Tecnoloxía

A tecnoloxía[2] (do grego, (τεχνολογια) techne (τεχνη) "oficio" + logía (λογια) "que di"[3]) é o coñecemento técnico humano e as ferramentas creadas pola humanidade a partir de tal coñecemento, así mesmo é a suma de técnicas, habilidades, métodos e procesos utilizados na produción de bens ou servizos ou no logro de obxectivos, como a investigación científica. A tecnoloxía pode ser o coñecemento de técnicas, procesos e similares, ou pode integrarse en máquinas para permitir o seu funcionamento sen un coñecemento detallado do seu funcionamento. Os sistemas (por exemplo, máquinas) que aplican tecnoloxía tomando unha entrada, cambiándoa de acordo con o uso do sistema e logo producindo un resultado denomínanse sistemas tecnolóxicos.[4]

Unha turbina de vapor coa caixa aberta. Estas turbinas producen a maior parte da electricidade que se utiliza na actualidade. O consumo de electricidade e os niveis de vida están altamente correlacionados.[1]
Robot Spirity en Marte, incorpora algunhas das tecnoloxías máis avanzadas para a exploración científica

A tecnoloxía é o conxunto de coñecementos e procedementos teóricos e prácticos que, debidamente organizados e sistematizados, satisfacen as necesidades humanas. A tecnoloxía é a transformación da natureza polos seres humanos, para resolver problemas e satisfacer as necesidades sociais. Todo nese mundo artificial, dende o máis simple e cotián até o máis novo e revolucionario, é tecnoloxía.

Dependendo do contexto, a tecnoloxía pode referirse a:

  • As técnicas, coñecementos, métodos, materiais, ferramentas, e procesos usados para resolver problemas ou ao menos facilitar a solución dos mesmos;
  • Un método ou proceso de construción e traballo (como a tecnoloxía de manufactura, a tecnoloxía de infraestrutura ou a tecnoloxía espacial);
  • A aplicación de recursos para a resolución de problemas;
  • O termo tecnoloxía tamén pode usarse para describir o nivel de coñecemento científico, matemático e técnico dunha determinada cultura;
  • Na economía, a tecnoloxía é o estado actual do noso coñecemento de como combinar recursos para producir os produtos desexados (e o noso coñecemento do que pode ser producido).

A tecnoloxía é, dunha forma xeral, o encontro entre ciencia e enxeñaría. Sendo un termo que inclúe desde as ferramentas e procesos simples, tales como unha culler de madeira e a fermentación da uva respectivamente, ata as ferramentas e procesos máis complexos xa creados polo ser humano, tal como a Estación Espacial Internacional e a desalinización da auga do mar respectivamente.

Frecuentemente, a tecnoloxía entra en conflito con algunhas preocupacións naturais de nosa sociedade, como o desemprego, a contaminación e outras moitas cuestións ecolóxicas, filosóficas e sociolóxicas.

Etimoloxía

É unha palabra de orixe grega, τεχνολογία, formada por téchnē (τέχνη, arte, técnica ou artesanía), que se pode traducir como destreza) e loxía (λογία, a ciencia de algo).

Historia

Artigo principal: Historia da tecnoloxía.

A historia da tecnoloxía é case tan vella como a historia da humanidade, e segue desde cando os seres humanos comezaron a usar ferramentas de caza e de protección. A historia da tecnoloxía ten consecuentemente embutida a cronoloxía do uso dos recursos naturais, porque, para seren creadas, todas as ferramentas necesitaron, antes de calquera cousa, do uso dun recurso natural adecuado. A historia da tecnoloxía segue unha progresión das ferramentas simples e das fontes de enerxía simples ás ferramentas complexas e das fontes de enerxía complexas, como segue:

As tecnoloxías máis antigas converteron recursos naturais en ferramentas simples. Os procesos máis antigos, tales como a arte rupestre e a raspaxe das pedras, e as ferramentas máis antigas, tales como a pedra lascada e a roda, son medios simples para a conversión de materiais brutos e "crús" en produtos útiles. Os antropólogos descubriron moitas cousas e ferramentas humanas feitas directamente a partir dos recursos naturais.

Avión de caza F-16 Falcon

As ferramentas máis sofisticadas inclúen desde máquinas simple como a panca (300 a.C.), o parafuso (400 a.C.), e a polea, ata a maquinaría complexa como o computador, os dispositivos de telecomunicacións, o motor eléctrico, o motor a inxección, entre moitos outros. As ferramentas e máquinas aumentan en complexidade na mesma proporción en que o coñecemento científico se expande.

A maior parte das novidades tecnolóxicas adoitan ser primeiramente empregadas na enxeñaría, na medicina, na informática e no ramo militar. Con iso o público doméstico acaba sendo o último a se beneficiar da alta tecnoloxía, xa que ferramentas complexas requiren unha manufacturación complexa, aumentando drasticamente o prezo final do produto.

A enerxía pode ser obtida do vento, da auga, dos hidrocarburos e da fusión nuclear. A auga fornece a enerxía co proceso da xeración do hidroenerxía. O vento fornece a enerxía usando correntes do vento que moven muíños de vento. Hai tres fontes principais dos hidrocarburos, ao lado da madeira e do seu carbón, gas natural, e petróleo. O carbón e o gas natural úsanse case exclusivamente como unha fonte de enerxía. O petróleo é amplamente usado como fonte de enerxía (gasolina e diésel) e é tamén un recurso natural usado na fabricación de plásticos e outros materiais sintéticos. Algúns dos máis recentes avances no ramo da xeración de enerxía inclúen a habilidade de usar a enerxía nuclear, derivada dos combustíbeis tales como o uranio, e a habilidade de usar o hidróxeno como fonte de enerxía limpa e barata.

Prehistoria

Unha persoa sostendo un machada de man

As ferramentas foron desenvoltas inicialmente por homínidos mediante a observación e o ensaio e erro.[5] Fai ao rededor duns 2 millóns de anos, aprenderon a fabricar as primeiras ferramentas de pedra martelando lascas dun seixo, formando unha machada de man afiada.[6] Esta práctica perfeccionouse fai 75 mil anos coa descamación a presión, que permitia un traballo moito máis fino.[7]

O dominio do lume polos primeiros humanos foi un punto chave na evolución tecnolóxica do home, permitindo un mellor aproveitamento dos alimentos e o aproveitamento dos recursos naturais que necesitan do calor para seren útiles, o control do lume foi descrito por Charles Darwin como "posiblemente a maior fazaña xamais realizada polo home".[8] As probas arqueolóxicas, dietéticas e sociais apuntan a un "uso continuo do lume [humano]" polo menos 1,5 millóns de anos.[9] O lume, alimentado con madeira e carbón vexetal, permitiu aos primeiros humanos cociñar os seus alimentos para aumentar a súa dixestibilidade, mellorando o seu valor nutritivo e ampliando o número de alimentos que podían consumirse.[10] A hipótese da cociña propón que a capacidade de cociñar promoveu un aumento do tamaño do cerebro dos homínidos, aínda que algúns investigadores consideran que as probas non son concluíntes.[11] As evidencias arqueolóxicas das lareiras datan de 790 millóns de anos; os investigadores cren que é probable que isto intensificase a socialización humana e contribuíse á aparición da linguaxe.[12][13]

A madeira, a arxila, e a rocha (tal como a pedra calcaria), estaban entre os materiais máis adiantados a seren tratados polo lume, para facer as armas, cerámica e cemento, entre outros. As mellorías continuas tales como a fornalla, permitiron a habilidade de derreter e forxar o metal (tal como o cobre, 8000 a.C.), e eventualmente á descubrimenro das aliaxes, tales como o bronce (4000 a.C.). Os primeiros usos do ferro e do aceiro, data de 1400 a.C..

Outros avances tecnolóxicos logrados durante o Paleolítico son o vestido e a vivenda.[14] Non existe consenso sobre a época aproximada da adopción de ningunha das dúas tecnoloxías, pero os arqueólogos acharon probas arqueolóxicas de pezas de vestir de entre 90 e 120 mil anos[15] e refuxios de 450 mil anos.[14] A medida que avanzaba o Paleolítico, as vivendas fixéronse máis sofisticadas e elaboradas; xa desde fai 380 mil anos, os humanos construían cabanas temporais de madeira.[16][17] A roupa, adaptada a partir de peles e coiros de animais cazados, axudou á humanidade para expandirse cara a rexións máis frías; os humanos comezaron a migrar fose de África ao redor de 200 mil anos, desprazándose inicialmente a Eurasia.[18][19][20]

Neolítico

Artigo principal: Revolución neolítica.
Conxunto de artefactos neolíticos, como brazaletes, cabezas de machada, ciceis e ferramentas puidas

A revolución neolítica (ou Primeira Revolución Agrícola) supuxo unha aceleración da innovación tecnolóxica e o consecuente aumento da complexidade social.[21] A invención da machada de pedra puída foi un gran avance que permitiu a tala de bosques e a agricultura a gran escala.[22] O uso de machadas de pedra puída aumentou moito no Neolítico, pero utilizouse orixinalmente no Mesolítico anterior nalgunhas zonas como Irlanda.[23] A agricultura alimentou a poboacións máis numerosas, e a transición ao sedentarismo permitiu a crianza simultánea de máis nenos, xa que os nómades xa non tiñan que cargar cos bebés. Ademais, os nenos podían contribuír á agricultura máis facilmente que nas actividades de cazadores-recolectores..[24][25]

Con este aumento da poboación e da dispoñibilidade de man de obra produciuse un incremento da especialización laboral.[26] Non se sabe de certo que foi o que desencadeou a progresión desde as primeiras aldeas neolíticas até as primeiras cidades, como Uruk, e as primeiras civilizacións, como Sumeria; con todo, crese que influíron a aparición de estruturas sociais cada vez máis xerárquicas e de man de obra especializada, do comercio e a guerra entre culturas adxacentes, e a necesidade dunha acción colectiva para superar retos medioambientais como a irrigación.[27]

Ciencia e tecnoloxía

As cámaras dixitais son un exemplo de obxecto tecnolóxico

A ciencia e a tecnoloxía sempre estiveron moi próximas unha da outra.

Podemos falar de dous grandes campos vinculados á actividade humana, moi ligados entre si pero substancialmente diferentes: o campo da ciencia (a indagación) e o campo da técnica e da tecnoloxía (a acción).

Podemos dicir que a ciencia está asociada ao desexo de coñecer (coñecer e comprender o mundo que nos rodea), mentres que a técnica e a tecnoloxía se vinculan á vontade das persoas de facer (facer cousas para satisfacer as súas necesidades ou desexos).

No campo da ciencia, a motivación é a ansia de coñecementos, a actividade é a investigación e o produto resultante é o coñecemento científico. No campo da tecnoloxía, a motivación é a satisfacción de necesidades ou desexos, a actividade é o desenvolvemento de proxectos, o deseño e a execución, e o produto resultante son os bens e servizos, os métodos e os procesos.

É bastante corrente confundir tecnoloxía con ciencia aplicada: isto é un erro, xa que a tecnoloxía non é soamente ciencia aplicada. É certo que se basea en coñecementos científicos, pero tamén se basea na experiencia, utiliza moitas veces coñecementos empíricos e ten en conta moitos outros factores, algúns alleos á específica aplicación de determinados coñecementos científicos, como por exemplo os aspectos prácticos da construción ou da produción industrial, os modos e medios de produción, a factibilidade económica, a adaptación do produto aos costumes do usuario, a aceptación que o produto poida ou non ter no público etc. Ademais a tecnoloxía está, sobre todo, vinculada a cousas, físicas ou virtuais, que o ser humano fai, a cousas artificiais.

Como exemplo, un xeólogo aplicado pode predicir un deslizamento de terra (ciencia aplicada), mentres que un enxeñeiro, proxectando e supervisando axeitadas obras de defensa, pode chegar a evitar o deslizamento de terra (tecnoloxía).

Tecnoloxía e economía

Existe un equilibrio moi tenue entre as vantaxes e as desvantaxes que o avance da tecnoloxía trae para a sociedade. A principal vantaxe reflíctese na produción industrial: a tecnoloxía torna a produción máis rápida e maior, e, aínda así, o resultado final é un produto máis barato e con maior calidade.

As desvantaxes que a tecnoloxía trae son de tal forma preocupantes que case superan as vantaxes, unha delas é a contaminación, que, se non for controlada a tempo, evoluirá para un cuadro irreversíbel. Outra desvantaxe é en canto ao desemprego xerado polo uso intensivo das máquinas na industria, na agricultura e no comercio. A este tipo de desemprego, no cal o traballo do home é substituído polo traballo das máquinas, denominamos desemprego estrutural. Un dos países que máis sofren este problema é o Xapón, sendo aparentemente un dos principais motivos para o freo do crecemento da economía deste país a partir da década dos 90: xustamente, o desemprego estrutural.

Tipos de tecnoloxía

Tamén podemos clasificar a tecnoloxía de acordo cos seus campos de estudo:

Lista de tecnoloxías

Tecnoloxías clásicas

Tecnoloxías avanzadas

Tecnoloxías de comunicación

Tecnoloxía eléctrica fundamental

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Alemany, Carme; Tecnología y género. La reinterpretación de la tecnología desde la teoría feminista; en Barral M.J, Magallón C., Miqueo C., Sánchez M.D.; (eds.): Interacciones ciencia y género. Discursos y prácticas científicas de mujeres; Icaria Edit. S.A.; Barcelona, pp.81-99; 1999.
  • Álvarez, Charo; Reflexiones en torno a la participación de las mujeres en la ciencia y la tecnología. Artículo de referencia: Ciencia, Tecnología y Género; Marta I. González García y Eulalia Pérez Sedeño; http://www.uv.es/~reguera/etica/genero-ciencia.htm
  • Arregui Noguer, Beatriz; Sabaté Grau, Xavier (coord.) (2004) Tecnología y discapacidad visual : necesidades tecnológicas y aplicaciones en la vida diaria de las personas con ceguera y discapacidad visual. Madrid: ONCE, Consejo General. ISBN 84-484-0125-5
  • Ashton, T. S.; La Revolución Industrial: 1760-1830; Fondo de Cultura Económica; México; 1950.
  • Bernal, John D.; Historia social de la ciencia 1. La ciencia en la historia; Ediciones Península; Barcelona (España); 1967.
  • Bernal, John D.; Historia social de la ciencia 2. La ciencia en nuestro tiempo; Ediciones Península; Barcelona (España); 1967.
  • Buch, Tomás; Sistemas tecnológicos; Editorial Aique; Buenos Aires (Argentina); 1999.
  • Crónica de la Técnica, Plaza & Janes Editores, Barcelona (España), 1989.
  • Camp, Sprague de; The ancient engineers. Technology and invention from the earliest times to the Renaissance; Dorset Press; Nueva York (Estados Unidos); 1960. ISBN 9780880294560
  • Childe, V. Gordon; Los orígenes de la civilización; Fondo de Cultura Económica; México; 1971. OCLC 651284709
  • Ciapuscio, Héctor; Nosotros & la tecnología; Edit. Edit. Agora; Buenos Aires (Argentina); 1999; ISBN 9789879623558.
  • Derry T. K. - Williams, Trevor I.; Historia de la Tecnología 1. Desde la antigüedad hasta 1750; Siglo Veintiuno de España Editores; Madrid (España); 1977. ISBN 9788432302824
  • Derry T. K. - Williams, Trevor I.; Historia de la Tecnología 2. 1750 hasta 1900; Siglo Veintiuno de España Editores; Madrid (España); 1977. OCLC 689543600
  • Derry T. K. - Williams, Trevor I.; Historia de la Tecnología 3. 1750 hasta 1900; Siglo Veintiuno de España Editores; Madrid (España); 1977. ISBN 9788432302817
  • Ducassé, Pierre; Historia de las técnicas; Editorial Universitaria de Buenos Aires; Buenos Aires (Argentina); 1961.
  • Freedom Club, La sociedad industrial y su futuro, Ediciones Isumatag, 2011. ISBN 978-84-615-0761-0.
  • Enguix Grau, Begonya; Seminari A. 1 Gèneres i contemporaneïtats; FUOC: PID_00176383; Barcelona; 2014.
  • Ferraro, Ricardo A. - Carlos Lerch, ¿Qué es qué en tecnología?, Granica, cop. 1997; Buenos Aires. ISBN 9789506412463
  • González García, Marta I.; Pérez Sedeño, Eulalia; Ciencia, Tecnología y Género; Revista Iberoamericana de Ciencia, Tecnología, Sociedad e Innovación; Número 2 / enero - abril de 2002 Artículos; ISSN 1681-5645. http://www.oei.es/revistactsi/numero2/varios2.htm
  • Jacomy, Bruno; Historia de las técnicas; Editorial Losada; Buenos Aires (Argentina); 1991.
  • Leroi-Gourhan, André; El hombre y la materia. Evolución y técnica I; Edit. Taurus; Madrid (España); 1988. ISBN 9788430660070
  • Organización de las Naciones Unidas para la Educación, la Ciencia y la Cultura; Ciencia, tecnología y género : Informe internacional; UNESCO; 2007; http://www.unesco.org/new/fileadmin/MULTIMEDIA/HQ/SC/pdf/sc_stg_executive_summary-es.pdf
  • Pounds, Norman J. G.; La vida cotidiana: historia de la cultura material; Editorial Crítica; Barcelona (España); 1989. ISBN 9788474235395
  • Sabanes Plou, D; Género y tecnología. Capacitación para el activismo de las mujeres; Revista Icono14; 2011, Año 9 Vol. 1, pp. 110-128; ISSN 1697-8293. Madrid (España); http://www.icono14.net/ojs/index.php/icono14/article/view/221/98
  • Shanker, R; Culture and development. International Development Information Centre; Development Express; Canada Communication Group; 1998.
  • Simon, Herbert; Las ciencias de lo artificial; Edit. A. T. E.; España; 1973. ISBN 9788485047109
  • Solivérez, Carlos E.; Ciencia, Técnica y Sociedad; Facultad Latinoamericana de Ciencias Sociales; Buenos Aires (Argentina); 1992.
  • Toffler, Alvin; Future shock; Daily Press; Londres (Gran Bretaña); 1970.
  • Toffler, Alvin; La tercera ola; Plaza y Janés; 1980. ISBN 9788401370663
  • Westby, C. & Atencio, D.J.; Computers, culture, and learning; Top Land Disord, 22; (4), 70-87; 2002.
  • Williams, Trevor I.; Historia de la Tecnología 4. Desde 1900 hasta 1950; Siglo Veintiuno de España Editores; Madrid (España); 1982 y 1987. ISBN 9788432306136
  • Williams, Trevor I.; Historia de la Tecnología 5. Desde 1900 hasta 1950; Siglo Veintiuno de España Editores; Madrid (España); 1987. ISBN 9788432302824

Outros artigos

  • Ciencia e tecnoloxía medieval
  • Invención
🔥 Top keywords: