David Rochela
David Rochela Calvo, nado nas Pontes o 19 de febreiro de 1990, é un exfutbolista galego que xogaba de defensa central.
David Rochela | |||
---|---|---|---|
![]() | |||
Información persoal | |||
Nome | David Rochela Calvo | ||
Nacemento | 19 de febreiro de 1990 (34 anos) | ||
Lugar de nacemento | As Pontes de García Rodríguez | ||
Altura | 1,82 m. | ||
Posición | Defensa | ||
Carreira xuvenil | |||
1996–2003 | As Pontes | ||
2003–2007 | Deportivo da Coruña | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2007–2011 | Fabril | 89 | (0) |
2010–2013 | Deportivo da Coruña | 9 | (0) |
2012 | → Racing de Santander (cedido) | 12 | (0) |
2013 | → Hapoel Tel Aviv (cedido) | 13 | (0) |
2014–2015 | Buriram United | 37 | (5) |
2015 | → Port (cedido) | 15 | (3) |
2016–2023 | Port | 116+ | (22+) |
Total | 291+ | (30+) | |
Selección nacional | |||
2005 | España sub-16 | 1 | (0) |
2007 | España sub-17 | 15 | (0) |
2008–2009 | España sub-19 | 13 | (1) |
Na rede | |||
![]() ![]() | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Despois de destacar nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña e da selección española, coa que se proclamou campión de Europa sub-17, debutou co primeiro equipo do Deportivo na Primeira División en 2010. Na tempada 2012/13, ante a falta de minutos no club coruñés, saíu cedido ao Racing de Santander e ao Hapoel Tel Aviv, e a continuación desvencellouse do Deportivo para probar sorte no fútbol tailandés.
Pasou primeiro polo Buriram United, co que se proclamou campión da liga tailandesa e da Copa Kor Royal, e co que debutou na Liga de Campións da AFC. En 2015 pasou ao Port FC, converténdose pouco despois no capitán e no buque insignia do club, no que militou durante oito anos ata a súa retirada en 2023. Con Rochela como capitán o Port gañou a Copa da FA en 2019 e rexistrou as primeiras participacións da súa historia na Liga de Campións.
Traxectoria
Comezos e Fabril
Despois de xogar varios anos na canteira do As Pontes, da súa vila natal, entrou en 2003 no equipo infantil do Deportivo da Coruña, con 13 anos. Subiu polas distintas categorías do club, e en abril de 2008 debutou co Fabril da man de Tito Ramallo na Segunda División B, nun partido contra o Fuerteventura, no que caeu lesionado pouco despois de comezar.[1] Na tempada 2008/09 foi titular en case todos os partidos do filial, acompañado na defensa por Diego Seoane, Del Castillo e Juanan. Con todo, o equipo acabou descendendo a Terceira División.
Deportivo da Coruña
Desde finais de 2009 comezou a contar nas convocatorias do primeiro equipo do Deportivo para o adestrador Miguel Ángel Lotina.[2], e en xaneiro de 2010 fixo o seu debut no partido de volta dos cuartos de final da Copa do Rei 2009/10 nun partido contra o Sevilla no Sánchez Pizjuán, onde entrou na segunda parte como substituto de Juca.[3] Tres meses despois debutou na Primeira División, nun encontro fronte o Valencia en Mestalla, no que substituíu no descanso a Piscu.[4]
Esa tempada logrou o ascenso a Segunda B co Fabril, mentres que co primeiro equipo disputou un total de 5 partidos, 3 deles como titular. Na tempada 2010/11 continuou alternando convocatorias do filial e do primeiro equipo, xogando 6 partidos con este último. Na seguinte campaña subiu definitivamente ao primeiro equipo, que con Oltra no banco, logrou o ascenso a Primeira División con récord histórico de puntos.[5]
Cesións ao Racing e o Hapoel
Con todo, xogou só 7 partidos na tempada do ascenso, e na 2012–13 marchou cedido ao Racing de Santander, de Segunda División.[6] No equipo cántabro conseguiu máis regularidade, disputando 14 partidos ata xaneiro, 13 deles como titular. O 30 de xaneiro de 2013 anunciouse que deixaba o club de Santander, para marchar cedido ao Hapoel Tel Aviv israelí até o final da tempada.[7]
Buriram
En setembro de 2013 rescindiu o seu contrato co Deportivo para fichar polo Buriram United, de Tailandia, onde coincidiu co tamén galego Andrés Túñez.[8] Titular indiscutible no equipo, disputou un total de 45 partidos durante a tempada, 6 deles na Liga de Campións da AFC, competición na que debutou nun partido contra o Shandong Taishan no Estadio Olímpico de Jinan.[9] En febreiro de 2014 proclamouse campión da Copa Kor Royal e en novembro un gol seu deulle o título de liga ao seu equipo.[10]
Port
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/05/David_Rochela_20180304_01.jpg/220px-David_Rochela_20180304_01.jpg)
En 2015 deixou Buriram para saír cedido ao Port FC, club ao que se incorporou en propiedade pouco despois. Capitán dende 2016, converteuse no buque insignia do club de Bangkok durante os seguintes anos.[11] Aínda que viviu un descenso á segunda división na súa primeira tempada, o equipo recuperou inmediatamente despois a categoría e conseguiu os mellores resultados da súa historia nas seguintes campañas.[12] No 2019 Rochela capitaneou o equipo ata a final da Copa da FA, onde se enfrontaron ao Ratchaburi Mitr Phol, e acabou levantando o trofeo, grazas a un solitario gol do canario Sergio Suárez.[13]
Ese mesmo ano o club acabou terceiro na liga e logrou clasificarse por primeira vez na súa historia para a fase previa da Liga de Campións da AFC, aínda que finalmente non conseguiu entrar na competición, ao perder co Ceres-Negros filipino. Si o conseguiu na tempada seguinte na que acabou de novo na terceira posición. O primeiro partido de Rochela co Port na competición continental foi o 24 de xuño de 2021, contra o Kitchee do coruñés Dani Cancela, encontro que rematou con vitoria por 2-0 para o club de Hong Kong.[14] Unhas semanas despois marcou o seu único gol continental, nunha histórica goleada por 1-5 sobre o poderoso Guangzhou chinés adestrado por Fabio Cannavaro.[15]
En maio de 2023 anunciou a súa retirada do fútbol, despois de oito anos no Port.[16]
Selección española
Foi internacional coas categorías inferiores da selección española. No 2007, e compartindo selección con David de Gea, Iago Falque ou Bojan Krkić entre outros, proclamouse campión de Europa sub-17 no torneo disputado en Bélxica, despois de derrotar na final a Inglaterra.[17]
,
Palmarés
- Fabril
- Terceira División (1): 2009/10.
- Deportivo
- Segunda División (1): 2011/12.
- Buriram United
- Liga tailandesa (1): 2014.
- Copa Kor Royal (1): 2014.
- Port
- Copa FA de Tailandia (1): 2019.
- Selección española
- Campionato europeo da UEFA Sub-17 (1): 2007.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).
- Datos do xogador en Transfermarkt (en inglés).