Marjan Šarec
Marjan Šarec, nado o 2 de decembro de 1977, é un político, actor e cómico esloveno que exerce como o 9º e actual primeiro ministro de Eslovenia.
Comezou a súa carreira como cómico, entrando despois na política. Foi elixido dúas veces alcalde de Kamnik, participou nas eleccións presidenciais de 2017 (perdendo fronte a Borut Pahor en segunda volta) e entrou na Asemblea Nacional nas eleccións xerais en 2018 co seu partido Lista de Marjan Šarec. O 17 de agosto de 2018 converteuse en primeiro ministro de Eslovenia.[1]
Traxectoria
Despois de rematar o bacharelato en 1996, Šarec graduouse como actor na Academia de Teatro, Radio, Cine e Televisión de Liubliana no 2001. Nos anos seguintes participou activamente na televisión nacional eslovena, aparecendo no programa de radio Radio Ga-Ga e no programa de televisión Hri-bar. Traballaba principalmente como humorista satírico sobre temas políticos. Durante este tempo, fíxose famoso o seu personaxe Ivan Serpentinšek, un malhumorado habitante rural da Alta Carniola.[2] Tamén realizou imitacións de persoas famosas, entre elas o expresidente de Eslovenia Janez Drnovšek, Karel Erjavec, Osama bin Laden, Fidel Castro, Anton Rop, Jelko Kacin, Janez Janša, Andrej Bajuk e outros. [3] [4] Tamén traballou como xornalista e editor.
Carreira política
Política local
Tras as eleccións locais de 2010, Šarec ocupou o cargo de alcalde de Kamnik, un concello do norte de Eslovenia. Despois de rematar segundo na primeira rolda, gañou a segunda volta.[3] Tras ser membro do partido en Eslovenia Positiva de Zoran Janković, Šarec entrou nas eleccións locais de 2014 coa súa propia lista política e foi reelixido na primeira volta con case dous terzos dos votos. Tras converterse en cargo electo, Šarec abandonou os seus personaxes e comprometeuse plenamente ao traballo de alcalde.[5]
Campaña presidencial
En maio de 2017, Šarec anunciou que se presentaría ás próximas eleccións presidenciais, que terán lugar o 22 de outubro. A pesar de que os medios lle recordaban a súa carreira como actor, Šarec afirmou ir completamente en serio coa candidatura, xa que "a función do presidente debería ser tratada como seria".[3] Criticando ao presidente Borut Pahor por tratar as funcións presidencial como se fose unha celebridade, Šarec foi visto como un candidato potencialmente forte, que podía atraer á xeración máis nova de electores e votantes inclinándose cara ao lado esquerdo do espectro político.[6] Na primeira volta das eleccións, Šarec gañou o 25% dos votos, o que implicou ir a unha segunda volta contra Pahor o 12 de novembro, na que perdeu por pouco.[7] [8]
Primeiro ministro de Eslovenia
En xuño de 2018, Šarec presentouse ás eleccións parlamentarias co partido Lista de Marjan Šarec. O partido gañou o 12,6% dos votos, obtendo 13 deputados.[9] Deste xeito o LMŠ converteuse no segundo maior partido da Asemblea Nacional. O 17 de agosto de 2018, foi elixido novo primeiro ministro de Eslovenia.[1][10]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
- Sitio web oficial do primeiro ministro (en esloveno).