Accidente da fábrica de alúmina de Ajka

O accidente da fábrica de alúmina de Ajka foi unha catástrofe industrial producida en Ajka (Veszprém, Hungría) o 4 de outubro de 2010 ás 12:25 CEST (10:25 UTC), tras romper un dique liberando preto dun millón de metros cúbicos de refugallos de "lodo vermello", na Fábrica de Alúmina de Ajka (Ajkai Timföldgyár).[1][2][3] O lodo acadou entre 1 e 2 metros de altura asolagando as localidades contiguas, en especial Kolontár[2][3] e Devecser.[2][3][4] No primeiro día contabilizáronse catro mortos e 123 feridos, e até o día 8 a cifra aumentara a sete falecidos e 150 feridos.[1][4][5][6] Para o día 13, xa había 9 mortos, e a décima vítima, un home de 71 anos, faleceu o 5 de novembro no hospital de Győr, onde o atendían, por mor das súas queimaduras.[7] Preto de 40 quilómetros cadrados de terreo foron contaminados, incluíndo o río Danubio dende o día 7 de outubro.[8] O día 8 pola tarde, a localidade de Kolontár tivo que ser evacuada ante a ameaza de que o muro de contención da presa cedese debido á súa fraxilidade e asolagase o municipio: en caso de producirse a rotura do dique suporía unha vertedura de 500 000 metros cúbicos de lodo, segundo o primeiro ministro Viktor Orbán.[9]

Vista aérea do dique de contención que cedeu liberando o lodo vermello.
Vista aérea do dique de contención que cedeu liberando o lodo vermello.
Zona afectada polo verquido
Zona afectada polo verquido

Orixe do lodo

O lodo vermello é un subproduto do proceso Bayer, que se emprega para obter o óxido de aluminio a partir da bauxita, a partir da cal despois se obtén aluminio. O lodo vermello contén na súa maior parte impurezas da bauxita: a característica cor vermella procede do óxido de ferro hidratado, sendo este o seu principal compoñente (até un 60%); á súa vez, contén titanio e compostos de vanadio[10] entre outras pequenas cantidades de metais pesados.[11] O lodo, o cal é altamente alcalino, unha vez que se produce, é almacenado en estanques de gran envergadura ao aire libre, e había preto de 30 millóns de toneladas do produto almacenado preto da planta Ajkai Timföldgyár.[11] Segundo un informe publicado por MAL (Magyar Alumínium Zrt.), o lodo ten a seguinte porcentaxe química:[12]

MaterialPorcentaxe aprox.Observacións
Fe2O3 (Óxido de ferro)40-45%Dá a cor vermella ao barro
Al2O3 (Óxido de alúmina)10-15%Óxido de alúmina non extraído
SiO2 (Óxido de silicio (IV))10-15%Presente como sodio ou calcio-alúmina-silicio
CAO (Óxido de calcio)6-10%
TiO2 (Dióxido de titanio)4-5%
Na2O (Óxido de sodio)5-6%Causa do alto nivel de pH e das queimaduras químicas

Non está claro como puido ter rachado a contención do lodo. Aínda así, o accidente produciuse despois dun verán particularmente húmido no país, ó igual que noutras zonas de Europa Central.[13] A policía confiscou algúns documentos sobre a planta de Ajka, aínda que un representante da compañía Aluminio Húngaro, S.A.C. (Magyar Alumínium Zrt., MAL) dixo que na última inspección do dique non se observou nada anómalo.[13] O primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán declarou que o desastre foi provocado por un erro humano.[14]

Imaxe a cor natural da zona do desastre tomada por un satélite da NASA.

A diferenza doutros refugallos da minería, o lodo vermello non contén un alto nivel de metais pesados, aínda que en terreo normal pode superar sete veces o nivel aconsellable. As análises de lodo en Kolontár, levados a cabo por Greenpeace, amosaron niveis de cromo en cantidades de 660 mg/kg, arsénico (110 mg/kg) e mercurio (1,3 mg/kg). O Goberno declarou que o lodo "non é velenoso". Doutra banda a Academia de Ciencias de Hungría declarou que as concentracións de metais pesados non foron considerablemente perigosas para o medio ambiente.[15][16]

A onda de lodo asolagou as rúas de Kolontár e Devecser. Na primeira confirmouse a morte de catro persoas, mentres que na segunda localidade, a forza da riada levou por diante múltiples vehículos.[17][18] A causa do falecemento das vítimas non foi confirmada de maneira oficial; un representante da Dirección Xeral Estatal de Protección de Catástrofes (Országos Katasztrófavédelmi Főigazgatóság, OKF) comentou a posibilidade de que perecesen afogados.[18] Preto de seis persoas seguían desaparecidas 24 horas despois do accidente.[17]

A OKF declarou que o lodo foi considerado daniño e que podería causar irritación por reacción alcalina naquelas persoas que estando en contacto con esa substancia non se lavaron a fondo con auga limpa.[19] O alcalde de Devecser dixo que 80 ou 90 persoas foron hospitalizadas por queimaduras químicas.[20] Péter Jakabos, un dos médicos do hospital de Győr onde se achan a maioría de ingresados, declarou na Televisión Húngara (Magyar Televízió) que pode levar varios días ata que á xente se lle curen esas queimaduras.[5] Desde Magyar Alumínium (MAL) declararon que o lodo non está considerado perigoso segundo as normas da Unión Europea.[6] As medidas iniciais levadas a cabo pola OKF mostraron que o lodo é extremadamente alcalino cun pH estimado 13.[16]

O Río Marcal unha semana despois do accidente.

Os produtos químicos extinguiron a vida mariña do río Marcal e o día 7 de outubro chegou a un afluente do Danubio obrigando aos países polos que pasa o río a desenvolver plans de emerxencia.[21]

Contención e limpeza

Ademais dos efectos inmediatos do lodo vermello, tamén coubo a posibilidade de que se producira unha contaminación das augas dentro do país. Pretendeuse neutralizar o efecto alcalino vertendo xeso e ácido bioacético na auga, en varios puntos do río Marcal, e tamén na súa confluencia.[22] O Marcal desemboca en Karakó no río Rába, á súa vez, o Rába desemboca no Danubio na rexión de Győr-Moson-Sopron.

Ao día seguinte do accidente, o Secretario de Estado do Ministerio de Medio Ambiente, Zoltán Illés ordenou a suspensión de produción de aluminio da planta e a reconstrución da presa.[23] Ao día seguinte, o director da compañía declarou nunha entrevista radiofónica que lle gustaría renovar a produción a semana seguinte (cinco ou seis días despois do accidente producido o luns 4 de outubro).[24]

O goberno estimou que a limpeza podería levar un ano e custar dez millóns de dólares.[25]

Ás 19:36 (hora local) do 7 de outubro, o Goberno húngaro activa o Mecanismo de Protección Civil da UE para a axuda urxente internacional. O Centro de Información e Supervisión da Unión Europea comunicou unha petición de axuda experta aos 30 países integrantes (27 estados membros, Islandia, Liechtenstein e Noruega).[22]

Decisións tomadas

O mesmo día do accidente foi suspendida a produción da Fábrica de Alúmina de Ajka.

O 11 de outubro, o primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán declarou que o goberno tomaría o control sobre a empresa causante da catástrofe e, ao mesmo tempo, detiveron a Zoltán Bakonyi, director xeral de Aluminio Húngaro, S.A.C. (MAL Zrt.).[26] O 13 de outubro liberárono segundo decisión do Tribunal de Condado de Veszprém por non haber forte sospeita de delito, aínda que seguiría sendo presunto. Con todo, a Procuradoría reclamou contra a súa liberación.[27]

Rematada a maioría dos traballos de limpeza e a construción dunha parede protectora contra unha posible vertedura de novo, o venres, 15 de outubro a planta de Ajka puido continuar a súa produción e a maioría dos habitantes evacuados de Kolontár puido regresar á aldea. Ese mesmo día, un total de nove casas tiveron que ser destruídas polos danos sufridos.[28] Segundo informacións obtidas da Televisión Húngara e noticias, o número das casas que se fixeron inhabitables debido ao barro vermello ascendeu a máis de 200.[29]

Despois dos feitos, un grupo de científicos independentes foi contratado para investigar as causas verdadeiras da rotura do encoro, mentres outras persoas responsables da fábrica foron detidas. Segundo o resultado final da investigación, o accidente foi provocado por un corremento de terra.[30]A pesar diso, o goberno húngaro declarou que o único responsable pola catástrofe é a empresa MAL.[31]

Referencias

Ligazóns externas

Fotos do desastre https://web.archive.org/web/20101011091819/http://redsludge.bm.hu/

Sitio oficial do goberno de Hungría sobre o desastre https://web.archive.org/web/20101011091819/http://redsludge.bm.hu/

🔥 Top keywords: