Tetraciclina

composto químico
Para as tetraciclinas como grupo de compostos ver tetraciclinas.

A tetraciclina é un antibiótico policétido de amplo espectro, principal representante do grupo das tetraciclinas, producido polo xénero de actinobacterias Streptomyces, utilizado contra moitas infeccións bacterianas. Funciona como un inhibidor da síntese proteica. A partir da tetraciclina poden obterse diversos derivados semisintéticos, que son antibióticos do grupo das tetraciclinas, que comparten a mesma estrutura molecular de 4 aneis.

Estrutura química da tetraciclina, o antibiótico máis importante do grupo das tetraciclinas.
Nome IUPAC: (4S,6S,12aS)-4-(dimetilamino)-1,4,4a,5,5a,6,11,12a-octahidro-3,6,10,12,12a-pentahidroxi-6-metil-1,11-dioxonaftaceno-2-carboxamida
OU
(4S,6S,12aS)-4-(dimetilamino)-3,6,10,12,12a-pentahidroxi-6-metil-1,11-dioxo-1,4,4a,5,5a,6,11,12a-octahidrotetracene-2-carboxamida.

Aplicacións

Utilízase moito como tratamento do acne e rosácea e foi historicamente importante no tratamento do cólera. É o tratamento de primeira liña para a febre das Montañas Rochosas (Rickettsia), febre Q (Coxiella), psittacose e linfogranuloma venéreo (Chlamydia), e para erradicar nas vías nasais o meningococo. A tetraciclina utilizouse durante o estalido da peste na India en 1992.[1]

Como a tetraciclina se absorbe nos ósos, utilízase como marcador do crecemento óseo en biopsias humanas. O marcado con tetraciclina serve para determinar a cantidade de crecemento óseo nun certo período de tempo, xeralmente un período de aproximadamente 21 días. A tetraciclina que se incorpora no óso mineralizado pode detectarse pola súa fluorescencia.[2] Ao facer o dobre marcado con tetraciclina, adminístrase unha segunda dose de 11 a 14 días despois da primeira, e a cantidade de óso formado durante ese interevalo pode calcularse medindo a distancia entre as dúas marcaxes fluorescentes.[3]

A tetraciclina utilízase como biomarcador na natureza para detectar o consumo polos animais salvaxes de cebos que conteñen medicinas ou vacinas.[4]

En enxeñaría xenética, a tetraciclina utilízase na activación transcricional controlada por tetraciclina.Na investigación do cáncer na Harvard Medical School, utilizouse a tetraciclina para desactivar a leucemia en ratos modificados xeneticamente.[5]

A tetraciclina utilízase en bioloxía celular como un axente selectivo nos sistemas de cultivos celulares. Selecciona as células que teñen o xene tetr, que codifica unha proteína de membrana que bombea a tetraciclina fóra da célula.

Historia da tetraciclina

Cando se estudaron restos de esqueletos de hai uns 1.600 anos de Nubia (hoxe no Sudán) na década de 1990 atoparon neles cantidades significativas de tetraciclina; que se supón se orixinaba no proceso de fermentación da cervexa que consumían.[6]

Na época moderna os primeiros antibióticos do grupo das tetraciclinas descubertos foron a aureomicina (clortetraciclina) en 1945, e a terramicina (oxitetraciclina) en 1950.[7][8][9]. Un grupo de sete investigadores (K.J. Brunings, Francis A. Hochstein, C.R. Stephens, L.H. Conover, Abraham Bavley, Richard Pasternack, e Peter P. Regna) da compañía Pfizer,[10][11] participaron, en colaboración con Woodward (que determinara a estrutura da terramicina), na investigación de dous anos de duración, que levou ao descubrimento da terramicina. Houbo varios litixios entre varias compañías sobre a patente da tetraciclina, aínda que chegaron finalmente a un acordo, e o goberno dos Estados Unidos (a Federal Trade Commission) litigou coas compañías por considerar que a tetraciclina, ao producirse por fermentación, non era patentable, pero perdeu finalmente no ano 1982 nos tribunais.[12]

Notas

🔥 Top keywords: