Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos

O Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos é un tratado multilateral, adoptado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas mediante a Resolución 2200A (XXI), de 16 de decembro de 1966. Entrou en vigor o 23 de marzo de 1976.

Foi adoptado ao mesmo tempo que o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e faise referencia a ambos co nome de Pactos Internacionais de Dereitos Humanos ou Pactos de Nova York. Á súa vez, estes, xunto coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, comprenden o que algúns chamaron Carta Internacional de Dereitos Humanos.

Estrutura

O Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos comprende un Preámbulo e seis partes:

  • Parte I (artigo 1). Dereito de libre determinación dos pobos.
  • Parte II (artigos 2 a 5). Disposicións transversais sobre o alcance dos dereitos humanos e as obrigacións dos Estados.
  • Parte III (artigos 6 a 27). Dereitos recoñecidos.
  • Parte IV (artigos 28 a 45). Creación do Comité de Dereitos Humanos.
  • Parte V (artigos 46 e 47). Cláusulas interpretativas.
  • Parte VI (artigos 48 a 53). Disposicións xerais.

Dereitos recoñecidos

En virtude do artigo 2, os Estados partes no Pacto asumen a obrigación, respecto de toda persoa no seu territorio ou baixo a súa xurisdición, de respectar e garantir os dereitos humanos recoñecidos. Isto implica que deben absterse de violar estes dereitos ("respectar"), pero tamén adoptar medidas positivas para que os dereitos sexan efectivos ("garantir"). De acordo co artigo 3, deben pór a disposición de toda persoa vítima dunha violación un recurso imparcial e efectivo para a súa defensa.

Os dereitos deben garantirse "sen distinción ningunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou doutra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacenza ou calquera outra condición social".

Os dereitos só son susceptíbeis de restrición por lei e nos casos en que así se indique. Ademais, algúns dereitos poden suspenderse en situacións excepcionais por un período limitado, debéndose informar diso aos Estados partes no Pacto a través do Secretario Xeral de Nacións Unidas.

O artigo 5, por outra banda, prohibe o abuso do dereito, así como a restrición dun dereito por estar recollido cun alcance menor no Pacto que no Dereito interno.

A seguinte táboa recolle os dereitos plasmados en cada artigo do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, así como cales son susceptíbeis de limitación ou suspensión.

ArtigoDereito recoñecidoLimitaciónSuspensión
Art. 6 e Protocolo segundoDereito á vida e limitacións á pena de morteNonNon
Art. 7Prohibición da tortura e penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantesNonNon
Art. 8Prohibición da escravitude, a servidume e os traballos forzadosNonSó 8.3
Arts. 9 e 10Dereito á liberdade e a seguridade. Garantías para detidos e presosNonSi
Art. 11Prohibición de prisión por débedasNonNon
Art. 12Liberdade de circulaciónSiSi
Art. 13Garantías na expulsión de estranxeirosNonSi
Art. 14Garantías xudiciaisNonSi
Art. 15Principio de legalidade penal e irretroactividade das normasNonNon
Art. 16Dereito á personalidade xurídicaNonNon
Art. 17Dereito á vida privada e de familiaNonSi
Art. 18Liberdade de pensamento, conciencia e relixiónSó 18.3Non
Art. 19Liberdade de expresiónSiSi
Art. 20Prohibición da propaganda en favor da guerraNonSi
Art. 21Dereito de reuniónSiSi
Art. 22Dereito de asociaciónSiSi
Art. 23Dereito a contraer matrimonioNonSi
Art. 24Dereitos do neno a unha protección específica, ao nome e á nacionalidadeNonSi
Art. 25Dereitos de participación políticaNonSi
Art. 26Igualdade ante a lei e prohibición da discriminaciónNonSi
Art. 27Dereito das minorías a preservar a súa cultura, relixión e idiomaNonSi

O Comité de Dereitos Humanos

Artigo principal: Comité de Dereitos Humanos.

O Comité é un órgano convencional formado por 18 expertos independentes elixidos por un período de catro anos. A súa finalidade é controlar o cumprimento do Pacto polos Estados, a través dos seguintes mecanismos:

  • Un sistema de informes periódicos.
  • Reclamacións interestatais, polas que o Comité estuda unha a unha as alegacións dun Estado sobre o incumprimento doutro.
  • Queixas individuais, polas que persoas que se consideran vítimas de violacións de dereitos poden alegalo ante o Comité.

A presentación de informes periódicos é obrigatoria para os Estados partes no Pacto, pero a aceptación dos sistemas de reclamacións interestatais ou queixas individuais é voluntaria.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Carrillo Salcedo, J.A. (2001). Soberanía de los Estados y Derechos Humanos en Derecho internacional contemporáneo. Madrid: Tecnos. 

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: