Arenaria melanocephala

Arenaria melanocephala é unha especie de ave da orde dos caradriformes e familia dos escolopácidos, unha das dúas integradas no xénero Arenaria.

A. melanocephala no inverno en California
A. melanocephala en La Jolla, California.

Taxonomía

Descrición

A especie foi descrita en 1829 polo zoólogo e político irlandés Nicholas Aylward Vigors.[2][3][4]

Etimoloxías

Para a do xénero, ver Arenaria

O epíteto específico, melanocephala, deriva do adxectivo latino melanocephalus, -a, -um, "que ten a cabeza negra".[5][6]

Sinónimo

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polo sinónimo:[2]

  • Strepsilas melanocephalus Vigors, 1829

Hábitat e distribución

Arenaria melanocephala nidifica entre maio e principios de agosto na tundra ártica do oeste de Alasca, desde a península de Alasca no sur até Point Hope no norte. A maior parte da poboación aniña no delta do río Yukon. Adoita aniñar preto da costa, pero nalgunhas zonas atópase máis cara ao interior ao longo das beiras de ríos e lagos. Hai numerosos rexistros do nordeste de Siberia, pero alí non houbo ningún signo de reprodución. Estímase que a poboación mundial é de 95 000 aves, cunhas 80 000 destas no delta do Yukón.

No inverno migra cara ao sur en busca de climas máis benignos, nas costas rochosas pacífica dos Estados Unidos, desde o sur de Alasca chegando polo sur até o noroeste de México, onde se encontra na Baixa California e Sonora, cun único rexistro en estado de Nayarit.

Vese moi ocasionalmente no interior durante a migración de primavera e outono; hai unha serie de rexistros no mar de Salton, no sur de California e avistamentos dispersos en estados do interior dos Estados Unidos, incluíndo Montana, Wisconsin, Nevada e Arizona.[7]

Rexistráronse espécimes divagantes en Yukón e nos Territorios do Noroeste, e hai un rexistro na illa de San Cristóbal, nas illas Galápagos.[8]

Características

Mide entre 22 e 25 cm de lonxitude, e ten unha masa corporal de entre os 100 e os 170 g. O seu corpo é compacto, as patas, e o pescozo son curtos, e este último tamén groso. Seu pico, de 20 a 27 mm de lonxitude, tene unha forma especialmente evolucionada, como a súa conxénere Arenaria interpres para facilitarlle a busca de alimento.

A coloración da súa plumaxe varía coas estacións, sendo máis viva, contrastada, ou colorida na tempada reprodutiva (o verán boreal).

O seu aspecto é tamén rechamante en voo, ao mostrar manchas brancas no dorso, as ás e a cola.

Bioloxía

Arenaria melanocephala aliméntase principalmente de invertebrados, especialmente de crustáceos e moluscos no inverno e de insectos durante a época de cría. Tamén come sementes, ovos e preas. Nos lugares de cría aliméntase principalmente en prados húmidos. No inverno, o seu hábitat típico son as costas rochosas, pero tamén se alimenta nas praias, lameiros e estruturas artificiais como peiraos e diques. Usa o seu pico para virar pedras, algas e outros obxectos para apañar aos pequenos animais escondidos debaixo.

Chega ao seu ciclo de reprodución desde principios de maio até principios de xuño, chegando ao lugar primeiro os machos. Adoitan volver ao mesmo territorio e emparellarse coa mesma parella que anos anteriores. O niño é un oco escavado principalmente polo macho. Adoita estar situado entre xuncas ou herbas, ou baixo salgueiros. Adoitan poñer catro ovos de cor oliváceo ou verdoso pálido con manchas máis escuras. Os ovos son incubados por ambos os pais durante 21-24 días. As aves novas son nidífugas e son capaces de abandonar o niño e alimentarse por si soas pouco despois da eclosión. Son quen de voar ben despois de 25-34 días.

Estado de conservación

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais, tendo en conta que esta especie ten unha área de dostrinución moi grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábel baixo o criterio do tamaño da área de distribución, que a tendencia de poboación parece ser estábel e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábe baixo o criterio de tendencia de poboación , e que o tamaño da poboación é moi grande e, polo tanto, non se aproxima aos limiares de vulnerábe segundo o criterio do tamaño da poboación, avalía o status desta especie como LC (pouco preocupante).[1]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Handel, C. M. & R. E. Gill (2001): "Black Turnstone (Arenaria melanocephala), en "The Birds of North America", Nº 585 (A. Poole & F. Gill, eds.). The Birds of North America, Inc., Philadelphia.
  • Rosair, David & Cottridge, David (1995): Hamlyn Photographic Guide to the Waders of the World. London: Hamlyn.

Outros artigos

Ligazóns externas