o seu dereito ao trono, pediu a Poseidón que fixera saír do mar un touro magnífico polo que Pasífae, a súa esposa, concibiu unha paixón culpable, da que naceu Minotauro. Sarpedón disputoulle a Minos o trono de Creta e un meniño chamado Mileto ó que desexaban os dous, e Minos expulsouno de Creta, polo que tivo que fuxir, co efebo Mileto, para fundar a rexión de Mileto, en Licia. Á súa morte, Radamantis e Minos foron chamados ao Hades para seren xuíces do tribunal dos mortos.[7]

Axenor enviou en busca da princesa raptada aos seus fillos Cadmo, Fénix, Cílix, Taso e Fineo coa prohibición de volveren mentres non rescataran á súa irmá. Non sabían cara onde puido ir e por iso ningún deles foi quen de atopala, polo que xa non regresaron a Tiro, onda o pai. Fénix percorreu Libia, onda hoxe é Cartago, e logo volveu a Fenicia, que se chamou así no seu honor [8]; Cadmo foi onda o Oráculo de Delfos para preguntarlle onde podía estar Europa, pero a Pitia dixo que abandonaran a busca; por iso, seguindo a unha vaca, fundou a cidade de Tebas en Beocia [9]; Cílix deu nome a Cilicia; Taso poboou a illa de Taso; e Fineo estableceuse na costa do mar Negro.

Zeus entregou a Europa tres regalos: un autómata de bronce chamado Talos (ou Talo), que evitaba calquera intento de desembarco inimigo en Creta porque vixiaba a costa percorréndoa tres veces ó día, un can ó que nunca se escapaba unha presa, chamado Lélape, e unha xavelina que nunca erraba o branco. O can e a xavelina terminaron en mans de Minos [10], e este deunos a Procris, unha das súas amantes, a cambio de que o librara do feitizo que lle lanzara a súa esposa Pasífae, celosa ante as constantes amantes que tiña o rei.

"Procris... refuxiouse xunto a Minos, que se namorou dela e intentou seducila. Pero se unha muller facía o amor con Minos era imposible que conservara a vida, pois Pasífae ... feitizárao e cada vez que se acostaba con algunha, lanzaba contra o seu membro feras salvaxes e deste xeito aquelas perecían. Minos posuía un can veloz e unha xavelina certeira e a cambio delas Procris deitouse con el, dándolle a beber a raíz de Circe para que nada lle fixera dano".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 15, 1)

Tamén casou a Europa con Asterión, rei de Creta. Este non tiña fillos e aceptou como seus os tres fillos de Europa, e así Minos terminaría herdando o reino á súa morte.[11]

Cando, finalmente, morreu Europa, foi obxecto de honores divinos, como deusa vinculada á lúa (en alusión ós cornos do touro). E o touro branco no que se transformara Zeus foi elevado ó ceo e convertido na constelación de Taurus.

O mito na literatura

Heródoto relata unha versión de Evémero, segundo a que o rapto de Europa foi un máis dunha longa serie de raptos de mulleres cometidos por viaxeiros audaces e non por deuses lascivos, que deron lugar a guerras entre europeos e asiáticos: Ío en Argos, Europa en Tiro, Medea na Cólquida, Helena en Troia. Considérase que o mito do touro sedutor puido ter un transfundo ritual na Creta minoica.[12]

Segundo outras interpretacións Cadmo puido ser un deus que simbolizaría a estrela da mañá e constituiría, xunto coa súa irmá Europa, a representación mitolóxica do planeta Venus. Contería unha forte influencia do deus sumerio Ningišzida, deus serpe da fecundidade, o abrente e a construción de cidades.[13] Outros autores ven nel a representación dun mito solar: Europa representa a lúa, que é elevada polo sol, representado polo touro, e reaparece no ceo ao caer a tarde e logo de cruzar o mar. Esta hierogamia entre sol e lúa faría a contraparte á unión sacra entre ceo e terra, principios masculino e feminino, respectivamente.[14]

Góngora empregou certas imaxes do mito coma a de "mentido robador de Europa", nas súas Soledades para representar o touro ou a súa constelación, e no soneto ao marqués de Velada.[15]

Rapto de Europa. Represéntase a Europa sobre o touro branco de Zeus, sobre unha paisaxe mariña con numerosos peixes. Á esquerda, Escila (un monstro mariño), e á dereita, Tritón. Sobre Europa voa Poto, personificación do amor, e nos ángulos, contemplando a escena, o propio Zeus, Creta, Hermes, Eros, Adonis e Afrodita (crátera de Asteas, procedente de Paestum, c. 360 a.C., Museo Paul Getty, Malibú)

Iconografía

Aínda que existen pezas de cerámica grega (dos séculos V e IV a.C.) que representan a Europa recibindo o corpo do seu filloi Sarpedón, morto na Guerra de Troia, a inmensa maioría das súas imaxes recollen, xa desde o VII a.C., o momento do seu rapto por Zeus: unha muller sentada sobre un touro que corre ou camiña (a carranchapernas ou de lado), collendo un corno cunha man e vestida con longo peplo, que pronto se transformará nunha túnica. Nos séculos V e IV a.C. a escena engade serventas, deuses, peixes ó redor de Europa [16], que por veces pode aparecer de pé, xunto ó touro. Europa vai perdendo roupa que primeiro leva na man, como unha vela ó vento, e logo desaparece totalmente, quedando ela núa (nalgunhas obras xa o está antes de subir ó lombo do touro).

O Rapto de Europa seguirá repesentándose nalgún marfil bizantino do século X e en pinturas da Baixa Idade Media. Durante o Renacemento apréciase a influencia dos Ovidios moralizados, que interpretan o mito como unha viaxe da alma cara ao ceo [17], e apóiase tamén no signo zodiacal de Tauro. Artistas como Filarete (portas da Basílica de San Pedro, 1433), Giulio Romano (1527), Tiziano (1560), Paolo Veronés (1580) representarán o momento con escasas variacións.

Tamén na Idade Moderna e Contemporánea o mito será obxecto da obra de numerosos artistas, que introducen variantes iconográficas, como Gustave Moreau, que coloca a cabeza de Zeus nunha das súas Europas (1869), ou Rodin, que suxire unha equivalencia entre Zeus convertido en touro e Minotauro (1886). Tamén destacan as versións abstractas de Pollock ou Reuben Nakian.

Galería de Arte

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: