Kremlin de Moscova

O Kremlin de Moscova (ruso: Московский Кремль, transliterado: Moskovskiy Kreml') é un conxunto de edificios civís e relixiosos situado no centro da cidade de Moscova, na beira do río Moscova que pasa polo sur, da Praza Vermella no leste e do Xardín de Alexandre no oeste.

Kremlin de Moscova
parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade e patrimônio cultural nacional russo
ConcelloMoscova
ProvinciaMoscova
Comunidade
autónoma
Rexión de Moscova
Coordenadas55°45′06″N 37°37′04″L / 55.751666666667, 37.61777777777837°37′04″L / 55.751666666667, 37.617777777778
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalmestura (orixe: século XII-séculos XV e XVII)
Estilo actualmestura, elementos
Estado actualRestaurado. Visitábel
Véxase tamén
Castelos de Rusia
editar datos en Wikidata ]
O Kremlin e a Praza Vermella de Moscova
Vista aérea do Kremlin
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísRusia Rusia
TipoCultural
CriteriosI, II, IV, VI
Inscrición1990 (14ª sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador545
Os diques do Kremlin no solpor.

O máis coñecido dos kremlins rusos e inclúe catro palacios e catro catedrais, agrupados no interior dun recinto delimitado pola muralla do Kremlin, que inclúe as torres do Kremlin. O seu nome transformouse dende a época da Unión Soviética en sinónimo do goberno de Rusia, de xeito semellante a coma ocorre coa Casa Branca para o goberno dos Estados Unidos de América.

Historia

Nos séculos XI e XII era un poboamento eslavo, cunha pequena cidadela, a morada fortificada do boiardo da localidade Kuchka. Na antigüidade a palabra "kreml" úsabase para denominar a parte amurallada no centro dunha vila. En 1147 fíxose mención de Moscova por vez primeira, polo 1156 escavouse un foso e erixiuse unha muralla de terra. Para finais do século XII construíuse un forte amurallado arredor da colonia de mercadores e artesáns que se congregaban en Moscova coma nun refuxio. Daquela, toda Moscova ocupaba unha terceira parte da área do actual Kremlin. En 1238 a cidade púxose ás hordas mongois e no século XIII, mentres o país se recuperaba da devastación feita polos tártaros e os mongois, Moscova gañaba prominencia.

A comezos do século XIV Moscova acada a posición de capital do principado. No Kremlin constrúese unha fortaleza de pedra branca e pasa por un período de reconstrucións radicais:

  • Érguese unha nova e sólida muralla arredor da fortaleza dun perímetro de máis de 1.600 metros e se escava un foso cara ao leste, fronte a chaira (1339-1340).
  • O Kremlin convértese na residencia do príncipe e mais da familia real de Moscova.
  • Construíronse as catedrais de pedra branca na parte sur do outeiro do Kremlin: a catedral da Asunción (1326), a Igrexa de Noso Salvador (1330), a Catedral do Arcanxo San Miguel (1333), e no centro do Kremlin foi levantada unha atalaia, coñecida como a torre do campanario do Santo Iván (1329).

De 1344 a 1346 decoráronse todas as igrexas con frescos e iconas. Baixo as ordes do príncipe Dmitri Donskoi ergueuse a xigantesca fortaleza de pedra branca con nove torres. A construción rematou en dous anos. A finais do século XV o Kremlin converteuse no centro da cultura rusa. O principado converteuse no Moscovia. Os douscentos anos de loita para unificar a Rusia culminaron co nacemento do estado centralizado máis grande de Europa. Durante os séculos XV e XVII construíronse os monumentos arquitectónicos que se conservan até os nosos días. A construción transformou o Kremlin, dándolle unha imaxe senlleira e tan común a todo o mundo:

  • 2,25 quilómetros de muralla ameada e 19 grandes torres, arrodeados por un foso e polo río Neglínnaya, cuxo nivel de auga foi elevado por medio de diques (1485-1495).
  • A Catedral da Asunción (1475-1479), construída por Aristótele Fioravanti, converteuse na catedral central do estado ruso.
  • A Igrexa da Deposición do Manto da Virxe (Conmemoración da festa da Imposición)
  • A Catedral da Anunciación (1485-1489).
  • A Catedral do Arcanxo Miguel (1505-1508) construída por Alevíz Novy.
  • O cemiterio dos príncipes e tsares de Moscova etc.

No século XVII os vellos edificios do Kremlin modifícanse e sométense a unha restauración xeral. Durante as varias invasións a Rusia (1605-1618), enfraquecida polo chamado Tempo de Dificultades, as tropas da Mancomunidade de Polonia-Lituania tomaron Moscova e mailo Kremlin do 27 de setembro de 1610 ao 4 de novembro de 1612, até que foron expulsados polo alzamento patriótico de Rusia.De 1635 a 1656 constrúense as Cámaras do Patriarca e a pequena Igrexa dos Doce Apóstolos. O incendio de 1710 destruíu todos os edificios de madeira da parte noroeste do Kremlin.

En 1713, Moscova cede o sitio á nova capital, San Petersburgo, e o Kremlin pasa a ser residencia temporal da corte tsarista. De 1776 a 1788 ergueuse o Senado. En 1812, as forzas de Napoleón ocuparon o Kremlin. Entre 1815 e 1835 realízanse obras de restauración cos mellores arquitectos da época: O. Bové, K. Rossi e D. Gilardi. De 1838 a 1850 construíuse o Gran Palacio do Kremlin e de 1844 a 1851 ergueuse no outeiro do Kremlin la Armaría.

Logo da Gran Revolución de outubro de 1917, Moscova volveu ser a capital. En marzo de 1918 o goberno soviético trasladouse dende Petrogrado a Moscova e ocupou o Kremlin. O Kremlin fechouse aos visitantes. Os vellos mosteiros (Chúdov e da Ascensión) foron demolidos e substituídos por un edificio do goberno (1932—1934). En 1935 a aguia bicéfala foi retirada das torres do Kremlin para se substituír en 1937 polas estrelas de rubís (dimensión:3-3,75 metros).

De 1946 a 1958 restauráronse as catedrais, pazos e outros monumentos arquitectónicos do Kremlin. En 1961 construíuse o Palacio de Congresos.

Desde 1955 o Kremlin fica aberto ao público e en 1990 inclúese na listaxe de Patrimonio Mundial da Unesco.

En 1991 foi fundado o Museo Estatal de Historia e Cultura do Kremlin. Consta da Armaría, a Catedral da Asunción, a Catedral do Arcanxo Miguel, a Catedral da Anunciación,o Museo das Artes Aplicadas e Uso Corrente de Rusia do século XVII, o conxunto do Campanario de Iván o Grande e outros monumentos arquitectónicos.

No complexo arquitectónico atópanse tres edificios que son usados como residencias oficiais do presidente da Federación Rusa: o Palacio do Senado, o Gran Palacio do Kremlin e maila Escola Militar ou edificio nº 14.

Arquitectura do Kremlin

  • Catedral da Asunción (Uspenski)
  • Catedral do Arcanxo Miguel (Arjánguelski)
  • Catedral da Anunciación (Blagovéschenski)
  • Igrexa dos Doce Apóstolos
  • Cámaras do Patriarca
  • Campanario de Iván o Grande (Iván III de Rusia)
  • Igrexa da Deposición do Manto da Virxe

A Praza das Catedrais é o corazón do Kremilin. Áchase arrodeada de seis edificios, incluíndo as tres catedrais:

  • A Catedral da Dormición foi finalizada en 1479 e converteuse na principal sé de Moscova, ademais de ser o lugar onde todos os tsares foron coroados. A gran fachada feita en pedra calcaria, coroada por cinco cúpulas douradas, foi deseñada por Aristótele Fioravanti.
  • En 1489, só un ano despois, foi construída a Catedral da Anunciación, coroada por tres cúpulas douradas, porén un século máis tarde sería remodelada, engadíndoselle seis cúpulas máis para facer un total de nove.
  • No sueste da praza atópase a maior catedral das tres existentes, a Catedral do Arcanxo Miguel (1508), onde todos os monarcas moscovitas dende Ivan Kalita até Ivan V están enterrados.

Hai, ademais, dúas igrexas pertencentes aos Patriarcas Metropolitanos de Moscova:

  • A Catedral dos Doce Apóstolos (1653-56)
  • A Igrexa da Deposición do Manto, construída por artesáns de Pskov entre os anos 1484-88 e adornada con frescos e iconas entre 1627 e 1644.

A outra grande estrutura é o Campanario de Iván o Grande, na esquina nordés da praza, o cal marca o centro exacto de Moscova e conta cunha lapa eterna sempre acesa. Completado en 1600, ten unha altura de 81 metros. Até a Revolución Rusa, era a estrutura máis alta da cidade, xa que estaba prohibida a construción de edificios cunha altura superior á do campanario. Conta con 21 campás dispostas para soar a alarma en caso dun ataque inimigo.

Igrexa dos Doce Apóstolos

A estrutura non relixiosa máis antiga do Kremlin é o Palacio das Facetas (1491), o cal contén os tronos imperiais rusos. Foi mandado construír por Iván III (o Grande). O seguinte por orde de antigüidade é o que fora o primeiro fogar da familia imperial rusa, o Palacio dos Terems. O palacio orixinal foi construído en época de Iván III, mais a maior parte do mesmo data do século XVII. O Palacio dos Terems e mailo Palacio das Facetas están ligados grazas ao Gran Palacio do Kremlin. Este foi mandado construír por Nicolao I en 1838. É a meirande estrutura do Kremlin, custou a suma de 11 millóns de rublos para a súa construción e máis dun billón de dólares para a súa renovación na década de 1990. Contén ademais do apartamento privado do tsar, o andar inferior da igrexa da Resurrección de Lázaro (1393), que é a estrutura existente máis antiga do Kremlin e de toda Moscova.

A esquina nordés da praza áchase ocupada polo Arsenal, que foi construído en época de Pedro o Grande en 1701.

A sección noroeste conta coa Armaría do Kremlin. Construída en 1851 a estilo do Neorrenacemento, sendo actualmente un museo.

Edificios administrativos e museos do Kremlin

  • Palacio do Senado
  • Arsenal do Kremlin
  • Armaría do Kremlin
  • Gran Palacio do Kremlin
  • Palacio das Facetas
  • Palacio dos Terems
  • Palacio Poteshny
  • Palacio Estatal do Kremlin

Monumentos

Política

A verba Kremlin adóitase empregar para se referir ao goberno da Unión Soviética (1922-1991) e aos seus membros de maior rango (como xenerais, secretarios, xefes de estado, presidentes, ministros e membros do comisionado). Do mesmo xeito que Downing Street refírese ao goberno inglés, o Eliseo ao goberno francés, a Moncloa ao goberno de España, La Moneda ao goberno de Chile ou a Casa Branca fai referencia ao goberno dos Estados Unidos. Até certo punto Kremlin séguese a empregar para se referir á política de Rusia. Kremlinoloxía refírese ao estudo da política Soviética.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: