Lates calcarifer

Lates calcarifer

Un exemplar no Zoo Nacional e Acuario, Canberra, Australia
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino:Animalia
Filo:Chordata
Clase:Actinopterygii
Orde:Perciformes
Familia:Latidae
Xénero:Lates
Especie:Lates calcarifer
(Bloch, 1790)
Sinonimia[2]
  • Holocentrus calcarifer Bloch, 1790
  • Coius vacti F. Hamilton, 1822
  • Pseudolates cavifrons Alleyne & W. J. Macleay, 1877
  • Lates darwiniensis W. J. Macleay, 1878

Lates calcarifer é unha especie de peixe perciforme catádromo da familia dos látidos. É unha especie amplamente distribuída no Índico e Pacífico occidental, desde as augas de Oriente Medio, sur de Asia, sueste asiático, leste de Asia e Oceanía e en ríos.

Nome

Arte rupestre indíxena australiana representando un "barramundi".

Na literatura internacional chámaselle co equivalente a perca xigante, perca mariña asiática[3] ou, en Australia, barramundi. Barramundi é unha palabra aborixe australiana das linguas da área de Rockhampton en Queensland[4] que significa "peixe de río de escamas grandes".[5] En realidade, orixinalmente, o nome referíase aos peixes Scleropages leichardti e Scleropages jardinii cos que non se debe confundir.[6] O nome barramundi foi utilizado para este peixe por razóns de mercado durante a década de 1980, para comercializar a súa carne.[6] [7]

Non se debe confundir tampouco coa barramunda, un peixe australiano pulmonado completamente distinto, considerado fósil vivente.

Descrición

Esta especie ten un corpo alongado cunha boca longa e algo oblicua e unha mandíbula superior estendida ata detrás do ollo. A beira inferior do preopérculo está serrada e ten unha forte espiña no ángulo; o opérculo ten unha pequena espiña e unha solapa serrada sobre o punto de orixe da liña lateral. As súas escamas son ctenoides. En sección transversal, o peixe está comprimido e o perfil da cabeza dorsal é claramente cóncavo. As aletas dorsal e ventral teñen espiñas e raios brandos; as aletas pares pectorais e pélvicas teñen só raios brandos; e a aleta caudal ten raios brandos e é truncada e redondeada.Os barramundis son peixes de pesca deportiva de auga salgada e doce moi aprezados. Teñen escamas grandes prateadas, que poden volverse escuras ou máis claras dependendo do seu ambiente. Os seus corpos poden chegar ata os 1,8 m de longo, aínda que as probas de exemplares capturados con este tamaño son escasas. O peso máximo é duns 60 kg. A lonxitude media é duns 0,6-1,2 m.[8] Teñen un xenoma duns 700 Mb, que foi secuenciado e publicado en Animal Genetics (2015) pola Universidade James Cook.[9]

É un peixe demersal que habita en augas costeiras, estuarios, albufeiras e ríos; poden atoparse en augas claras e avoltas, xeralmente nun intervalo de temperaturas entre 26 e 30 °C. Esta especie non emprende grandes migracións en ríos ou entre sistemas de ríos, o que probablemente influíu no establecemento de pobaocións xeneticamente distintas no norte de Australia.[Cómpre referencia]

Ciclo vital

Morfo a manchas brancas e negras

Aliméntase de crustáceos, moluscos e peixes máis pequenos (incluíndo a súa propia especie); os peixes novos aliméntanse de zooplancto. É un peixe eurihalino, pero estenotermo. Habita nos ríos e descende aos estuarios e chairas de marea para desovar. En áreas lonxe doas augas doces, poden establecerse poboacións puramente mariñas.[Cómpre referencia]

Ao comezo do monzón os machos migran río abaixo para encontrarse con femias, as cales poñen grandes cantidades de ovos (varios millóns cada unha). Os adultos non gardan os ovos nin as crías, que necesitan augas salobres para desenvolverse. A especie é secuencialmente hermafrodita, e a maioría dos individuos maduran como machos e convértense en femias despois da primeira estación de desove; a maioría dos espécimes máis grandes son, por tanto, femias. Os peixes mantidos en catividade ás veces mostran características atípicas para o peixe na natureza; cambian de sexo cun tamaño menor, mostran unha maior proporción de protoxinia e algúns machos non experimentan inversión sexual.[10]

Pesca deportiva

É aprezado polos pescadores con cana e os entusiastas da pesca deportiva pola súa gran capacidade de loitar durante a pesca;[11] teñen sona de ser habilidosos para evitar as redes fixadas e é máis fácil capturalos con liñas e isco artificial.

Crece a súa popularidade entre os pescadores de cana como peixe para "capturar e soltar". Encoros e lagos con abundancia desta especie en Australia son o lago Tinaroo preto de Cairns,[12] o lago Proserpine ao oeste de Proserpine, Queensland, o encoro de Teemburra preto de Mackay, o lago Moondarra preto de Mount Isa, o lago Awoonga preto de Gladstone e o lago Monduran ao sur do lago Awoonga.[13]

Peixe comercializado e acuicultura

Prato de "barramundi" con patacas fritidas.

Este peixe ten importancia comercial; péscase internacionalmente e críase en acuicultura en Australia,[11] Singapur, Arabia Saudita, Malaisia, a India, Indonesia, Vietnam, Israel, Tailandia, os Estados Unidos, Polonia e o Reino Unido.[Cómpre referencia]A industria do barramundi en Australia está relativamente establecida cunha produción anual de máis de 4.000 toneladas. Na rexión do sueste asiático a produción estímase que supera as 30.000 toneladas. En contraste, a industria estadounidense produce unhas 800 toneladas ao ano nunha soa instalación, a da Australis Aquaculture, LLC. En 2011, VeroBlue Farms en Iowa empezou a produción e pretende producir 500 toneladas anualmente.[14]O barramundi en acuicultura crece normalmente nun viveiro xuvenil, entre 50 e 100 mm de lonxitude, ata un tamaño comercializable de 400-600 g en 12 meses e ata os 3,0 kg en 18–24 meses.[10]

Enfermidades

Aínda que son peixes resistentes, son vulnerables a infeccións bacterianas como a fotobacteriose.[15]

Peixe de acuario

Os exemplares novos son un popular peixe de acuario,[11] e poden ser moi entretidos, especialmente no momento de alimentalo. Porén, medran rapidamente, así que se recomenda que se manteña en tanques de 500 L ou maiores.Nos acuarios fanse bastante mansos e confiados e poden ser alimentados a man; non son agresivos, mais o seu reflexo de alimentarse é violento e súpeto, así que non se poden poñer no mesmo tanque exemplares suficientemente pequenos como para que sexan tragados polos grandes.[Cómpre referencia]

Como comida

O barramundi ten un sabor suave e unha crne branca que esconcha, con variada cantidade de graxa.

Os barramundis son unha das comidas favoritas do crocodilo superdepredador Crocodylus porosus, que ás veces llos collen a pescadores desprevidos.[16] Pratos deste peixe son utilizados na cociña ou restaurantes australianos, tailandeses,[17] indios[18] e estadounidenses[19].

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: