Klymentii Sheptytskyi
O beato Klymentii Sheptytskyi[1] (en ucraíno: Климентій Шептицький; en ruso: Климентий Шептицкий), nado o 17 de novembro de 1869 en Prylbychi (Reino de Galicia e Lodomeria) e finado o 1 de maio de 1951 na prisión de Vladimir (RSFS de Rusia) foi un eclesiástico grecocatólico ucraíno, exarca apostólico de Rusia dende 1939 até o seu pasamento, e hieromártir beatificado por Xoán Paulo II.
Traxectoria
Primeiros anos
Kazymyr Mariia Sheptytskyi naceu o 17 de novembro de 1869 en Prylbychi,[2] unha vila do distrito de Yavoriv, entón parte do Reino de Galicia e Lodomeria, no Imperio Austríaco. A súa familia era da nobreza católica polaca, aínda que tamén con ascendencia ortodoxa ucraína.[2] Era o sexto fillo de Jan Kanty e Zofia Szeptycka de Fredro, e irmán máis novo de Andrei Sheptytskyi. Foi bautizado na igrexa local, e recibiu a súa primeira educación no seu domicilio.
Cursou os estudos de secundaria en Cracovia até 1887. Posteriormente comezou a estudar Leis na Universidade de Cracovia, continuándoos a partir de 1888 nas universidades de París e Múnic até 1890. En 1892 doutorouse en dereito pola Universidade de Cracovia, e dedicouse nos primeiros anos de vida profesional á xestión do patrimonio familiar xunto ao seu pai, e ao coidado da súa nai enferma.
Vida relixiosa
Sentiu a chamada á vida relixiosa, e logo de consultalo co bispo Józef Bilczewski e coa súa aprobación, pasou ao rito bizantino. En 1912 comezou como novizo no mosteiro dos estuditas en Kamenica (preto de Prnjavor, Bosnia); en 1913 tomou o nome de Klymentii e continuou os seus estudos no Canisianium de Innsbruck. O 28 de agosto de 1915 foi ordenado sacerdote polo bispo de Križevci Dionizije Njaradi. En 1918 foi nomeado reitor do mosteiro estudita de Sknyliv, que logo da súa destrución foi trasladado á laura de Univ, onde continuou os traballos do seu irmán para restaurar o monasticismo tradicional ucraíno. En 1926 foi nomeado hegúmeno do mosteiro e responsable de todas as casas estuditas. En 1937 obtivo do papa Pío XI a aprobación definitiva dos estuditas, e a partir dese ano colaborou co seu irmán no goberno da Igrexa ucraína. En 1939 os soviéticos anexáronse Galicia, e asasinaron o seu irmán Leon e á súa dona na vivenda familiar en Prylbychi.
Segunda guerra mundial
Durante a segunda guerra mundial deu refuxio a moitos xudeus, polo que en 1995 recibiu o título de Xusto entre as Nacións polo Yad Vashem.[3]
Arresto e martirio
O 5 de xuño de 1947 foi arrestado polo NKVD. Finou mártir na prisión de Vladimir o 1 de maio de 1951.
Culto
O papa Xoán Paulo II beatificouno o 27 de xuño de 2001 na súa visita pastoral a Ucraína, xunto a Mykolai Charnetskyi e compañeiros mártires.[4]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
- Blessed Klymentii Sheptytskyi en CatholicSaints.info (en inglés)
- Perfil en Catholic-Hierarchy.org (en inglés)
Dignidades da Igrexa católica | ||
---|---|---|
Predecesor: Leonid Fedorov | Exarca apostólico de Rusia 1939 - 1951 | Sucesor: (Sé vacante) Joseph Werth como ordinario dos greco-católicos |