Historia do Recife

(Redirección desde «Historia urbana do Recife»)

A historia do Recife desenvólvese entre o que era un lugar secundario como porto ao servizo da capital da colonia portuguesa na rexión, Olinda, e a metrópole actual capital do estado brasileiro de Pernambuco.

O porto no arrecife

Vista do "porto no arrecife".

En 1535 o donatário[1] de Pernambuco pola coroa portuguesa, Duarte Coelho Pereira, fundou a poboación de Olinda nun outeiro a carón da costa do Atlántico. Dous anos despois, na carta de concesión de foros de vila para Olinda menciónase o lugar do "arrecife dos navíos" (seis quilómetros ao sur, na foz do río Capibaribe) poboado por pescadores e mareantes [2].

En efecto, Recife foi durante case dous séculos o resgardado porto de Olinda, a capital da colonia onde residía a aristocracia portuguesa, dignatarios e terratenentes da cana de azucre. En realidade, o poboado situábase nun estreito e longo istmo costeiro (barra) defendido das ondas do océano por un arrecife paralelo á costa [3][4].

Cidade Mauricia

Planta de Mauritsstad e o Recife.

A desprotección do porto do arrecife fronte aos ataques piratas e a ameaza de invasión pola Compañía Holandesa das Indias Occidentais levaron a erixir empalizadas e fortificacións. Pero en 1630 os holandeses ocuparon a colonia. Deseguida (1637) foi deseñado fronte ao arrecife (onde o poboado tamén recibiu un primeiro ordenamento) o plan para o trazado dunha nova cidade como capital da Nova Holanda que se nomeou Mauritsstad ("Cidade Mauricia", por Xoán Mauricio de Nassau, gobernador dos Países Baixos).

O proxecto de Pieter Post impulsado por Mauricio de Nassau incluía un trazado regular con prazas, canais, diques, pontes [5], parques e xardíns (botánico e zoolóxico). O edificio máis notable era o pazo de goberno (Pazo de Friburgo, hoxe desaparecido [6]), na punta nordeste da illa de Santo Antonio, onde Mauritsstad se asentaba. Era unha cidade moderna (con museo natural, observatorio, servizo de bombeiros e recollida de lixo) aberta á tolerancia relixiosa, o que atraíu moitos europeos, entre eles comerciantes xudeus da Península Ibérica (primeira sinagoga do Novo Mundo).

Segregación de Olinda

Logo de expulsados os holandeses (1654) houbo unha gradual reocupación do trazado da Cidade Mauricia ao xeito colonial portugués, perdéndose en parte a regularidade e o rigor xeométrico. Por outra banda, a rivalidade latente entre a empobrecida nobreza azucreira de Olinda e a nova e próspera burguesía inmigrada (comerciantes portugueses ou "mascates") da cidade deixada atrás polos holandeses, estalou nun conflito cando a segregación de Recife como concello independente elevado a categoría de vila (Santo António das Cacimbas do Recife do Porto, en 1709). Sufocada a Guerra dos Mascates polas tropas portuguesas, veu ser o xerme do futuro independentismo brasileiro.

O desenvolvemento da nova vila foi rápido, á calor da riqueza xerada polo comercio do porto. Dos 16.000 habitantes que contaba en 1711 pasou a 25.000 en 1745. Ao longo do século XVIII construíronse moitas igrexas e conventos[7], ampliándose de continuo mediante recheos a superficie habitable tanto no arrecife como na illa de Santo Antonio [8][9]. Na ourela norte do Capibaribe, onde Mauricio de Nassau construíra a súa vila de lecer comunicada con Mauritsstad por outra ponte, desenvolveuse o arrabalde de Boa Vista, futuro terceiro núcleo conformador do centro da cidade [10].

Século XIX

Panorama de Recife en 1855: en primeiro termo a Illa de Santo Antonio e á dereita o vello Recife co porto.

O século XIX foi o das revolucións que levaron á independencia do Brasil e Recife converteuse na capitalidade de Pernambuco (1827). No eido urbano supuxo a modernización da cidade de acordo cos tempos e cos status novos, especialmente durante a administración de Francisco do Rego Barros (1837-1844) e segundo o modelo de París, onde aquel residira (auga, saneamento, luz pública, hospitais, ferrocarril entre 1858 e 1870, etc.). As liñas xerais da vila mantivéronse cos tres núcleos principais unidos por novas pontes a través dos brazos de auga [11]. No lugar do arruinado Pazo de Friburgo na punta da illa de Santo Antonio erixiuse o novo Pazo de Goberno e diante a futura Praza da República, co teatro de Santa Isabel [12][13].

Século XX

O forte crecemento comezou co século XX (duplicouse a poboación entre 1900 e 1920 ao pasar de 113 000 a 239 000 habitantes). Continuou o labor de modernización, o que implicou ás veces a destrución do pasado colonial no vello Recife [14]. A cidade creceu na beiramar coa urbanización da liña de praia de Boa Viagem no sur [15].

Na segunda metade do século a expansión acentuouse, configurando a metrópole actual.[16]

Notas

🔥 Top keywords: