Pokémon Red e Blue

videoxogo de 1998

Pokémon Red Version e Pokémon Blue Version son dous videoxogos de rol desenvolvidos por Game Freak e publicados por Nintendo para a consola Game Boy. Son os primeiros títulos da serie de videoxogos Pokémon. Foron estreados orixinalmente no Xapón en 1996 como Pocket Monsters: Red[1] e Pocket Monsters: Green,[2] con Pocket Monsters: Blue[3] sendo estreado ese mesmo ano como unha edición especial. Foron estreados como Red e Blue en América do Norte e Australia en 1998, e en Europa en 1999.

Pokémon Red e Pokémon Blue
Logo da franquía.
Desenvolvedor(es)Game Freak
Distribuidora(s)Nintendo
Director(es)Satoshi Tajiri
Produtor(es)Shigeru Miyamoto
Takashi Kawaguchi
Tsunekazu Ishihara
Deseñador(es)Satoshi Tajiri
Artista(s)Ken Sugimori
Atsuko Nishida
Compositor(es)Junichi Masuda
Lanzamento
  • Pocket Monsters: Red e Green
  • 27 de febreiro de 1996
  • Pocket Monsters: Blue
  • 15 de outubro de 1996 (CoroCoro Comic)
  • 10 de outubro de 1999 (retallista)
  • Pokémon Red e Blue
  • América do Norte: 28 de setembro de 1998
    Australia 1998
    Unión Europea: 5 de outubro de 1999
XéneroVideoxogo de rol
Modos de xogoUn xogador
Multixogador
Clasificación PEGI
USK
Plataforma(s)Game Boy (SGB)
SeriePokémon
Na rede
https://www.pokemon.com/us/pokemon-video-games/pokemon-red-version-and-pokemon-blue-version/
IMDB: tt0236617 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Pokémon Yellow, unha edición especial, foi estreada no Xapón en 1998, e noutras rexións en 1999 e 2000. Red e Green foron refeitos para a Game Boy Advance como Pokémon FireRed e LeafGreen, estreados no 2004. Red, Blue e Yellow, así como Green no Xapón, foron relanzados para a consola Nintendo 3DS Virtual Console en 2016 para conmemorar o vixésimo aniversario da franquía.

O xogador controla ó protagonista dende unha perspectiva aérea e percorre a rexión ficticia de Kanto para combater outros adestradores de Pokémon. O obxectivo principal do xogo é converterse no campión da Indigo League derrotando oito líderes de ximnasios, así como os catro mellores adestradores Pokémon da rexión, os Elite 4. Outro obxectivo é completar a Pokédex, unha enciclopedia que se atopa dentro do xogo, mediante a captura das 151 especies Pokémon dispoñibles. Red e Blue permiten empregar o Game Link Cable para conectar dúas consolas e intercambiar Pokémon ou combater entre os xogadores. Ámbolos títulos son independentes un do outro, mais os dous presentan o mesmo argumento,[4] e aínda que poden ser xogados de forma separada, é preciso que os xogadores intercambien entre si diferentes criaturas para poder ter os 151 Pokémons orixinais.

Red e Blue recibiron, en xeral, críticas positivas; eloxiouse a opción multixogador, en especial o concepto de intercambio. Ambos títulos obtiveron unha puntuación global de 89% por parte de GameRankings. Asemade atópanse nunha posición importante en diferentes listas de estilo top; o sitio web IGN realizou unha serie de artigos a teor dos dous títulos a partir de 2003, e en todos eles figuran entre «Os 100 mellores xogos de tódolos tempos». O lanzamento de ambos xogos marcou o comezo do que se convertería nunha franquía que vendeu máis de 300 millóns de copias arredor de todo o mundo, polo que foron incluídos en 2009 dentro do Libro Guiness dos récords mundiais nas seccións «Mellor xogo de rol vendido para Game Boy» e «Mellor xogo vendido do xénero RPG de tódolos tempos».

Modo de xogo

Pokémon Red e Blue son xogados nunha vista de terceira persoa e perspectiva aérea, e consta de tres pantallas básicas: un mundo exterior, no cal o xogador explora co personaxe principal;[5] unha pantalla de batalla con vista lateral;[6] e unha interface de menú, na cal o xogador pode configurar os seus Pokémons, obxectos e preferencias de xogo.[7]

O xogador pode usar os seus Pokémons para loitar contra outros Pokémons. Cando o xogador encontra un Pokémon salvaxe ou é retado por un adestrador, a pantalla cambia a unha pantalla de loita por quendas que amosa os Pokémons enfrontados. Durante a batalla, o xogador pode escoller un movemento para que o seu Pokémon loite usando un de catro posibles ataques, usar un obxecto, cambiar o seu Pokémon activo, ou tentar fuxir (esta última opción non é posible nas batallas con adestradores). Os Pokémons teñen puntos de vida (HP); cando a saúde do Pokémon se reduce a cero, desmáiase e xa non pode loitar de novo ata que reviva. Cando o Pokémon inimigo é derrotado, o Pokémon do xogador involucrado na batalla recibe un certo número de puntos de experiencia (EXP). Despois de acumular suficiente EXP, un Pokémon subirá de nivel.[6] O nivel dun Pokémon define as súas habilidades físicas, como as estatísticas de batalla adquiridas e os ataques aprendidos. A certos niveis, os Pokémons tamén poden evolucionar. Estas evolucións afectan as estatísticas e os niveis ós cales se poden aprender novos movementos (niveis máis altos de evolución conseguen máis estatísticas por nivel, mais é posible que non aprendan novos ataques tan a miúdo, se é que o fan, en comparanza cos niveis máis baixos de evolución).[8]

Capturar Pokémon é outro elemento esencial do modo de xogo. Durante unha loita cun Pokémon salvaxe, o xogoador pode lanzarlle unha Poké Ball. Se o Pokémon é capturado con éxito, pasará a ser propiedade do xogador. Os factores que inflúen no éxito de captura inclúen o HP do Pokémon e o tipo de Poké Ball empregado: canto máis baixo sexa o HP do obxectivo e máis forte sexa a Poké Ball, máis alta será a probabilidade de éxito de capturalo.[9] O obxectivo último dos xogos é completar as entrada da Pokédex, unha enciclopedia de todos os Pokémons, ora capturando e evolucionando, ora intercambiando con outros xogadores para obter as 151 criaturas.[10]

Pokémon Red e Blue permite aos xogadores intercambiar Pokémon entre dous cartuchos a través dun Game Link Cable.[11] Este método de intercambio debe realizarse para completar a Pokédex, xa que certos Pokémon só evolucionan logo de intercambialos e cada unha das dúas versións teñen Pokémon exclusivos.[4] O Link Cable tamén fai posible loitar contra o equipo Pokémon doutro xogador.[11] Cando se xoga Red ou Blue nunha Game Boy Advance ou SP, o cable GBA/SP non funciona; os xogadores deben usar o Nintendo Universal Game Link Cable no seu canto.[12] Ademais, as versións noutras linguas dos xogos son incompatibles coas versións xaponesas, e tales intercambios danarán os arquivos gardados, xa que os xogos usan diferentes linguas e, polo tanto, conxuntos de caracteres distintos.[13]

Ademais de permitir o intercambio entre eles e con Pokémon Yellow, Pokémon Red e Blue poden intercambiar Pokémon cos xogos de segunda xeración: Pokémon Gold, Silver e Crystal. Porén, existen limitacións: os xogos non poden conectarse se o equipo dun dos xogadores contén Pokémon ou movementos introducidos nos xogos de segunda xeración.[14] Ademais, usando o Transfer Pak da Nintendo 64, algúns datos como Pokémon e obxectos de Pokémon Red e Blue poden ser usados nos xogos de Nintendo 64 como Pokémon Stadium[15] e Pokémon Stadium 2.[16] Red e Blue son incompatibles cos xogos de Pokémon da "xeración Advanced" para Game Boy Advance e GameCube.[17]

Sinopse

Ambientación

Mapa da rexión de Kantō, no Xapón.

Pokémon Red e Blue están ambientados en Kanto, que está baseado na rexión de Kanto, no Xapón. Esta é unha rexión diferenciada, como se mostra en xogos posteriores, con diferentes hábitats xeográficos para as 151 especies de Pokémon existentes, xunto con vilas e cidades poboadas por humanos e rutas que conectan as localizacións entre si. Algunhas áreas só son accesibles unha vez que o xogador aprende unha habilidade especial ou consegue un obxecto.[18] Kanto ten múltiples localizacións: Pallet Town, Viridian City (トキワシティ Tokiwa City), Pewter City (ニビシティ Nibi City), Cerulean City (ハナダシティ Hanada City), Vermillion City (クチバシティ Kuchiba City), Lavender Town, Celadon City (タマムシシティ Tamamushi City), Fuchsia City (セキチクシティ Sekichiku City), Saffron City (ヤマブキシティ Yamabuki City), Cinnabar Island (グレンじま Guren Island), Seafoam Islands (ふたごじま Twin Islands) e Indigo Plateau. Cada cidade ten o seu propio líder do ximnasio, que fai a función de xefe, e os Elite 4 e o rival final atópanse en Indigo Plateau. As áreas nas que o xogador pode atrapar Pokémon van dende covas ata o mar, onde os tipos de Pokémon dispoñibles para atrapar varían. Por examplo, Tentacool só pode ser atrapado a través da pesca ou cando o xogador se atopa nun corpo de auga, mentres que Zubat só pode ser atrapado nunha cova.

Historia

O xogador comeza na súa vila natal en Pallet Town. Logo de aventurarse só entre a alta herba, o xogador é detido polo Profesor Oak, un famoso investigador dos Pokémons. O profesor Oak explícalle ao xogador que os Pokémons salvaxes viven alí e que encontrarse con eles só pode ser moi perigoso.[19] Leva ó xogador ata o seu laboratorio, onde o xogador coñece ó neto de Oak, o seu rival e aspirante a adestrador Pokémon. O xogador e o rival teñen a opción de escoller un Pokémon inicial para a súa aventura, podendo elixir entre Bulbasaur, Squirtle e Charmander.[20] O neto de Oak sempre escollerá o Pokémon que é máis forte contra o Pokémon inicial do xogador. Despois, retará ó xogador a unha batalla Pokémon cos seus novos compañeiros, e continuará retando ó xogador en certos momento ó longo de todo o xogo.[21]

Mentres visita as distintas cidades da rexión, o xogador encontrarase edificios especiais chamados Ximnasios. Dentro destes edificios están os líderes dos Ximnasios, ós cales o xogador deberá derrotar nunha batalla Pokémon para obter un total de oito medallas. Unha vez conseguidas todas as medallas, o xogador ten permiso para entrar na Indigo League, onde se atopan os mellores adestradores Pokémon da rexión. Alí, o xogador deberá combater os Elite Four e finalmente o novo campión: que é o rival do xogador.[22] Ademais, ó longo do xogo, o xogador deberá loitar contra as forzas do Team Rocket, unha organización criminal que comete abusos contra os Pokémons.[8] Eles artellan diferentes plans para roubar Pokémon raros que o xogador debe frustar.[23][24]

Desenvolvemento

O concepto que orixinou a creación de Pokémon, e por ende de Red e Blue, xurdiu da afección de recolección de insectos, un pasatempo que o deseñador Satoshi Tajiri practicou cando era neno.[25] Porén, cando medrou observou que a vila onde vivía íase urbanizando cada vez máis, e como resultado, a poboación de insectos esmoreceu. Tajiri decatouse que os nenos xa non xogaban fóra senón nas súas casas e ocorréuselle a idea para un videoxogo que contiña criaturas que imitaban insectos, chamados Pokémon. Pensou que os nenos podían relacionarse cos Pokémons nomeándoos individualmente e logo controlándoos para representar o medo ou a ira como unha boa forma de aliviar o estrés. Porén, os Pokémons nunca sangraban nin morrían na batalla, só se desmaiaban, sendo este un tema delicado para Tajiri, xa que non quería encher máis o mundo dos videoxogos con "violencia sen sentido".[26]

O Game Link Cable permite ós xogadores intercambiar entre eles diferentes Pokémons de consola a consola, algo que foi innovador dentro da industria.

Cando se lanzou a Game Boy ó mercado, Tajiri pensou que o seu sistema era perfecto para a súa idea, especialmente polo Game Link Cable, que imaxinou que permitiría ós xogadores intercambiar Pokémon entre eles. Este concepto de intercambiar información era novo para a industria dos videoxogos xa que os anteriores cables de conexión só eran usados para competicións.[27] "Imaxinei unha parte da información sendo transferida conectando dúas Game Boys con cables especiais e pensei, vaites, iso realmente vai ser algo grande!" dixo Tajiri.[28] Ó escoitar do concepto Pokémon, Shigeru Miyamoto suxeriu crear varios cartuchos con diferentes Pokémon en cada un, sinalando que axudaría no eido comercial.[29] Tajiri tamén foi influenciado polo xogo de Game Boy The Final Fantasy Legend, creado por Square, sinalando nunha entrevista que o xogo lle deu a idea de que se poderían desenvolver máis que xogos de acción para as consolas portátiles.[30]

Os personaxes principais foron nomeados na honra do propio Tajiri como "Satoshi", que é descrito como Tajiri na súa xuventude, e o seu vello amigo, modelo a seguir, mentor e compañeiro desenvolvedor de Nintendo, Shigeru Miyamoto, deu o seu nome a Shigeru.[26][31] Ken Sugimori, un artista e amigo de Tajiri, encabezou o desenvolvemento de debuxos e deseños dos Pokémons, traballando cun equipo de menos de dez persoas que concibiron os distintos deseños para todos os 151 Pokémons. Atsuko Nishida creou os deseños de Pikachu, Bulbasaur, Charmander, Squirtle, e moitos outros.[32] Sugimori, pola súa banda, finalizou cada deseño, debuxando os Pokémons dende varios ángulos co obxectivo de axudar ó departamento de deseño de Game Freak a renderizar axeitadamente a criatura.[33][34] A música do xogo foi composta por Junichi Masuda, que utilizou os catro canais da Game Boy para crear tanto as melodías e os efectos de son como os "berros" dos Pokémons que se escoitan cando aparecen. El declarou que o tema de apertura do xogo, titulado "Monster", foi producido coa imaxe de escenas de batalla na mente, usando ruído branco para sonar como a música dunha marcha e imitar unha caixa.[35]

Orixinalmente chamado Capsule Monsters, o título do xogo pasou por varias transicións debido a dificultades de marca rexistrada, converténdose en CapuMon e KapuMon antes de recibir o nome de Pocket Monsters.[36][37] Tajiri sempre pensou que Nintendo rexeitaría o seu xogo, xa que a compañía non entendeu realmente o concepto nun principio. Porén, os xogos convertéronse en todo un éxito, algo que Tajiri e Nintendo nunca esperaron, especialmente pola popularidade decrecente que experimentaba daquela a consola Game Boy.[26]

Música

Junichi Masuda compuxo a música de tódalas versións.

A música foi composta por Junichi Masuda[38] no seu fogar cun ordenador Commodore Amiga, que só presenta reprodución de mostra PCM e que converteu a formato de Game Boy cun programa que el mesmo escribiu.[39]

Lanzamento

No Xapón, Pocket Monsters: Red e Green foron as primeiras versións en lanzarse ó mercado, estando totalmente rematadas en outubro de 1995 e sendo estreadas oficialmente o 27 de febreiro de 1996.[40][41] Os xogos vendéronse axiña, debido en parte á idea de Nintendo de producir as dúas versións do xogo no canto dun só título, o que levou ós consumidores a comprar ambos.[28] Varios meses despois, Pocket Monsters: Bluefoi lanzado no Xapón como unha edición especial só para pedidos por correo[42] entre os subscritores de CoroCoro Comic o 15 de outubro de 1996. Posteriormente tamén se lanzou para o comercio retallista xeral o 10 de outubro de 1999.[43][44] Este conta con ilustracións actualizadas do xogo e novos diálogos.[45] Usando Blastoise como mascota, o código, guión e ilustracións de Blue foron usadas para o lanzamento internacional de Red e Green, que foron renomeados como Red e Blue.[42] A edición xaponesa de Blue conta con tódolos Pokémons que están dispoñibles en Red e Green agás un poucos, o que fai que certos Pokémons sexan exclusivos das edicións orixinais.

Para crear aínda máis interese nos xogos, Tajiri revelou a existencia dun Pokémon extra chamado Mew oculto no xogo, o cal "creou moitos rumores e mitos sobre o xogo" e "mantivo vivo o interese".[26] A criatura foi orixinalmente engadida por Shigeki Morimoto como unha brincadeira interna e supoñíase que non debía exponerse ós consumidores.[46] Non foi ata máis tarde que Nintendo decidiu distribuír Mew a través dun evento promocional de Nintendo. Porén, en 2003, o truco para capturalo fíxose amplamente coñecido e iso permitiu que calquera puidese obter o escorregadizo Pokémon.[47]

Durante a localización en América do Norte de Pokémon, un pequeno equipo liderado por Hiro Nakamura revisou cada un dos Pokémons e cambiounos de nome para o público occidental en función da súa aparencia e características, logo da aprobación de Nintendo. Ademais, durante o proceso Nintendo rexistrou os nomes dos 151 Pokémons para asegurarse que serían exclusivos da franquía.[48] Durante o proceso de tradución, fíxose evidente que a simple alteración dos textos do xogo dende o xaponés ó inglés sería imposible; os xogos tiveron que ser completamente reprogramados dende cero por mor do fráxil estado do seu código fonte, un efecto secundario do tempo de desenvolvemento que foi infrecuentemente longo.[34] Polo tanto, os xogos baseáronse na versión xaponesa máis moderna de "Blue", modelando a súa programación e imaxe gráfica segundo Blue , mais mantendo a mesma distribución de Pokémons que se atopa nos cartuchos xaponeses Red e Green , respectivamente.[42]

Mentres se estaban a preparar as versións definitivas de Red e Blue para o seu lanzamento, Nintendo supostamente gastou máis de 50 millóns de dólares para promocoinar os xogos, temendo que a serie non fose atractiva para os nenos estadounidenses.[49] O equipo de localización occidental advertiu que os "monstros lindos" poderían non ser aceptados polo público estadounidense e, en troques, recomendou que se redeseñaran e "reforzaran". O daquela presidente de Nintendo, Hiroshi Yamauchi, negouse e de feito considerou a posible recepción dos xogos nos Estados Unidos como un desafío que afrontar.[50] Malia estes contratempos, as versións reprogramadas Red e Blue cos seus deseños orixinais de criaturas foron finalmente lanzadas en América do Norte o 28 de setembro de 1998, máis de dous anos e medio despois de que Red e Green debutasen no Xapón.[51][52] Os xogos foron recibidos extremadamente ben polas audiencias estranxeiras e Pokémon converteuse nunha franquía moi lucrativa en América.[50] As mesmas versións foron lanzadas en Australia un pouco despois tamén no ano 1998,[53] e en Europa o 5 de outubro de 1999.[54][55]

Pokémon Yellow

Artigo principal: Pokémon Yellow.

Pokémon Yellow Version: Special Pikachu Edition, (ポケットモンスターピカチュウ Poketto Monsutā Pikachū?, lit. "Pocket Monsters: Pikachu") máis coñecido como Pokémon Yellow Version, é unha versión mellorada de Red e Blue, e foi lanzada orixinalmente o 12 de setembro de 1998 no Xapón,[56][57] e en América do Norte e Europa, o 19 de outubro de 1999[58] e o 16 de xuño de 2000[59] respectivamente. O xogo foi deseñado para paracerse á serie anime de Pokémon, xa que o xogador recibe un Pikachu como Pokémon inicial, e o seu rival comeza cun Eevee. Algúns personaxes non xogables tamén se parecen ós do anime, como os membros do Team Rocket Jessie e James.

Relanzamento

O 12 de novembro de 2015, durante unha presentación de Nintendo Direct, anunciouse que a xeración orixinal de videoxogos de Pokémon sería relanzada para o servizo Nintendo 3DS Virtual Console o 27 de febreiro de 2016, co gallo do 20 aniversario da estrea orixinal dos xogos no Xapón. Os xogos inclúen unha novidade para a Virtual Console: un simulador de Link Cable que permite intercambiar e loitar entre os xogos.[60] Como no caso da estrea orixinal, Green é exclusivo dos consumidores xaponeses.[61] Estas versións dos xogos tamén permiten transferir Pokémons a Pokémon Sun e Moon a través da aplicación Pokémon Bank.[62]

O 27 de febreiro de 2016, lanzouse un paquete especial de Nintendo 2DS no Xapón, Europa e Australia, con cada consola coincidindo coa cor correspondente da versión do xogo.[63] En América do Norte, lanzouse un paquete especial para New Nintendo 3DS con placas de cubertas co estilo artístico de Red e Blue.[64]

O 31 de marzo de 2016, as vendas combinadas do relanzamento acadaron as 1,5 millóns de unidades, sendo máis da metade das vendas correspondentes a América do Norte.[65]

Acollida

Recepción
Puntuacións agregadas
AgregadorPuntuación
GameRankings88% (Red)[66]
88% (Blue)[67]
Puntuacións
PublicaciónPuntuación
AllGame (Blue)[68]
EGM8.5/10[69]
Famitsu29/40[70]
GamePro4.5/5[71]
GameSpot8.8/10 (Blue)[8]
IGN10/10 (Red)[4]
Nintendo Power7.2/10[72]

Os xogos recibiron maioritariamente valoracións positivas por parte da crítica, conseguindo unha puntuación do 88% en GameRankings.[66] Os principais eloxios estaban dirixidas ás súas características de multixogador: a posibilidade de intercambiar e loitar en batallas Pokémon con outros xogadores. Craig Harris de IGN deulle ós xogos unha puntuación de "maxistral" cun 10 sobre 10, declarando: "Mesmo se rematas a misión, é posible que aínda non teñas todos os Pokémons do xogo. O desafío de atrapalos a todos é realmente o maior atractivo do xogo". Tamén comentou sobre a popularidade do xogo, especialmente entre os nenos, e describiuno como unha "tolemia".[4] O crítico Peter Bartholow de GameSpot deulle unha valoración de "xenial" cunha puntuación de 8,8 sobre 10, citando os gráficos e o son como algo primitivos, mais afirmou que estes eran os únicos inconvenientes dos xogos. Eloxiou o valor de reprodución dos títulos debido á súa personalización e variedade, e comentou sobre o seu atractivo universal: "Baixo o seu exterior tenro, Pokémon é un xogo de rol serio e único con moita profundidade e excelentes extensións multixogador. Como xogo de rol, o xogo é accesible abondo para que o desfruten os acabados de chegar ó xénero, mais tamén entreterá ós fanáticos incondicionais. É doadamente un dos mellores xogos de Game Boy ata a data".[8]

O éxito destes xogos foi atribuído á súa innovadora experiencia de xogo máis cós seus efectos audiovisuais. Os artigos publicados por Columbia Business School sinalaron que tanto os nenos estadounidenses como os xaponeses preferían de feito o modo de xogo por diante dun son especial ou efectos visuais. Nos xogos de Pokémon, tense descrito que a falta destes efectos artificiais promove a imaxinación e a creatividade do neno.[73] "Con todo o que se fala de motor de xogo e mapeo de texturas e demais, hai algo refrescante neste modo de xogo superlativo que che fai ignorar os bonitos gráficos de 8 bits" declarou The Guardian.[74]

Durante a segunda edición dos Premios Interactive Achievement (coñecidos no presente como Premios D.I.C.E.) da AIAS, Pokémon Red e Blue gañaron o premio "Logro destacado no desenvolvemento de personaxes ou historias", e obtiveron nomeamentos ó "Xogo de rol de consola do ano" e ó "Logro excepcional en deseño interactivo".[75]

Vendas

Pokémon Red e Blue sentaron o precedente para o que se converteu nunha franquía multimillonaria de grande éxito.[76] Red, Green e Blue venderon 1,04 millóns de unidades combinadas no Xapón durante o ano 1996, e outras 3,65 millóns en 1997. Colectivamente, a acollida de Pokémon converteuno no xogo máis vendido de ano no país, superando a Final Fantasy VII.[77] Os xogos de Pokémon combinados venderon un total de 10,23 millóns de copias no Xapón[78] e en agosto de 2020, seguían a ser os xogos máis vendidos do país.[79]

Nos Estados Unidos, converteuse nun dos títulos de Game Boy que máis axiña se vendeu, con 200 000 copias nas dúas primeiras semanas e un total de 4 millóns de unidades a finais de 1998.[80] Ó final da súa distribución no mercado, vendera un total combinado de 9,85 millóns de unidades nos Estados Unidos.[81] En todo o mundo, as vendas de Pokémon superaron máis de 31 millóns de unidades.[82][83] En 2009, IGN referiuse a Pokémon Red e Blue como o "RPG máis vendido de Game Boy" e o "RPG máis vendido de tódolos tempos".[84]

Legado

A páxina web sobre videoxogos 1UP.com compuxo unha lista dos "5 mellores xogos que 'chegaron tarde á festa'", na cal se recollían títulos seleccionados que "demostran o potencial sen aproveitar dunha plataforma de xogos" e que foron dos últimos xogos lanzados para as súas respectivas videoconsolas. Red e Blue foron clasificados no primeiro posto e foron chamados a "arma secreta" de Nintendo, xa que foron lanzados para Game Boy a finais da década de 1990.[28] Nintendo Power clasificou Red e Blue xuntas como o terceiro mellor videoxogo de Game Boy e Game Boy Color, dicindo que algo nos xogos os mantivo xogando ata que atraparon todos os Pokémons.[85] Ben Reeves de Game Informer considerounos (xunto con Pokémon Yellow, Gold, Silver e Crystal) os segundos mellores xogos de Game Boy e afirmou que tiñan máis profundidade do que parecía.[86] Official Nintendo Magazine considerou os xogos como os mellores de Nintendo de tódolos tempos, situándoos no posto 52 na súa lista dos 100 mellores.[87] Red e Blue situáronse no posto 72 da lista dos "100 mellores xogos de tódolos tempos" creada por IGN en 2003, na cal os revisores sinalaron que o par de xogos "iniciou unha revolución" e eloxiou o deseño profundo e a estratexia complexa, así como a opción de intercambiar entre eles.[88] Dous anos despois, ascenderon ata o posto 70 na actualización da lista, sendo o seu legado o aspecto salientado, tendo en conta a inspiración de múltiples secuelas, filmes, series de televisión e produtos de mercadotecnia fortemente arraigados na cultura popular.[89] En 2007, Red e Blue ascenderon de novo ata o posto 37 desta lista, e os críticos remarcaron a lonxevidade dos xogos:

Por todo o que veu na década dende entón, todo comenzou aquí mesmo con Pokémon Red/Blue. A súa combinación única de exploración, entretemento, loita e intercambio creou un xogo que era moito máis profundo do que semellaba nun principio e que en realidade obrigaba ó xogador a socializar con outros para experimentar realmente todo o que tiña que ofrecer. O xogo é longo, fascinante e brilla con esa adictividade intanxible que só os mellores títulos son quen de capturar. Di o que queiras sobre o xogo, mais poucas franquías de xogos poden pretender ser tan populares dez anos despois de teren chegado por vez primeira ás tendas.[90]

Os xogos son amplamente considerados como o xermolo da exitosa serie de videoxogos por valor de miles de millóns de dólares.[28] Cinco anos despois da estrea inicial de Red e Blue', Nintendo celebrou o seu "Pokémoniversario". George Harrison, o vicepresidente sénior de mercadotecnia e comunicacións corporativas de Nintendo nos Estados Unidos, declarou que "esas preciosas xemas [Pokémon Red e Blue] evolucionaron en Ruby e Sapphire. O lanzamento de Pokémon Pinball inicia unha liña nova de fantásticas aventuras Pokémon que se presentarán nos próximos meses".[91] Dende entón a serie vendeu máis de 300 millóns de xogos, todos acreditados polo enorme éxito das versións orixinais Red e Blue.[28][92]

O 12 de febreiro de 2014, un programador austrialiano anónimo lanzou Twitch Plays Pokémon, un "experimento social" na plataforma de vídeo Twitch. O proxecto foi un intento de crowdsourcing para xogar unha versión modificada de Pokémon Red escribindo comandos no chat de rexistro da canle, conseguindo unha media de 50.000 espectadores participando ó mesmo tempo. O resultado comparouse con "ver un accidente automobilístico en cámara lenta".[93] O xogo completouse o 1 de marzo de 2014 e conta con 390 horas de xogo continuo controlado por múltiples usuarios.[94]

Remakes

Artigo principal: Pokémon FireRed e LeafGreen.

Pokémon FireRed Version (ポケットモンスター ファイアレッド Poketto Monsutā Faiareddo?, lit. "Pocket Monsters: FireRed") e Pokémon LeafGreen Version (ポケットモンスター リーフグリーン Poketto Monsutā Rīfugurīn?, lit. "Pocket Monsters: LeafGreen") son remakes mellorados de Pokémon Red e Green. Os novos títulos foron desenvolvidos por Game Freak e publicados por Nintendo para a Game Boy Advance e teñen compatibilidade con Game Boy Advance Wireless Adapter, que orixinalmente viña incluída cos xogos. Porén, debido ás novas funcionalidades engadidas a FireRed e LeafGreen (como cambiar a estatística única "Especial" en dúas estatísticas separadas como "Ataque especial" e "Defensa especial"), estes títulos non son compatibles con versións anteriores. FireRed e LeafGreen foron lanzados no Xapón o 29 de xaneiro de 2004,[95][96] e en América do Norte e Europa o 9 de setembro[97] e o 1 de outubro de 2004[98] respectivamente. Case dous anos despois da estrea orixinal, Nintendo comercializounos de novo como títulos co selo Player's Choice.[99]

Os xogos recibiron a aclamación da crítica, obtendo unha puntuación do 81% en Metacritic.[100] A maioría dos críticos eloxiaron o feito de que os xogos contasen con novas características pero que aínda así mantivesen o modo de xogo tradicional da serie. A acollida dos gráficos e do son foi máis dispar, xa que algúns críticos consideraron que eran sinxelos de máis e non ofrecían ningunha mellora respecto dos xogos anteriores, Pokémon Ruby e Sapphire. FireRed e LeafGreen foron grandes éxitos comerciais, vendendo un total de 12 millóns de copias en todo o mundo.[101]

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

🔥 Top keywords: