Voo 593 de Aeroflot

accidente de aviación en Rusia en 1994

O voo 593 de Aeroflot era un servizo regular de pasaxeiros dende o aeroporto de Moscova-Sheremetyevo e o aeroporto Kai Tak en Hong Kong. O día 23 de marzo de 1994 o Airbus A310-304 que operaba a ruta esnafrose nunha cordilleira no óblast de Kemerovo, Rusia, matando os 63 pasaxeiros e 12 tripulantes a bordo.

Voo 593 de Aeroflot
O avión accidentado en 1993
Resumo
Data 23 de marzo de 1994
Causa erro do piloto
Lugar a 20 km de Mezhdurechensk
Coordenadas 88°08′59″L / 53.300833333333, 88.149722222222
Orixe Moscova-Sheremetyevo
Destino aeroporto Kai Tak
Finados 75
Aeronave
Tipo de aeronaveAirbus A310-304
Operador Aeroflot
Rexistro F-OGQS
Pasaxeiros 63
Tripulación 12
Superviventes 0

Non se atoparon probas de problemas técnicos.[1] As caixas negras revelaron a presenza dos fillos do piloto de relevo na cabina, unha nena de 12 anos e un rapaz de 16.[2][3][4] Mentres estaba sentado aos controis, o fillo do piloto desconectara sen sabelo o control do piloto automático dos aleróns do A310. Posteriormente o piloto automático desactivouse completamente causando que o avión se inclinase bruscamente e entrase nunha caída case vertical. A pesar de conseguir nivelar o avión, o primeiro oficial sobrecorrixiu cando tirou cara a atrás dos mandos, facendo que o avión entrase en perda e iniciase unha caída en barrena. Os pilotos conseguiron nivelar o avión novamente, pero o aparello perdera demasiada altura para poder recuperarse e esnafrouse na cordilleira Kuznetsk Alatau.[5]

Avión

O aparello implicado no accidente era un Airbus A310-304 alugado, con rexistro F-OGQS e número de serie 596, que fora entregado novo a Aeroflot o 11 de decembro de 1992.[6] Equipado con dous motores General Electric CF6-80C2A2, o avión realizara o seu primeiro voo como F-WWCS o 11 de setembro de 1991, e era un dos cinco que operaban para Russian Airlines, unha división autónoma de Aeroflot - Russian International Airlines que se establecera para servir rutas no extremo oriente ruso e no sueste asiático. De media, a tripulación tiña unhas 900 horas de voo no tipo.[7]

Notas