Adrastea (lúa)

satélite natural de Xúpiter
Para obter información sobre a lúa de Xúpiter que tiña este mesmo nome entre os anos 1955 a 1975, véxase o artigo Ananke.

Adrastea (ou en grego Αδράστεια), tamén coñecida coma Xúpiter XV, é lúa máis pequena e a segunda lúa máis interior das catro lúas interiores de Xúpiter. Foi descuberta a partir de imaxes obtidas pola sonda Voyager 2 no ano 1979, facendo de Adrastea a primeira lúa descuberta grazas ás imaxes obtidas por unha sonda interplanetaria.[5] Foi oficialmente bautizada co nome Adrastea que procede da mitoloxía grega, Adrastea era filla do deus Zeus (o equivalente na mitoloxía grega de Xúpiter).[6] Adrastea é unha das tres lúas do Sistema Solar das que se sabe que tardan menos en completar unha órbita (ó redor do seu planeta) do que tarda o seu planeta en completar unha rotación (día). Orbita Xúpiter na beira exterior do anel principal de Xúpiter e semella que é a lúa que achega máis material ós aneis de Xúpiter. A pesar das observación feitas pola sonda Galileo nos anos 90, pouco se sabe das características físicas, excepto o seu tamaño e o feito de que a súa rotación é síncrona.

Adrastea
Imaxe de Adrastea tomada pola sonda Galileo entre novembro de 1996 e xuño de 1997.
Descubrimento
Descuberta porDavid C. Jewitt
G. Edward Danielson
Descuberta no8 de xullo de 1979
Designación alternativaXúpiter XV
Características orbitais
Raio orbital medio129.000 km[1][2]
Excentricidade0,0015[1][2]
Período orbital0,29826 d
(7 h 9,5 min)[1][2]
Inclinación0,03° (respecto do ecuador de Xúpiter)[1][2]
Velocidade orbital31,378 km/s[3]
Satélite deXúpiter
Características físicas
Raio medio8,2 ± 2,0 km[4]
Dimensións20 × 16 × 14 km³[4]
Volume~2.345 km3[3]
Masa~2 x 1015 kg[3]
Densidade media0,86 g/cm³ (asumida)
Gravidade superficial~0,002 m/s2 (0,0004 g)[3]
Velocidade de escape~0,008 km/s[3]
Período de rotaciónsincrónica
Albedo0,1 ± 0,045[4]
Oblicuidade da eclípticacero[4]
Temperatura~122 K

Descubrimento e observacións

Imaxe do descubrimento de Adrastea, tomada o 8 de xullo de 1979 pola sonda Voyager 2. Adrastea é o punto brillante no medio da foto.

Adrastea foi descuberta por David C. Jewitt e G. Edward Danielson a partir de imaxes tomadas o 8 de xullo de 1979 pola sonda Voyager 2 e recibiu a designación provisional de S/1979 J 1.[5][7] Aínda que só se podía ver un simple punto brillante,[7] foi a primeira lúa descuberta por unha sonda interplanetaria. Pouco despois deste descubrimento, outras dúas lúas interiores de Xúpiter (Tebe e Metis) foron vistas en imaxes tomadas poucas semanas antes pola Voyager 1. A sonda Galileo estaba capacitada para determina-la forma da lúa en 1998, pero as imaxes resultaron moi pobres.[4] En 1983, Adrastea foi oficialmente bautizada co nome da ninfa Adrastea, filla de Zeus e da súa amante Ananke.[6]

Características físicas

Adrastea ten un forma irregular cunhas dimensións de 20 × 16 × 14 km,[4] o cal fai dela a lúa máis pequena entre as catro lúas interiores de Xúpiter.[4] A súa composición e masa son descoñecidas, pero asumindo que a súa densidade media é semellante a de Amaltea[2] (~0,86 g/cm³),[8] a súa masa pode ser estimada en ~2×1015 kg. A densidade de Adrastea implica que a lúa está composta de xeo de auga cunha porosidade do 10–15%, o caso de Metis podería ser semellante.[8]

Non se coñecen os detalles da superficie de Adrastea, debido á baixa resolución da imaxes dispoñibles.[4]

Órbita

Adrastea é lúa máis pequena e a segunda lúa máis interior das catro lúas interiores de Xúpiter. Orbita Xúpiter a unha distancia duns 129.000 km (1,806 raios de Xúpiter) na beira exterior do anel principal de Xúpiter.[2] Adrastea é unha das tres lúas do Sistema Solar das que se sabe que tardan menos en completar unha órbita (ó redor do seu planeta) do que tarda o seu planeta en completar unha rotación (día), as outra dúas son: a lúa de Xúpiter, Metis e a lúa de Marte, Fobos. Ten unha excentricidade orbital moi pequena (~0,0015) e tamén unha inclinación relativa ó ecuador de Xúpiter moi pequena (~0,03°).[2]

Debido ó axustamento de mareas, Adrastea rota sincronicamente, amosándolle sempre a mesma cara a Xúpiter. Ó longo de grandes períodos de tempo, este axustamento provoca que Adrastea entre na configuración de menor enerxía, a cal correspondese co apuntamento do seu eixo máis grande cara Xúpiter.[4]

A órbita de Adrastea está situada dentro do raio das órbitas sincrónicas de Xúpiter (do mesmo xeito ca Metis), e como resultado, as forzas gravitatorias están causando un paseniño descenso da súa altura orbital, polo que algún día a lúa impactará contra Xúpiter. Se a súa densidade é semellante a de Amaltea, entón xa podería estar dentro do límite de Roche. De calquera xeito, de momento non asemella que a lúa se estea esnaquizando, polo cal debe, polo momento, estar fóra do implacable límite de Roche.[2]

Relación cos aneis de Xúpiter

Adrastea é a lúa que máis material achega ós aneis de Xúpiter. O material destes aneis é achegado case exclusivamente polas superficies das catro lúas interiores de Xúpiter, a través dos impactos de meteoritos que reciben as superficies destas catro lúas. Este material desprendese facilmente das superficies das lúas interiores, xa que estas estás superficies están moi próximas ó límite das súas esferas de Roche, debido as súas baixas densidades.[2]

Semella que Adrastea é a lúa que achega máis material ós aneis, como evidencia que o anel máis denso estea situado dentro da órbita de Adrastea.[9] Para ser máis precisos, a órbita de Adrastea descansa na beira exterior do principal anel de Xúpiter.[10] A extensión de material visible depende do ángulo de fase das imaxes: baixo luz dispersa, Adrastea está totalmente fóra do anel principal,[10] pero con luz moito máis directa (a cal amosa partículas moito máis grandes) aparece un estreito anel fóra da órbita de Adrastea.[2]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: