Voo 703 de Saratov Airlines

accidente de aviación en Moscova en 2018

O voo 703 de Saratov Airlines foi un voo de pasaxeiros doméstico dende o aeroporto de Moscova-Domodedovo ao aeroporto de Orsk en Rusia. O 11 de febreiro de 2018 o avión que realizaba o voo, un Antonov An-148-100B, esnafrouse pouco despois da engalaxe matando 71 persoas a bordo, 65 pasaxeiros e 6 tripulantes.

Voo 703 de Saratov Airlines
O avión do accidente
Resumo
Data 11 de febreiro de 2018
Causa baixo investigación
Lugar preto de Stepanovskoe,
óblast de Moscova
Coordenadas 38°23′25″L / 55.2997887, 38.3903017
Orixe Moscova-Domodedovo
Destino aeroporto de Orsk
Finados 71 (todos)
Aeronave
Tipo de aeronaveAntonov An-148-100B
Operador Saratov Airlines
Pasaxeiros 65
Tripulación 6
Superviventes 0

Foi o primeiro accidente con vítimas mortais tras 438 días dun reactor comercial de pasaxeiros; o anterior accidente fatal deste tipo foi o voo 2933 de LaMia o 28 de novembro de 2016.[1][2]

Avión

O avión involucrado no accidente era un Antonov An-148-100B construído por Voronezh Aircraft Production Association,[3] con rexistro RA-61704, número de serie 27015040004 e equipado con dous motores Progress D-436. Voou por primeira vez en maio de 2010 e empezou a operar con Rossiya Airlines o 23 de xuño dese ano. Antes do accidente tivo dous incidentes menores en servizo; un motor deixou de funcionar o 28 de xullo de 2013 despois da perda do compresor en voo, e sufriu un fallo no tren de aterraxe dianteiro nunha engalaxe o 23 de agosto do mesmo ano. O avión fora alugado a Saratov Airlines en febreiro de 2017, un ano antes do accidente.[4]

Accidente

O voo era un servizo doméstico regular de pasaxeiros dende o aeroporto de Moscova-Domodedovo ata o aeroporto de Orsk, unha cidade preto da fronteira con Casaquistán, operado pola aeroliña rexional rusa Saratov Airlines. O hora de saída programada eran as 14:00.[5] O voo engalou de Moscova ao redor das 14:21.[4][6]

Varios minutos despois de engalar a velocidade e altitude do avión comezaron a flutuar. Momentos antes do accidente o voo 703 gañara unha altitude de 1 800 metros e unha velocidade do aire de 600 km/h. Entón perdeu altura rapidamente ata que desapareceu do radar a unha altitude duns 900 metros.[5]

O avión esnafrouse preto das vilas de Argunovo e Stepanovskoye no distrito de Ramensky do óblast de Moscova.[7][8] O accidente ocorreu ás 14:27 hora local (11:27 UTC), seis minutos despois de engalar de Moscova.[4] Testemuñas informaron de que o avión estaba en chamas durante a súa caída cara ao chan.[9] O choque foi gravado por unha cámara de vixilancia nunha casa próxima. Na gravación pode verse o avión impactar contra o chan e inmediatamente estoupar en chamas.[10]

A fiscalía rusa iniciou procedementos penais por presuntas violacións das regras de seguridade do tráfico aéreo. Atopou informes de que á aeroliña se lle prohibira operar rutas internacionais en 2015, e que estas se reiniciaran tras un cambio de políticas en 2016. O Servizo Federal para a Supervisión do Transporte Ruso (Rostransnadzor) afirmou que durante a exploración do avión accidentado, a aeroliña violara o procedemento do cambio de aceite nas caixas de engrenaxes, e o procedemento para limpar os filtros de aire de arranque.[11]

Pasaxeiros e tripulación

Segundo o manifesto de voo, o voo 703 levaba 65 pasaxeiros e 6 tripulantes. A meirande parte dos pasaxeiros eran residentes de Orenburg. O Ministerio de Situacións de Emerxencias ruso dixo que todos os pasaxeiros eran rusos agás dous, un de Acerbaixán e outro de Suíza.[12][3][13][14] Todos os ocupantes morreron no accidente. Os servizos de emerxencia chegaron ao lugar do sinistro 2 horas e media despois do accidente.[15]

O capitán era Valery Gubanov, de 51 anos, que acumulaba 5 000 horas de voo, das cales 2 800 eran no Antonov An-148, aínda que só 58 delas como piloto ao mando. O seu certificado médico expirara dous días antes do accidente.[16] O primeiro oficial era Sergei Gambaryan, de 35 anos de idade.[12]

Notas

🔥 Top keywords: