Oreo

Oreo (/ˈɔːrioʊ/ pronunciado en inglés) é unha marca de galletas tipo sándwich creada pola compañía estadounidense Nabisco, unha división de Mondelēz International Inc. e Kraft Foods, caracterizada por estar constituída por dúas galletas circulares unidas por un doce cremoso no centro. As oreos orixinais eran de galleta de chocolate negro forte e crema de vainilla, aínda que na actualidade existen multitude de variedades, mantendo o estilo básico de deseño e preparación.

Un par de galletas Oreo.
Formato externo de cookie.

De acordo con Kraft Foods Company, considérase como unha das galletas máis vendidas nos Estados Unidos e distintas partes do mundo.[1][2] En marzo de 2012, a revista Time informou que Oreos estaban dispoñibles en máis de 100 países diferentes, onde os Estados Unidos, a China, Venezuela, o Canadá e Indonesia completan os 5 primeiros países en termos de vendas.[3]

Etimoloxía

Descoñécese a orixe do nome de Oreo, pero existen moitas teorías, incluíndo as derivacións da palabra francesa 'Or', isto é, ouro, ou a palabra grega 'Oreo', que significa fermoso, agradable ou ben feito.[4] Outra teoría é que a galleta foi chamada Oreo porque era curto e doado de pronunciar.[5]

Historia

A "Oreo Biscuit" foi creada en Chelsea, Manhattan, Nova York no ano 1912 pola National Biscuit Company (hoxe coñecida como Nabisco), e introducida no mercado o mesmo ano.[6][7] Na actualidade, este mesmo bloque da Avenida onde se creou coñécese como "Oreo Way".[8] A primeira Oreo vendeuse o 6 de marzo de 1912 a un tendeiro en Hoboken, Nova Jersey.[3] O nome Oreo rexistrouse por primeira vez o 14 de marzo de 1912.[9]

Lanzouse como unha imitación da galleta da competencia, Hydrox, que fora introducida en 1908, e producida por Sunshine company, que despois de rexistrar perdas de mercado ante Oreo, foi retirada en 1996. O deseño orixinal da galleta contou cunha coroa de flores arredor do bordo da galleta e o nome "OREO" no centro.[10]

A Oreo Biscuit foi rebautizada en 1921 como "Oreo Sandwich". Introduciuse un novo deseño en 1924.[10] En 1948, o sándwich de Oreo foi rebautizado como "Oreo Creme Sandwich"; que foi cambiado en 1974 a "Oreo Chocolate Sandwich Cookie". O actual deseño de Oreo desenvolveuse en 1952 por William A. Turnier, para incluír o logotipo de Nabisco.[11]

No caso do recheo da galleta Oreo, este foi desenvolvido polo director científico de alimentos de Nabisco, Sam Porcello.[8] Porcello celebrou cinco patentes directamente relacionadas co seu traballo nas Oreo. Tamén creou unha liña de galletas Oreo cubertas de chocolate negro e chocolate branco.[12] Porcello retirouse de Nabisco en 1993.

A comezos de 1990, os problemas de saúde impulsaron a Nabisco para substituír a manteiga no recheo con aceite vexetal parcialmente hidroxenado.[13] A partir de xaneiro de 2006, as galletas Oreo substituíron a graxa trans na galleta con aceite vexetal non hidroxenado.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: