Voo 610 de Lion Air

accidente de aviación no mar de Xava en 2018

O voo 610 de Lion Air era un voo regular doméstico de pasaxeiros operado pola aeroliña indonesia Lion Air entre o aeroporto internacional Soekarno-Hatta en Iacarta e o aeroporto Depati Amir en Pangkal Pinang. O día 29 de outubro de 2018 o Boeing 737 MAX 8 que operaba a ruta esnafrouse 13 minutos despois da engalaxe.[1][2] Restos do aparello foron atopados no mar de Xava, fóra da costa de Xava.[3] As autoridades concluíron que os 189 tripulantes e pasaxeiros morreron no choque.[4]

Voo 610 de Lion Air
O 737 MAX 8 do accidente
Resumo
Data 29 de outubro de 2018
Causa caeu no océano pouco
despois de engalar
Lugar mar de Xava
Coordenadas 107°07′16″L / -5.7708333333333, 107.12111111111
Orixe aeroporto Soekarno-Hatta
Destino aeroporto Depati Amir
Finados 189 (todos)
Aeronave
Tipo de aeronaveBoeing 737 MAX 8
Operador Lion Air
Rexistro PK-LQP
Pasaxeiros 181
Tripulación 8
Superviventes 0

Trátase do accidente con máis vítimas mortais dun Boeing 737, superando ao voo 812 de Air India Express ocorrido en maio de 2010.[5]

Avión

A aeronave do accidente era un Boeing 737 MAX 8, con rexistro PK-LQP e número de serie do fabricante 43000, impulsado por dous motores CFM International LEAP.[6] Fora entregado novo a Lion Air o 13 de agosto de 2018 voando a Indonesia dous meses antes do accidente.[7] No momento da catástrofe o aparello tiña acumuladas unhas 800 horas de voo.[8] Trátase do primeiro accidente dun 737 MAX dende a entrada en servizo do modelo o 22 de maio de 2017.[9]

Pasaxeiros e tripulación

Segundo as autoridades indonesias había 189 persoas a bordo do avión: 181 pasaxeiros (178 adultos, un neno e dous bebés), ademais de seis tripulantes de cabina e dous pilotos.[10]

Tripulación

Lion Air identificou ao capitán do voo como un cidadán indio que levaba voando coa compañía durante máis de sete anos e tiña unhas 6 000 horas de experiencia;[11] e o copiloto era un indonesio cunhas 5 000 horas de voo.[3][12]

Pasaxeiros

Entre a pasaxe atopábanse 20 empregados do Ministerio de Finanzas,[13] 10 empregados da Xunta de Auditoría de Indonesia,[14] dous auditores da Axencia de Inspección Financeira e de Desenvolvemento,[15] sete membros do Consello Representativo Popular de Bangka Belitung,[16] tres avogados públicos,[17] e tres xuíces do Tribunal Superior de Indonesia e da Corte Nacional[18] estaban entre os pasaxeiros. Había dous estranxeiros confirmados a bordo: o piloto da India e un cidadán italiano, o antigo ciclista profesional Andrea Manfredi.[4][19]

Voo e accidente

O voo engalou de Iacarta o 29 de outubro de 2018 ás 6:20 a.m. hora local (28 de outubro de 2018, 23:20 UTC) e debería chegar ao aeroporto Depati Amir en Pangkal Pinang ás 7:20 a.m.[20] O avión engalou en dirección ao oeste antes de xirar e dirixirse cara ao nordés, manténdose nesa dirección ata caer no mar ao redor das 6:33 a.m. ao nordés de Iacarta e augas duns 35 metros de profundidade.[13][21] Segundo un funcionario da oficina de busca e rescate de Pangkal Pinang, a tripulación solicitara autorización para regresar ao aeroporto de Iacarta nalgún momento do voo.[22] O lugar do accidente está situado a 63 km da costa da rexencia de Karawang na illa de Xava.[23]

Notas

🔥 Top keywords: