Manuel Guimeráns

futbolista galego
(Redirección desde «Manuel Guimeráns Correa»)

Manuel Guimeráns Correa, nado en Vigo o 18 de decembro de 1918 e finado o 17 de setembro de 1991, foi un futbolista galego.

Guimeráns
Información persoal
NomeManuel Guimeráns Correa
Nacemento18 de decembro de 1918
Lugar de nacementoVigo
Falecemento17 de setembro de 1991
NacionalidadeEspaña
Posicióncentrocampista
Carreira sénior
AnosEquiposAprs(Gls)
1938–1950Deportivo da Coruña268(98)
1950-1953Celta de Vigo27(1)
1951–1952Racing de Ferrol25(5)
1953Cádiz
1955–1956Racing de Tui
Adestrador
1955–1956Racing de Tui
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Xogou en varias posicións, tanto na dianteira, como no centro do campo e a defensa, destacando principalmente como interior dereito. Xogador histórico do Deportivo da Coruña, no que disputou 305 partidos en 12 anos e marcou 100 goles, ocupa na actualidade o quinto lugar na táboa de máximos goleadores da historia do club. En 1941 foi o autor do gol que daba ao equipo o primeiro ascenso da súa historia a Primeira División. Posteriormente pasou polo Celta de Vigo, Racing de Ferrol e Cádiz CF.

Traxectoria

Inicios (1918-1938)

Entre 1933 e 1934 xogou no equipo infantil El Pueblo Gallego SC,[1][2] pasando logo polo Peña Colón[3], Peñasco[4] e Gran Peña.[5][6]

Deportivo da Coruña (1938-1950)

Desapareceu de Vigo despois de ser chamada a filas a súa quinta e reapareceu como dianteiro centro do Deportivo da Coruña en maio de 1938. Debutou nun partido do Campionato de Galicia fronte ao Racing de Ferrol en Riazor, marcando os tres goles do Deportivo (3-3).[7] Pechou o campionato con sete goles en dez partidos.

Tras o remate da Guerra Civil retomouse o campionato de liga, co Deportivo en Segunda División. Guimeráns debutou en dita competición na primeira xornada, marcando o sexto gol do Deportivo na vitoria fronte ao Stadium Avilesino (6-0).[8] Na segunda xornada marcou dous goles máis, e na terceira conseguiu o seu primeiro triplete co Deportivo, na histórica vitoria por 9-0 contra o Salamanca.[9] Marcou 15 goles esa tempada, na que o Deportivo quedou primeiro e xogou a promoción de ascenso a Primeira División, perdendo no partido final contra o Celta de Vigo. Guimeráns foi o máximo goleador do seu grupo de Segunda con 12 goles. Ademais marcou 5 goles na derradeira edición do Campionato de Galicia, na que o Deportivo se proclamou campión.

Na tempada 1940/41 marcou 10 goles na liga regular, na que o Deportivo acabou segundo por detrás da Real Sociedad, e outros dous na segunda fase, onde o Deportivo non conseguiu o ascenso directo, tendo que xogarse a promoción nunha eliminatoria a partido único. O partido disputouse contra o Real Murcia no estadio de Vallecas, e tras rematar 1-1 no tempo regulamentario, Guimeráns marcou na prórroga o gol da vitoria, que lle deu ao Deportivo o seu primeiro ascenso á máxima categoría.[10][11]

Xogou os cinco anos seguintes co Deportivo en Primeira División, sendo titular de xeito habitual e marcando entre 4 e 8 goles por tempada. A partir da campaña 1944/45 o club alternou descensos a 2ª con novos ascensos a 1ª, mantendo Guimeráns números similares, excepto na 1947/48, na que fixo 18 goles en Segunda División. A súa última tempada no club foi a 1949/50, na que o equipo se proclamou subcampión de liga, un punto por debaixo do Atlético de Madrid.

En xuño de 1950, tanto Guimeráns como Waldo Botana obtiveron permiso do Deportivo para xogar co Celta de Vigo o trofeo benéfico "Huérfanos del Mar", fronte ao Palermo e o Torino.[12][13] Dous meses despois confirmouse o seu traspaso definitivo ao Celta, por 250.000 pesetas,[14] abandonando o Deportivo despois de 12 anos e 305 partidos oficiais, nos que marcou 103 goles, sendo no momento da súa marcha o máximo anotador da historia do club.

Celta de Vigo e cesión ao Racing (1950-1953)

O seu debut co Celta produciuse no Estadio de San Mamés, nun partido de liga contra o Athletic que rematou con derrota por 9-4. Marcou o seu primeiro gol como celeste na xornada 23 fronte ao Valladolid. Na tempada 1951-52 foi apartado do equipo debido ao seu mal comportamento e cedido ao Racing de Ferrol, que militaba en Segunda División.[15] Co equipo verde disputou un total de 25 partidos, marcando cinco goles. Ao ano seguinte regresou ao Celta, co que xogou só cinco partidos.

Cádiz e Tui (1953-1956)

En febreiro de 1953 foi traspasado ao Cádiz CF, de Terceira División,[16] que para buscar o ascenso reforzou o seu cadro de xogadores con numerosas incorporacións, entre elas as dos catro irmáns Collar (Enrique, Antonio, Juan de Dios e Pepe).[17]

Na tempada 1955/56 foi adestrador e xogador do Racing de Tui, en Primeira Rexional.[18][19]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas