Filamento intermedio

Os filamentos intermedios son compoñentes do citoesqueleto, formados por agrupacións de proteínas fibrosas. O seu nome deriva do seu diámetro, de 10 nm, menor có dos microtúbulos, de 24 nm, pero maior có dos microfilamentos, de 7 nm. Aparecen nas células de vertebrados e de moitos invertebrados [1][2][3] e non existen en plantas nin en fungos.

Dous desmosomas amosando uns conspicuos filamentos intermedios

Estrutura

Compóñense de proteínas en hélice alfa, que se agrupan de forma xerárquica para dar lugar aos filamentos intermedios:

  • Dúas proteínas asócianse de forma paralela, é dicir, cos extremos amínico e carboxílico cara ao mesmo lado.
  • Dous dímeros asócianse de forma antiparalela para dar un tetrámero.
  • Os tetrámeros asócianse cabeza con cola para dar longas fibras, que, ademais, se asocian lateralmente para dar:
  • O filamento intermedio, que asemella a unha corda formada polas fibras de tetrámeros unidos cabeza con cola.

A unidade funcional que se considera precursora, pola súa elevada estabilidade no citosol, é o tetrámero.

Tipos de proteínas dos filamentos intermedios

  1. Laminas nucleares, que se sitúan baixo a envoltura nuclear formando a lámina nuclear
  2. Queratinas, fundamentais en tecidos epiteliais
  3. Vimentinas e desminas, en células musculares e en fibroblastos
  4. Neurofilamentos, en neuronas
  5. Recentemente, descubriuse un quinto tipo de filamentos intermedios, presentes nas células nai, constituídos por proteína nestina.

A súa agregación é homo ou heteropolimérica segundo o tipo de proteína: por exemplo, as queratinas son heteropoliméricas e están constituídas por queratinas ácidas e básicas en relación 1:1.

Función dos filamentos intermedios

A súa función principal é darlle rixidez á célula. A función depende da composición e a localización dos filamentos. As láminas nucleares ademais de lle dar rixidez ó núcleo participan na regulación de transcrición. Outros membros, as queratinas, participan nalgunhas unións celulares (desmosomas).

Irregularidades na expresión xenética das proteínas dos filamentos intermedios causan fraxilidade e distrofias celulares (como é o caso de certas cardiomiopatías).

Estabilidade

Os filamentos intermedios, a diferenza da actina F ou os microtúbulos, son moi estables. Para a súa dinámica requírese a fosforilación e defosforilación dos seus compoñentes por medio de cinases e fosfatases, respectivamente.

Relación con outros elementos do citoesqueleto

Existen proteínas asociadas a filamentos intermedios que establecen enlaces cruzados con microtúbulos e actina.

Notas

🔥 Top keywords: