Internet das cousas

Internet das cousas (inglés: Internet of things, abreviado IoT) é un concepto que se refire á interconexión dixital de obxectos cotiáns con Internet.[1][2][3]

Descrición gráfica do mundo interconectado.

Concepto

O concepto Internet das cousas foi proposto por Kevin Ashton no Auto-ID Center do MIT en 1999,[4] onde se realizaban investigacións no campo da identificación por radiofrecuencia en rede (RFID) e tecnoloxías de sensores.[5]

Por exemplo, se os libros, termostatos, neveiras, paquetería, lámpadas, caixas de urxencias ou partes automotrices, entre outros, estivesen conectados a Internet e equipados con dispositivos de identificación, non existirían, en teoría, artigos fóra do inventario ou medicinas caducadas; saberíase exactamente a localización e como se consomen no mundo; desaparecerían as perdas e saberíase se están acesos ou apagados en todo momento.[6][7]

A Internet das cousas debería codificar de 50 a 100 billóns de obxectos e seguir o seu movemento, xa que se calcula que todo ser humano está rodeado de entre 1000 e 5000 obxectos.[8][9] Segundo a empresa Gartner, en 2020[10] haberá no mundo aproximadamente 26 000 millóns de dispositivos cun sistema de conexión á Internet das cousas.[11] Abi Research, por outra banda, asegura que para ese ano existirán 30 000 millóns de dispositivos sen fíos conectados a Internet.[12] Coa próxima xeración de aplicacións de Internet (protocolo IPv6), poderíanse identificar todos os obxectos, o que non era posible con IPv4. Este sistema sería capaz de identificar instantaneamente calquera tipo de obxecto por medio dun código.[13] O valor do mercado está proxectado en 80 mil millóns de dólares.[14]

A empresa estadounidense Cisco, que está detrás da iniciativa da Internet das cousas, creou un "contador de conexións" sen fíos que lle permite estimar o número de cousas conectadas dende xullo de 2013 ata 2020.[15] O concepto de que os dispositivos se conectan á rede a través de sinais de radio de baixa potencia é o campo de estudo máis activo da Internet das cousas. A explicación reside en que os sinais deste tipo non precisan Wi-Fi nin Bluetooth. Non obstante, estanse a investigar distintas alternativas que precisan menos enerxía e que resultan máis económicas baixo o nome de "Chirp Networks".[16]

A expresión Internet da cousas adoita empregarse cunha denotación de conexión avanzada de dispositivos, sistemas e servizos que vai alén do tradicional M2M (máquina a máquina) e cobre unha ampla variedade de protocolos, dominios e aplicacións.[17] O servizo touchatag de Alcatel-Lucent e o gadget Violeta Mirror poden proporcionarlles un enfoque de orientación pragmática aos consumidores da Internet das cousas, polo que calquera pode ligar elementos do mundo real ao mundo en liña mediante as etiquetas RFID (e códigos QR no caso de touchatag).

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Waldner, Jean-Baptiste (2007). Inventer l'Ordinateur du XXIeme Siècle. Londres: Hermes Science. pp. p254. ISBN 2746215160. 
  • Waldner, Jean-Baptiste (2008). Nanocomputers and Swarm Intelligence. Londres: ISTE. pp. p227–p231. ISBN 1847040020. 

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: