Casa Barrié

A casa Barrié é un edificio de vivendas de 1926 deseñado polos arquitectos Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés no Ensanche da Coruña.

Casa Barrié
Fachada do edificio.
Edificio
LocalizaciónLinares Rivas 35-40
15005, A Coruña
Coordenadas43°21′45″N 8°24′20″O / 43.3625, -8.40555555555568°24′20″O / 43.3625, -8.4055555555556
Uso(s)residencial
Construción
Inicio1926
Remate1928
Dimensións
Plantas8
Equipo
Arquitecto(s)Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés
editar datos en Wikidata ]

Historia

A casa Barrié localízase nun soar de 1178 m2 do Ensanche da cidade da Coruña. Era propiedade de Pedro Barrié de la Maza e fora rexeitado como localización da sede do Banco Pastor.[1]

O primeiro proxecto de urbanización da parcela foi presentado en 1916 por Rafael González Villar e Leoncio Bescansa. Tratábase dun edificio cun perfil composto con torres e pináculos influído pola arquitectura de Antonio Palacios e semellante á casa Molina do propio González Villar situado no paseo do Parrote. A altura do edificio atrasou a concesión da licenza e paralizou o proxecto.[1]

O segundo proxecto, de estilo ecléctico con influencia da escola de Chicago, foi deseñado por Leoncio Bescansa e presentouse en 1922. Tras lograr autorización para a construción dun edificio de oito andares, obtivo licenza no mes de xuño. No seu momento anunciouse como un novo rañaceos e o maior edificio da cidade.[1][2] Con todo, durante a construción derrubouse o forxado do primeiro andar, provocando a morte a dous obreiros. A influencia de Pedro Barrié fixo que o suceso apenas tivese publicidade.[3][4]

Finalmente Barrié retiroulle o encargo a Bescansa, ofrecéndollo a Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés, que estaban a traballar na sede do Banco Pastor.[4]

A magnitude da intervención influíu en que outros promotores creasen edificios da mesma tipoloxía como a casa Jesús Fernández, de Pedro Mariño.[5]

Descrición

A casa Barrié está formada por tres bloques que solucionan a forte inclinación da parcela.[6] O edificio é de estilo ecléctico con reminiscencias francesas e dúas cúpulas nas esquinas.[4][7]

A decoración é pouco naturalista e inclúe elementos xeométricos antecedentes do art déco.[8]

A cúpula tivo que ser demolida e reconstruída en 2014 a causa de problemas construtivos.[9]

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Agrasar, Fernando, ed. (2007). Antonio Tenreiro. Obra arquitectónica (en castelán). COAG. ISBN 978-84-96712-08-9. 
  • Martínez Suárez, Xosé Luís; Casabella López, Xan (1989). Catálogo arquitectura. A Coruña 1890-1940. COAG. p. 154-155. ISBN 978-84-85665-09-9. 

Ligazóns externas