Jacob Zuma
Jacob Gedleyihlekisa Zuma, nado en Inkandla, KwaZulu-Natal, o 12 de abril de 1942, é un político surafricano que exerceu como o cuarto Presidente da República de Suráfrica.[1] Foi tamén presidente do Congreso Nacional Africano (ANC), partido político no poder na República de Suráfrica, elixido pola Conferencia Nacional o 18 de decembro de 2007, posto que mantivo até decembro de 2017.[2] Zuma foi vicepresidente da República de 1999 a 2005. O 14 de febreiro de 2018 renunciou ao seu cargo como presidente.[3]
Biografía
Mocidade
Zuma naceu en Zululandia (parte actualmente de KwaZulu-Natal). O seu pai era policía, e morreu sendo Zuma aínda un neno. O seu isibongo (nome de clan) é Zuma, e é chamado de maneira afectiva Msholozi. Frecuentou a escola apenas por algúns anos, e non recibiu ningunha educación formal despois da educación primaria. Na súa mocidade a súa familia instalouse nos suburbios de Durban, na rexión de Umkhumbane (Chesterville).
Prisión e exilio
Zuma uniuse ao Congreso Nacional Africano (ANC) en 1959. Converteuse nun dos líderes do Umkhonto we Sizwe en 1962. En 1963, uniuse ao Partido Comunista Surafricano (SACP).[4] O mesmo ano foi detido e acusado de conspirar para derrubar o goberno, sendo condenado a dez anos de prisión, que pasou en Robben Island, con Nelson Mandela e outros líderes do ANC.
Exiliouse en 1975, establecéndose primeiro en Suazilandia, e despois en Mozambique. Converteuse en membro do Comité Executivo Nacional do ANC en 1977, desempeñándose tamén como representante do ANC en Mozambique, cargo que ocupou até a firma do Acordo de Nkomati.
Zuma foi obrigado a abandonar Mozambique en xaneiro de 1987, trasladándose ao cuartel xeral do ANC, entón en Lusaka (Zambia). Foi elixido para formar parte do politburó do partido en abril de 1989.[5] O seu período no cargo é aínda motivo dunha considerable controversia.[4]
Retorno do exilio
Tras a legalización do ANC, en febreiro de 1990, Zuma foi un dos primeiros líderes do partido en regresar ao país e iniciar o proceso de negociacións.
En 1990 foi elixido Director do ANC para a rexión de Natal, e asumiu un papel destacado na loita contra a violencia política na rexión, entre membros do ANC e do Inkatha (Inkatha Freedom Party, "Partido Inkatha da Liberdad", IFP). Foi elixido vice-secretario xeral do ANC ese mesmo ano, e en xaneiro de 1994 foi designado candidato do partido por KwaZulu-Natal.
Ascenso
Despois das eleccións xerais de 1994, foi designado como Membro do Comité Executivo (MEC) de Asuntos Económicos e Turismo do goberno provincial de KwaZulu-Natal. En decembro do mesmo ano, foi elixido líder nacional do ANC, e líder executivo do ANC en KwaZulu-Natal, sendo reelixido en 1996. Foi elixido vicepresidente do ANC na Conferencia Nacional realizada en Mafikeng, en decembro de 1997, e foi designado vicepresidente do país en xuño de 1999.
O presidente Thabo Mbeki retirou a Zuma das súas funcións como vicepresidente o 14 de xullo de 2005, debido ás acusacións de corrupción ligadas ao Acordo de Armas de Suráfrica, realizado en 1999.[6]
Presidencia do CNA
Tras unha serie de conferencias do partido entre outubro e novembro de 2007, Zuma perfilouse como favorito para o cargo de presidente do partido, sendo oficialmente elixido para o posto o 18 de decembro de 2007, por 2.329 votos, derrotando os 1.505 votos de Thabo Mbeki.[7][8][9] Poucos días máis tarde, o 28 de decembro, estalaron varias acusacións contra Zuma de branqueo de diñeiro, corrupción política e fraude.[10]
En setembro de 2008 o CNA retirou a Thabo Mbeki da presidencia do país, e colocou o vicepresidente, Kgalema Motlanthe, como presidente-interino até as eleccións xerais de 2009, cando Zuma se converteu no novo presidente do país.[11][12]
Polémicas
Zuma viuse envolto en varios casos coa xustiza surafricana. Foi acusado de abusos sexuais en 2005, pero foi absolto. Ademais, tivo que enfrontar unha importante batalla legal debido a numerosas alegacións de corrupción e crime organizado derivadas da condena do seu asesor fiscal, Schabir Shaik, por delitos de corrupción e fraude. O 6 de abril de 2009, a Fiscalía Nacional surafricana decidiu retirar os cargos, alegando interferencias na vida política do país.
Jacob Zuma, quen estivo casado seis veces, practica abertamente a poligamia. En 2012 o Daily Telegraph estimou en 20 o número de fillos do presidente surafricano.[Cómpre referencia]
Zuma foi de maneira repetida acusado de conivencia co clan familiar e económico dos Gupta, de orixe hindú.[13]
En setembro de 2021, o Tribunal Constitucional surafricano rexeitou con mordaz a petición do expresidente Jacob Zuma para reverter a súa sentenza que o condenaba a 15 meses de prisión por desprezo da xustiza.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Biografía de Jacob Zuma polo CIDOB (en castelán)
- El inquietante enigma de Jacob Zuma, El País, 30 de decembro de 2007 (en castelán)
- La poligamia del presidente sudafricano Jacob Zuma le cuesta al país más de dos millones de dólares al año, El Mundo, 16 de marzo de 2010 (en castelán)
Predecesor: Thabo Mbeki | Vicepresidente da República de Suráfrica 1999 – 2005 | Sucesor: Phumzile Mlambo-Ngcuka |
Predecesor: Thabo Mbeki | Presidente do Congreso Nacional Africano 2007 – 2017 | Sucesor: Cyril Ramaphosa |
Predecesor: Kgalema Motlanthe | Presidente da República de Suráfrica 2009 – 2018 | Sucesor: Cyril Ramaphosa |