Alfonso Castro Rivera

futbolista español

Alfonso Federico Castro Rivera, coñecido como Castro, nado en Ferrol o 27 de marzo de 1955, é un exfutbolista galego.

Alfonso Castro
Información persoal
NomeAlfonso Federico Castro Rivera
Nacemento27 de marzo de 1955 (69 anos) [1]
Lugar de nacementoFerrol
Altura1,70 m.
PosiciónDianteiro
Carreira xuvenil
San Fernando
Bertón S.D.
S.C.D.R. Ferrándiz
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
1971–1972Racing de Ferrol67(23)
1973–1974Deportivo (cedido)4(1)
1974–1982Deportivo da Coruña243(84)
1982–1983Cádiz2(0)
1983–1985Lorca Deportiva56(15)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Foi un dos dianteiros máis destacados da historia do Deportivo da Coruña, club no que xogou durante a maior parte da súa traxectoria, e onde figura na actualidade como o sétimo máximo goleador de todos os tempos, con 95 goles.[2] Marcou co Deportivo en tres categorías distintas, Segunda, Segunda B e Terceira, e na tempada 1977/78 foi o máximo goleador da Segunda División, con 24 goles.

Antes estivera tres tempadas no Racing de Ferrol, debutando en Segunda con só 16 anos, e despois da súa etapa no Deportivo pasou polo Cádiz e o Lorca Deportiva, antes de deixar o fútbol aos 29 anos.

Traxectoria

Inicios

Comezou a xogar ao fútbol en varios equipos ferroláns como o Ferrándiz,[3] e posteriormente traballou como soldador en ASTANO ata que foi fichado polo Racing de Ferrol.[4]

Racing de Ferrol

Comezou nos xuvenís do equipo verde, co que marcou 27 goles na súa primeira tempada. As súas actuacións no xuvenil fixeron que Rafael Franco o fixese debutar co primeiro equipo en Segunda División, aos 16 anos, o 6 de febreiro de 1972 contra o Mallorca. Marcou o seu primeiro gol na xornada seguinte, no campo do Rayo Vallecano. O Racing acabou descendendo e Castro xogou dúas tempadas máis no club en Terceira, sendo coñecido como Castro II, para diferencialo de Joaquín Castro.

Deportivo da Coruña

A última das súas campañas en Ferrol, a 1973/74, non a disputou completa, pois en abril foi cedido ao Deportivo da Coruña, en Segunda División. Levaba 18 goles esa tempada no Racing e chegou á Coruña canda un novo adestrador José Antonio Irulegui, para tentar salvar o equipo do descenso.[5][6] Xogou os catro partidos restantes da tempada, debutando fronte ao Betis e marcando fronte ao Sant Andreu, pero o Deportivo acabou descendendo á Terceira División por primeira vez na súa historia.

Na seguinte tempada incorporouse xa como xogador en propiedade do Deportivo. Foi o máximo goleador do equipo e o segundo do Grupo I da Terceira División, con 20 goles, só por detrás de San Cayetano do Ensidesa, logrando o equipo o retorno a Segunda.[7][8][9] Tras dous anos máis frouxos, marcou 24 goles na tempada 1977/78, incluídos dous tripletes e catro goles nun partido contra o Murcia en Riazor, e rematou como máximo goleador da Segunda División.[10] Nas seguintes dúas tempadas volveu ser o máximo goleador do equipo, antes de que este descendese á Segunda División B. Contribuíu con 10 goles no ascenso, e tras unha última tempada en Segunda, deixou o club coruñés despois de case unha década e 93 goles, que o colocaban naquel momento como o terceiro máximo goleador do Deportivo na súa historia, só por detrás de Veloso e Guimeráns.[2]

Cádiz, Lorca e retirada

Na tempada 1982–83 foi contratado polo Cádiz CF, onde xogou 6 encontros e anotou un gol. Con todo, o club andaluz alcanzou o segundo posto na clasificación, logrando o ascenso a Primeira División. Na tempada 1983–84 fichou polo CF Lorca Deportiva, en Segunda B, co que marcou 13 goles en 37 partidos, contribuíndo ao único ascenso a Segunda na historia do club. Disputou media tempada máis co equipo murciano, que tiña problemas para pagar os salarios, e despois retirouse do fútbol aos 29 anos.[4]

Despois de deixar o fútbol profesional, seguiu xogando partidos de veteranos e fútbol sala, e adestrou equipos de fútbol sala en categorías de base.[4]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas