Sistema nervioso

O sistema nervioso é unha parte altamente complexa dos animais, constituída de tecidos e órganos, que coordina as súas accións, voluntarias e involuntarias, e a información sensorial, mediante a transmisión de sinais entre as diferentes partes do organismo. O sistema nervioso transmite os impulsos necesarios para os movementos dos músculos e a realización das diversas funcións; e recibe, tanto do propio organismo como do mundo externo, as sensacións e os estímulos; respondendo, xunto co sistema endócrino, a tales eventos.[1] O tecido nervioso aparece por primeira vez nos organismos semellantes a vermes que xurdiron arredor de 550 a 600 millóns de anos atrás. Na maioría das especies animais, está composto por dúas partes principais: o sistema nervioso central (SNC) e o sistema nervioso periférico (SNP).

Sistema nervioso humano. A partir da L2 a medula espiñal faise moi delgada, formando o filamento terminal.

O sistema central está formado polo encéfalo e a medula espiñal. Todas as partes do encéfalo e da medula espiñal están envoltas por tres membranas de tecido conxuntivo - as meninxes. O encéfalo, principal centro de control, está constituído por cerebro, cerebelo, tálamo, hipotálamo e bulbo raquídeo.

O sistema periférico constitúese principalmente de nervios, que son feixes de axóns que ligan o sistema nervioso central a todas as outras partes do corpo. O SNP inclúe: motoneuronas, que interveñen no movemento voluntario; o sistema nervioso autónomo, comprendendo o sistema nervioso simpático e o sistema nervioso parasimpático, que regulan as funcións involuntarias; e o sistema nervioso entérico, que controla o aparello dixestivo.

Sistema nervioso humano

Aínda que o sistema nervioso constitúe unha unidade morfolóxica e funcional, para simplificar o seu estudo adóitase dividilo en dous apartados:[2][3]

  1. sistema nervioso central, formada polo eixo cerebroespiñal, da cal parten os estímulos e á cal chegan as sensacións. Comprende o encéfalo e mais a medula espiñal. Atópase protexido por tres membradas, as meninxes e no seu interior existe un sistema de cavidades coñecidas como ventrículos, polas que circula o líquido cefalorraquídeo.[2]
  2. sistema nervioso periférico, ao que corresponden os doce pares de nervios que saen do encéfalo, os trinta e un pares que saen da medula espiñal e as ramificacións que se estenden ata a periferia. Os nervios transportan á periferia os estímulos e reciben dela as diversas sensacións que, nun percorrido inverso, son conducidas ao sistema nervioso central. Conteñen axons de vías neurais con distintas funcións e ganglios periféricos que se atopan no traxecto dos nervios e conteñen corpos neuronais, os únicos fóra do sistema nervioso central.[3]

Sistema nervioso nos animais

Diagrama que mostra en cor amarela a organización do sistema nervioso nos animais.
Figura que mediante anatomía comparada en corte transversal mostra o sistema nervioso e dixestivo dos cicloneuros, hiponeuros e epineuros. Tamén demostra por que a disposición dos receptores ópticos nos vertebrados (epineuros) miran cara a atrás propiciando un punto cego necesario. En cambio os ollos dos cefalópodos (hiponeuros) carecen de punto cego, xa que os nervios se sitúan por detrás da retina e non tapan esa porción.

Aínda que as esponxas carecen de sistema nervioso[4] descubriuse que estas xa contaban coas pezas xenéticas que máis tarde deron lugar ao mesmo;[5] moitos dos compoñentes xenéticos que dan lugar ás sinapses nerviosas están presentes nas esponxas, trala evidencia demostrada pola secuenciación do xenoma da Amphimedon queenslandica.[5][6]

Crese que a primeira neurona xurdiu durante o período ediacárico en animais diblásticos coma os cnidarios.[6]

Por outra banda, un estudo xenético realizado por Casey Dunn no ano 2008 considéranse nun nodo os triblásticos e noutro os cnidarios e os poríferos dentro dun gran grupo irmán dos ctenóforos[7] de forma que durante a evolución as esponxas mostraron unha serie de reversións cara á simplicidade, o que implicaría que o sistema nervioso se inventou unha soa vez (sería homólogo en todos os animais) se o antergo metazoo común foi máis complexo, ou ata en tres ocasións (ou sexa, sería homoplásico) se ese antepasado fose máis simple nunha especie de converxencia evolutiva entre ctenóforos, cnidarios e triblásticos. Outra opción é que numerosos xenes e vías do desenvolvemento orixinadas na base dos animais bilaterais se herdasen en cada liña principal dos animais, e empregadas de xeito independente nestes, na formación do sistema nervioso central (fenómeno denominado homoloxía profunda)[8]

Nos animais triblásticos ou bilaterales, un grupo monofilético, existen dous tipos de plans corporais chamados protóstomos e deuteróstomos que posúen á súa vez tres tipos de disposicións do sistema nervioso sendo estes os cicloneuros, os hiponeuros e os epineuros.[9][10] Unha diferenza esencial é que en protostomados e deuterostomados o sistema nervioso central se atopa en posicións invertidas. Durante moitos anos considerouse que estas e outras diferenzas indicaban plans corporais e SNC esencialmente distintos, pola posición relativa do SNC, do sistema dixestivo e do vaso circulatorio principal. Porén, diversos estudos moleculares efectuados dende a década de 1990, mostran que a rexión dorsal dos vertebrados estaría orixinada pola inversión do eixe corporal dorsal ventral atopado nos protostomados (que sería o orixinal). É dicir, os xenes que determinan a identidade da rexión dorsal dun vertebrado son os mesmos que os que determinan a identidade ventral nun protostomado. E isto leva a que se expresen os xenes de diferenciación do neuroectodermo, que finalmente dará orixe ao sistema nervioso central, dorsal en vertebrados, ventral en protostomados. Con todo, a discusión sobre a homoloxía do SNC é moi intensa, cambiando constantemente a dirección con novos datos logrados e interpretacións contrapostas.[11]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

🔥 Top keywords: