Medicina alternativa

práctica curativa non apoiada por probas obtidas mediante o método científico

Medicina alternativa é toda práctica que afirma ter os efectos curadores da medicina pero que non está apoiada por probas obtidas mediante o método científico, polo que a súa efectividade non foi probada máis aló do efecto placebo.[1] Consiste nun amplo rango de prácticas, produtos e «terapias». Nesta denominación inclúense prácticas pseudomédicas novas e tradicionais como homeopatía, naturopatía, quiropraxia, curación enerxética, ozonoterapia, radiestesia, varias formas de acupuntura, medicina tradicional chinesa, medicina ayurvédica, curación divina, xunto a outros tratamentos que non son parte da medicina científica.[2][3][4]

Unha tenda de produtos homeopáticos pode parecer como unha farmacia de menciñas científicas. A diferenza non está na súa aparencia, senón no seu fundamento e eficacia.
A comunidade científica é crítica coa medicina alternativa por realizar afirmacións desacreditadas ou non comprobadas. Na foto: Produto milagre.

A medicina complementaria é a medicina alternativa empregada xunto coa medicina baseada en feitos baixo a crenza, non probada por métodos científicos, que "complementa" o tratamento. MAC (ou CAM en inglés) é a abreviación para medicina alternativa e complementaria. A medicina integrativa é a combinación de prácticas e métodos da medicina alternativa coa medicina científica.[Cómpre referencia]

Aínda que a idea popular é que estas técnicas son máis inocuas que as da medicina convencional, poden presentar diversos riscos para a saúde, como a inxestión de substancias que poden orixinar interaccións e mesmo toxicidade, manipulacións sobre o corpo que poden causar lesións, non acudir a un médico titulado, ou o atraso en empezar o tratamento convencional adecuado ou o seu abandono.[5] Un exemplo son os movementos antivacinas, que en decembro de 2014 provocaron o inicio dun virulento gromo de xarampón en Disneylandia (Estados Unidos) e a morte dun neno enfermo de difteria en Cataluña (España), en xuño de 2015.[6][7][8][9]

Notas

🔥 Top keywords: