Albert Fert
Albert Fert, nado en Carcasona o 7 de marzo de 1938, é un físico francés. É un dos descubridores do efecto de magnetorresistencia xigante, que permite aos discos ríxidos modernos superaren a barreira de xigabytes, polo que foi agraciado do Premio Nobel de Física de 2007, canda Peter Grünberg.
É profesor na Université Paris-Sud en Orsay, e director científico dun laboratorio asociado ('Unité mixte de physique') entre o Centre national de la recherche scientifique (Centro Francés de Investigación) e Thales Group.
Traxectoria
Graduado en 1962 na École Normale Supérieure en París. Mestrado en 1963 na Universidade de París, e doutorado en 1970 na Université Paris-Sud.
En 1988 descubriu o efecto da magnetoresistencia xigante (GMR) en multicapas de ferro e cromo, descuberta recoñecida como iniciadora da spintrónica. O GMR foi simulado e descuberto independentemente por Peter Grünberg do Jülich Research Centre. Dende 1988, Albert Fert ten realizado varias contribucións ao eido da spintrónica.